Propostas de sindicatos e Consellos Reguladores para mellorar os seguros agrarios en viñedo

Menos do 20% dos viticultores galegos teñen contratada unha póliza para o seu viñedo. A Xunta analiza coas organizacións agrarias e as Denominacións de Orixe que melloras se poden acometer para incrementar a contratación. Velaquí algunhas das propostas.

Publicidade
Propostas de sindicatos e Consellos Reguladores para mellorar os seguros agrarios en viñedo

Viñedos afectados polas xeadas na DO Monterrei.

As xeadas de finais de abril, que arrasaron gran parte do viñedo das denominacións de orixe Monterrei, Valdeorras e Ribeiro, puxeron de manifesto un problema estrutural do sector en Galicia: menos do 20% dos viticultores teñen contratada unha póliza de seguro agrario, o que os deixa totalmente indefensos ante catástrofes climátolóxicas e a disposición da vontade do gobernante de quenda para recibir axudas.

Neste sentido, para incrementar a contratación de seguros para viñedo, a Consellería do Medio Rural convocou hai dúas semanas a Comisión Territorial de Seguros Agrarios para que organizacións agrarias, compañías aseguradoras e representantes dos Consellos Reguladores presenten propostas. A Consellería comprometeuse a elaborar con elas un borrador que finalmente remitirá como proposta ao longo da primeira quincena deste mes á Entidade Nacional de Seguros Agrarios (Enesa), o organismo dependente do Ministerio de Agricultura que marca as directrices dos seguros agrarios en España.

Ofrecemos a continuación algunhas das propostas presentadas polos Consello Regulador e polas organizacións agrarias para que os seguros agrarios para viñedo adáptense á realidade galega e incrementar así a súa contratación:

Sindicato Labrego Galego:

-Aumentar o prezo das variedades (por exemplo: Godello está en 0.58€/kg, debería estar sobre 1-1,10€/kg; a Mencía está en 0.63€/kg, debería estar sobre 1€/kg: no albariño esta a 1,30 €/Kg , e para a treixadura e loureira a 1€/Kg )

-Fomentar a contratación para a xente nova, con incorporación na actividade agraria nos 2 anos anteriores, cun incentivo de subvención na prima base.

-Fomentar a contratación en zonas que tiveron moita incidencia de sinistros na campaña anterior.

-Aprazar a baixada de 10 puntos na subvención de Enesa , que non se faga efectiva ata dentro de 2 anos, na comunidade galega.

-En caso de non aprazar esta baixada de puntos, incentivar unha subvención da CCAA ou Xunta de Galicia nas zonas que tiveron maior incidencia de sinistros.

-Permitir un aumento nos kg de produción nos módulos de inverno, para non ter que facer unha póliza complementaria na primavera.

-Maior publicidade desde as Oficinas Agrarias Comarcais.

-Maior bonificación por renovación se non tiveron sinistros segundo o historial do asegurado.

-Non obrigación de ter que asegurar toda a explotación de viñedo, posto que hai viticultores que teñen parcelas en distintas zonas con diferentes incidencias; se non teñen que asegurar parcelas que non van ter sinistros, redúcense os kg asegurados e por tanto redúcese o custo da póliza.

-Bonificacións no primeiro ano de contratación; xa que non existe renovación, incentivar a contratación para que sexa mais interesante para o asegurado. As pólizas seguen sendo altas desde o punto de vista do colectivo asegurado.

Unións Agrarias:

-Eliminar o sistema de bonificacións e recargas nos sinistros por adversidades climáticas, dado que o asegurado non é responsable delas.

-Establecer melloras no custo do aseguramento por parcela, pois en Galicia debido ao minifundio e á dispersión, as parcelas poden presentar características moi diferentes non sendo adecuado o seguro por explotación.

-Aumentar ata o máximo legal permitido as subvencións, tanto por parte de ENESA como pola Comunidade Autónoma.

-Ofrecer rendementos asegurables máis altos desde o primeiro ano, acordes cos datos que poidan ofrecer os consellos reguladores ou o Fogga.

-Reducir o limiar do sinistro mínimo indemnizable nalgúns riscos como o vento, situado no 30 %.

Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro:

-Incremento e actualización da marxe de prezos de uva para os seguros

-Modelo de contratación en base a unha zonificación do territorio máis adaptada á realidade da D.O. Ribeiro

-Rebaixar as porcentaxes das franquías

-Cobertura dun risco do 100%

Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras:

-Incrementar as valoracións do seguro da uva das variedades autóctonas. En concreto, subir a do Godello dos 0,58 céntimos a un mínimo de 1 euro o quilo.

-Os viticultores a tempo parcial deberían ter as mesmas vantaxes na contratación de seguros que os que o son a título principal.

-Reducir a porcentaxe da franquía dos seguros e establecer unha zonificación .

Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei:

-Actualizar os prezos da uva das variedades autóctonas galegas e a súa valoración por parte de Agroseguro.

Unións recollerá sinaturas entre os viticultores para esixir axudas á Xunta

O secretario xeral de Unións Agrarias (UU.AA.), Roberto García, anunciou este venres a posta en marcha dunha campaña de recollida de firmas entre os produtores de viño para, a través dun novo mecanismo de participación, pedir á Xunta no Parlamento que dispoña axudas directas que palíen os danos ocasionados polas xeadas.

Para que poida ser tramitada no Parlamento galego a iniciativa debe recoller un mínimo de 2.500 firmas. O Grupo Socialista xa se comprometeu a tramitala

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información