“Poderíamos aumentar a produción de godello de Valdeorras un 50% e venderíamola sen problema”

Entrevista a José Luis García Pando, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras. No ecuador do seu mandato, falamos con el das principais retos dunha DO que está de moda

“Poderíamos aumentar a produción de godello de Valdeorras un 50% e venderíamola sen problema”

José Luis García Pando, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras

Cumprido o ecuador do seu mandado – en agosto fará dous anos- á fronte do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, falamos con José Luis García Pando dos principais retos aos que se enfronta esta DO, a que máis interese está a suscitar nos últimos anos entre os inversores de fóra de Galicia.

Levas dous anos á fronte do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras. ¿Que balance realizas?
Positivo, no sentido de que no Consello Regulador volvemos retomar a senda de promoción dos viños de Valdeorras, de forma que estamos de novo en feiras nas que deixáramos de estar presentes, volver retomar o contacto con sumilleres, a presentación da DO en distintas cidades españolas a través de catas…etc.

No Consello Regulador non paramos e mantivemos unha intensa axenda nesta primeira metade do ano, que é cando máis se concentra a promoción.

Eres tamén viticultor e adegueiro. ¿Como empezou a túa relación co mundo do viño?
En Valdeorras é difícil non ter algunha vinculación coa viticultura porque o viño forma parte da nosa cultura, da nosa vida e os que somos de aquí dunha ou dunha outra forma vivimos o mundo do viño.

O meu visavó tiña unha adega en Entrambasaugas, nunha aldea de Rubiá, o meu avó tamén cultivaba as viñas. Na miña casa facíase viño e teño recordo de pequeno de pisar as uvas cos pés descalzos e logo xa con catiuscas e de meter bagazo dentro das cubas. A viticultura forma parte da miña vida.

¿Como definirías o momento no que estades agora na Denominación de Orixe Valdeorras?
Agridoce. Doce no sentido de que os viticultores ven que o seu traballo é valorado e pagado. De feito, as uvas nestes dous ou tres últimos anos estivéronse pagando a uns prezos moi decentes.

E as adegas están vendendo ben todo o viño a uns prezos que lles permiten estar no mercado cunhas marxes xustas.

Porén, tamén é un momento agre porque nos últimos anos fainos falta moita máis produción, que por incidencias climatolóxicas non tivemos. Isto lastrou a posibilidade de aumentarmos as vendas e estar presentes en máis mercados que por falta de viño nestes dous últimos anos non puidemos entrar.

“Precisamos producir máis uva para atender a demanda que temos”

Agora mesmo no viño Godello aínda que producíramos un 50% máis non teríamos ningún problema en comercializalo. Pero temos que contar con que o mercado é global, de forma que competimos con outros viños brancos de grandes adegas de Rueda ou doutros sitios.

¿Como se están comportando os prezos na DO Valdeorrras?
O godello na pasada vendima vendeuse nunha marxe de 1,80 a 2,50 euros o kilo. E a mencía oscilou entre os 0,90 euros o quilo e os 1,40 euros. En canto á Garnacha, tamén se pagou bastante ben, de 0,80 a 0,90 céntimos e o Palomino ou Jerez é unha variedade que prácticamente só recollen as cooperativas a un prezo que non é de mercado.

O prezo medio da botella de viño de Valdeorras varía moito: dende un xenérico que pode saír da adega a pouco máis de 2 euros a botella a algunha elaboración especial que sae a 150 euros. Pero o prezo básico dun Godello xoven, sen lías nin envellecemento en madeira, está nun mínimo de 5 euros en adega. A escasez de uva que houbo nestas dúas últimas vendimas permitiu que todas as adegas subiran os prezos de venda.

En canto ás plantacións de novos viñedos. ¿Vese dinamismo nos últimos anos para aumentar a superficie vitícola da DO?
Si, de feito as plantacións de novos viñedos aumentaron notablemente. Moitos viticultores e adegas están incrementando superficie e vese un dinamismo neses dous últimos anos que non se observaba anos atrás.

Isto vai permitir nos próximos anos aumentar considerablemente as producións, fundamentalmente das variedades preferentes Godello e Mencía. E se quitamos o factor problemático que padecemos tanto de xeadas como de mildeu dos dous últimos anos, teríamos xa un aumento bastante significativo; ao mellor non tanto na totalidade da produción, pero si das variedades preferentes, sobre todo da Godello.

“O Godello está saíndo da adega a un mínimo de 5 euros a botella”

¿Superouse o enfrontamento entre o modelo de viticultura de Valdeorras que apostaba por manter as variedades non preferentes como Garnacha e Jerez, e aumentar as producións por hectárea, fronte ao modelo das adegas privadas que apostaban máis por variedades preferentes e por controlar máis as calidades?
Creo que o mercado pon a cada un no seu sitio e o que estamos vendo é que os consumidores nos piden viños de alta calidade, elaborados a partir de varidades diferenciadas e a prezos interesantes.

O modelo de producir apostando pola cantidade e con variedades que non dan unha calidade do viño tan alta e que non están diferenciadas, vai a menos ano a ano. A propia dinámica do mercado está provocando que o Palomino vai ser nuns anos unha variedade en extinción, mentres que a Garnacha pode manterse porque segue habendo unha demanda de viño tinto, grazas a que é unha variedade moi boa para elaborar viños xenéricos. Pero tamén porque viñas vellas de Garnacha estanse recuperando para elaborar viños de parcela monovarietais que están dando uns resultados expectaculares.

E o que si aumenta ano a ano é a plantación de Godello e de variedades galegas tintas que até o de agora eran testemuñais, como a Sousón ou o Albarello, que nos están dando unha gama moi interesante de tintos moi diferenciados para elaborar viños de garda. E iso está sendo posible grazas a unha serie de adegas que apostaron por explorar novos territorios con viños dos que sentimos orgullo.

A D.O. Valdeorras foi unha das primeiras de Galicia nas que chegaron grandes adegas de fóra para mercar viñedos e adegas. ¿Preocúpavos ao Consello Regulador que as adegas locais perdan o control da DO?
Os grupos que entraron nos últimos anos non viñeron buscando sacar viños a menores prezos, senón todo o contrario: elaborar un viño de moita calidade, investir no territorio da DO e vender a un prezo por riba da media.

Por outra parte, en Valdeorras tampouco é fácil mercar terreo. É dicir, mercar 100 ou incluso 50 hectáreas de viñedo, como si se pode facer noutras DO, non é posible aquí debido ao minifundio. Leva moitos anos mercar leiriña e leiriña para facer un viñedo dun tamaño xeitoso. A parte de que hai que agardar uns anos para que a viña entre en produción. Por iso, case todas as adegas que veñen de fóra queren mercar xa un viñedo feito e unha adega.

Neste sentido, creo que de momento deberíamos estar contentos de que empresas de fóra veñan apostar pola nosa Denominación de Orixe, porque este tipo de investimentos non son deslocalizables, senón que están vinculados ao territorio.

¿Estades de acordo co sistema para realizar novas plantacións de viñedo en España?
O modelo claramente non nos gusta. O que agora se chama autorizacións administrativas de plantación de viñedo debería ser competencia da Xunta de Galicia, tal e como reclamamos os consellos reguladores das DO´s galegas dende hai tempo. A Comunidade Autónoma é a administración máis cercana e a que mellor coñece a realidade das distintas denominacións de orixe.

De momento, cada un vai facendo como pode, como mercar viñas abandonadas, para poder plantar. De momento non é un factor limitante, pero si o pode ser no futuro.

En todo caso, o aumento da superficie de viñedo debe estar sempre acompasado á demanda do mercado.

“A Xunta de Galicia debería ter a competencia para autorizar novas plantacións de viñedo”

¿Cales son os grandes temas pendentes do Consello Regulador?
Os obxectivos son que se coñeza máis a marca Valdeorras e que o noso viño se venda máis e a mellor prezo. Cómo logralo é onde está o debate. Estamos limitados e condicionados polo pouco viño que tivemos nos últimos anos, e que nos está impedindo estar en máis mercados e ter máis coñecemento.

A nosa gran materia pendente é medrar máis en produción e seguir apostando pola calidade. Respecto disto último, estamos implantando a acreditación de ENAC, que garante a máxima trazabilidade e calidade do noso viño. A veces as pequenas DO´s cumprimos mellor incuso que as grandes. Sirva como exemplo que Rioja ou Ribera del Duero aínda non están acreditadas por ENAC.

Por último, ¿Que lle pedirías á Administración como presidente do Consello Regulador?
O tema dos dereitos de plantación de viñedo creo que é fundamental. E logo, reducir o exceso de burocracia, que sabemos que é enormemente engorrosa e complicada. Creo que debería haber máis traballadores públicos nas oficinas agrarias comarcais, máis funcionarios preparados para asesorar de forma que as aficinas agrarias comarcais volvan ser o centro dinamizador, formador e asesor para toda a xente que quere traballar no agro.

O que non pode ser é que unha persoa que queira traballar na agricultura ou na gandería estea meses bloqueada no seu negocio por un trámite burocrático.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información