Os viticultores do Ribeiro manifestaranse en demanda de axudas polas xeadas

Publicidade
Os viticultores do Ribeiro manifestaranse en demanda de axudas polas xeadas

Danos pola xeada no Ribeiro

Os viticultores do Ribeiro están convocados o vindeiro sábado a unha mobilización en Ribadavia para esixir á Xunta de Galicia que estableza unha liña de axudas directas para paliar as graves perdas provocadas polas xeadas.

Así se acordou nunha asemblea convocada por Unións Agrarias e que se celebrou este venres pola noite en Ribadavia, á que acudiron uns 200 vitcultores, o que dá mostra da preocupación no sector polos danos das xeadas.

Desde Unións insisten en que “estamos ante un problema de primeira magnitude, que leva por diante un sector en catro denominacións -O Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra- polo que a primeira opción pasa por indemnizar aos agricultores por metro cadrado de viña danada, de maneira similar a como se fixo en 2016 na Ribeira Sacra cando a saraiba arrasou a subzona de Sober”.

Neste sentido, o sindicato considera “unha escusa pobre o manifestado respecto diso pola conselleira, xa que non se ampara na legalidade, posto que se poden trasladar axudas directas de ata 15.000 euros por explotación”.

A este respecto, demándanlle á Consellería do Medio Rural “que recapacite e indemnice aos afectados, e se non se pode compensar por quilo de uva, que se faga por metro cadrado, como se fixo na Ribeira Sacra”.

“Así mesmo, -engaden- é imprescindible abordar as bonificacións fiscais e nas cotizacións á Seguridade Social”, así como unha restructuración global das pólizas de seguros agrarios para que se adapten á realidade de Galicia.

Aprazada a asemblea en Verín

A asemblea convocada por Unións para os viticultores e adegas da Denominación de Orixe Monterrei, a máis afectada polas xeadas, foi finalmente aprazada para a próxima semana, aínda que sen concretar data polo momento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información