Previsións da vendima en Galicia: boa calidade e cantidade á espera de que non chova

Se a meteoroloxía segue a ser favorable na recta final da maduración da uva, prevese unha colleita abundante e de boa calidade, logo de que apenas se rexistraran afeccións do viñedo nestes meses. Recompilamos as previsións que manexan dende as 5 Denominacións de Orixe galegas

Publicidade
Previsións da vendima en Galicia: boa calidade e cantidade á espera de que non chova

Vendima na DO Monterrei

A falta dunhas semanas para que comece a vendima en Galicia, a situación do viñedo e as previsións de colleita parecen indicar que este pode ser un bo ano de viño, tanto en volume de uva como na calidade que se agarda obter.

Pese á inestabilidade meteorolóxica rexistrada este ano, o balance sanitario dos viñedos galegos é positivo e a meirande parte das cepas teñen boa saúde. A incidencia de enfermidades durante a campaña tamén foi menor que outros anos, mesmo nas zonas con maior predisposición.

Dende as distintas Denominacións de Orixe coinciden en sinalar que a vendima comezará, na maioría das adegas, a mediados do mes de setembro, respectando as datas tradicionais, e mesmo se pode adiantar, dependendo da meteoroloxía destes últimos días. Os viticultores permanecen moi atentos tamén á evolución do tempo nesta recta final e agardan que non se produzan choivas que poidan estragar as boas perspectivas.

Nunha estimación inicial calcúlase que se poidan sobrepasar os 66 millóns de quilos de uvas nesta colleita, por riba dos 63,9 rexistrados na vendima de 2018. Facemos un repaso polas 5 denominacións de orixe de Galicia para coñecer en detalle as previsións que estiman dende os Consellos Reguladores:

Rías Baixas: “As previsións estiman que a colleita pode chegar ós 36,5 millóns de quilos”

Na Denominación de Orixe Rías Baixas as previsións, polo momento son boas, e agardan unha colleita que se situará arredor dos 36 ou 36,5 millóns de quilos, en valores similares ós recollidos o ano pasado. “Prevese que sexa unha colleita de boa calidade se nos segue acompañando a meteoroloxía”, indica Agustín Lago, director técnico do Consello Regulador da DO Rías Baixas.

“Nestes momentos o estado sanitario do viñedo é bo a pesar dunha primavera complicada, logo dunha agromada moi boa, o que provocou algo de mermas por corrementos no momento do callado do froito”, concreta o técnico. Tamén deixaron perdas puntuais os episodios localizados de pedrazo rexistrados sobre todo na zona do Rosal e O Condado. “Tivemos algúns ataques de pragas, sobre todo en maio, pero que se controlaron moi ben”, recorda.

“Teremos algunhas vendimas máis adiantadas, xa a comezos de mes, para realizar viños espumosos”

Prevén que a maior parte das adegas comecen a vendima a mediados de setembro, aínda que tamén agardan que algunhas  comecen antes a vendima de viños especiais. “Teremos algunhas vendimas máis adiantadas, que poden empezar os traballos xa a comezos de mes, para realizar viños espumosos”, apunta Lago.

Dende o Consello Regulador da DO recomendan ós viticultores seguir atentos á meteoroloxía e ás indicacións que poidan ir facendo os técnicos das adegas nesta recta final antes da vendima.

Ribeiro: “O volume da colleita agárdase que sexa mellor que os rexistrados nos dous últimos anos”

Na Denominación de Orixe Ribeiro, os técnicos do Consello Regulador atópanse revisando o viñedo nas inspeccións previas á vendima e prefiren non aventurar unha estimación exacta. “Sabemos que a colleita, polo de agora, preséntase mellor ca os 2 anos anteriores cando se rondaron os 9 millóns de quilos, sendo colleitas malas en canto a volume”, comenta o presidente do Consello Regulador, Juan Casares.

Agardan que haxa variacións da calidade dunhas variedades a outras

Dende o Consello Regulador apuntan a que haberá variacións dunhas variedades a outras, en canto á calidade das uvas, xa que algunhas castes como a Treixadura sufriron máis durante os meses pasados. “Isto non quere dicir que esta variedade teña mala calidade, senón que non vai acadar os niveis que teñen outras castes”, explica Casares.

En principio o inicio da vendima agárdase que se axuste ás datas históricas para esta zona, arredor do día 15 de setembro, aínda que en función do calor destes días tamén barallan que se poida adiantar.

A diferenza do que acontecera o ano pasado, cando se rexistrara unha gran incidencia de mildio, oídio e black-rot, este ano segundo os informes técnicos que manexan na DO, non houbo unha notable afección de enfermidades do viñedo. “Parece que a meteoroloxía, polo momento, está a permitir unha boa colleita”, apunta Casares.

Ribeira Sacra: “Prevemos incrementar a colleita ata os 7 millóns de quilos”

As previsións de cara á colleita son moi boas na Denominación de Orixe Ribeira Sacra e, se o tempo segue a acompañar, agardan acadar os 7 millóns de quilos dentro das adegas adscritas ó Consello Regulador. Aínda que a iso hai que engadirlle os viñedos para autoconsumo que representan arredor de dúas terceiras partes da produción de viño da Ribeira Sacra.

Ademais, polo momento tamén a uva está nun bo estado e, de manterse así, agárdase unha boa calidade do viño. “Polo de agora, estanse dando as condicións óptimas para que a vendima sexa moi boa, xa que a uva está sa e as noites quedan frescas o que posibilita que se fixe máis a acidez”, apunta José Manuel Rodríguez, presidente do Consello Regulador da DO.

“Polo de agora, estanse dando as condicións óptimas para que a vendima sexa moi boa: a uva está sa e as noites quedan frescas”

Pero pese a iso, Rodríguez mantense moi cauto e recorda que o tempo destas últimas semanas e o que se rexistre durante a vendima será clave. “A calidade verase condicionada se a recollida se ten que realizar chovendo”, concreta.

Tampouco nesta zona houbo unha incidencia grave de enfermidades no viñedo e non se precisaron moitos tratamentos para atallalos. “En xeral, foi un ano bastante bo e resultou fácil solucionar os problemas que se foron detectando”, explica Rodríguez.

En canto ás datas de comezo da vendima, agardan que a maior parte dos viticultores realicen os traballos arredor de mediados de setembro. Aínda que non descartan que se poida adiantar dependendo destas últimas semanas. Tamén agardan que algunhas adegas de determinadas zonas comecen xa a primeira semana de setembro.

Valdeorras: “Despois de anos con producións moi baixas agárdase recuperar as cifras habituais de arredor de 6,5 millóns de quilos”

Todo parece apuntar a que na DO de Valdeorras se recuperarán as cifras de colleitas anteriores, logo de varios anos cunha produción máis reducida situándose no 2017 nos 4,5 millóns de quilos. “Parece que volveremos ter a produción dun ano normal no que se rondan os 6,5 millóns de quilos aínda que tamén se incorporaron novos viñedos polo que aínda estamos a realizar revisións en campo”, concretan dende o departamento técnico do Consello Regulador.

Agardan que a vendima comece xa a primeira semana de setembro

Xunto á importante cantidade de uva que constatan, engádese que haxa unha moi boa sanidade nos viñedos. Aínda así, dende o Consello Regulador están pendentes da evolución destas últimas chuvias e hai certa preocupación a que poida comezar a podrecer a uva.

O frío dos últimos días pode motivar que a vendima se atrase á segunda semana pero o máis probable, como apuntan dende o departamento técnico, é que o inicio da colleita se manteña na primeira semana do mes de setembro, como adoita ser habitual.

Monterrei: “Agardamos unha colleita similar á do ano pasado que ronde os 5,5 millóns de quilos”

Pese ós episodios de pedrazo rexistrados a comezos do mes de xullo e que asolaron a colleita en zonas concretas, prevese que o volume de produción na Denominación de Orixe de Monterrei non se resinta e se manexen cifras similares ás do ano pasado, posto que as fincas afectadas representaban apenas o 4% do viñedo da DO. Así, as previsións estiman que se logrará unha colleita de arredor de 5,5 ou 5,7 millóns de quilos.

Agárdase que os traballos da vendima comecen a partir de mediados de mes ou mesmo contra o día 20 de setembro. “Vai con algo de retraso con respecto a outras colleitas pola meteoroloxía que tivemos e que estamos a ter estes días. Tamén é certo que aínda se pode adiantar en función de como vaia vindo o tempo nestas xornadas”, concretan dende o departamento técnico do Consello Regulador da DO.

“Polo momento, o estado fitosanitario da uva é bo pero haberá que agardar ás semanas previas ó comezo da vendima, cando se realicen os primeiros controis de maduración ,nos que avaliar valores como o Ph ou a acidez”, indican os técnicos da DO.

Recomendan estar atentos á aparición de botrite que pode xurdir se comeza a chover nos días previos á vendima

Como apuntan dende o departamento técnico, a incidencia de enfermidades na DO Monterrei adoita ser moi baixa, debido ó clima seco que teñen, e este ano tampouco se viu afectado o estado sanitario do viñedo na campaña. “O verán está a ser un pouco atípico, resulta máis húmido do que estamos acostumados na zona de Monterrei, pero aínda así non tivemos case problemas sanitarios de pragas, agás un pouco de mildiu e black-rot, en certas épocas, que estiveron controlados en todo momento”, concretan.

Dende o Consello Regulador tamén recomendan estar atentos nestes últimos días antes da vendima ante a posible aparición de enfermidades como a botrite. “Aínda que é moi raro, se comeza a chover poden darse casos de botrite que poderían resolverse con tratamentos lixeiros como algún sulfato de contacto, cun caldo bordelés ou cun sulfato de cobre”, apunta o equipo técnico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información