“Os viños máis valorados son os de parcela, de cepas vellas e pacientes gardas”

Entrevista a Luís Paadín, autor da Guía de Viños, Destilados e Adegas de Galicia 2019, un referente a nivel nacional e internacional dos viños galegos que estes días se está presentando. O seu autor fálanos das principais novidades e das claves para que un viño logre a máxima distinción

Publicidade
“Os viños máis valorados son os de parcela, de cepas vellas e pacientes gardas”

Luis Paadín e o seu fillo Alejandro durante a presentación da guía

A Guía de Viños, Destilados e Adegas de Galicia é xa unha referencia ineludible a nivel nacional e internacional para coñecer os viños e as adegas galegas. Creada hai 10 anos por Luís Paadin, nesta edición 2019 contén máis de 1.000 fichas de cata, con 336 adegas e destilerías catadas.

Desta guía edítanse 2.000 exemplares anuais dos cales máis de 1.000 son reservados antes da saída ao mercado por máis de 200 mecenas, o que lles permite seguir editando sen publicidade para manter a independencia.

Entrevistamos ao seu autor e impulsor, Luís Paadín, que nos fala das principais novidades desta edición e das claves que que un viño logre o Gran Ouro, a máxima distinción.

¿Cuantos viños e destilados valorastes nesta guía 2019 e cuantos debutan?
Para esta guía catáronse máis de 1.200 referencias, das cales 1.010 foron recoñecidas con algunha medalla (Prata, Ouro e Gran Ouro). Do total de mostras, máis de 150 nunca antes foran catadas na Guía e o total de referencias incluídas aumentou un 20% respecto da edición do 2018. Nalgunhas Denominacións de Orixe, o 92% de adegas amparadas participaron con mostras nesta guía.

¿Que outras novidades presenta a Guía dos Viños de Galicia 2019?
Ademais da ampliación de viños catados e o aumento de páxinas da Guía, que chega ás 400, este ano ampliáronse os mapas pluviométricos e climatolóxicos de cada Denominación de Orixe con datos do 2016 e 2017, mostrando de forma moi concisa a enorme variabilidade das colleitas, o que inevitablemente condiciona o resultado dos viños e a gran diversidade de cada val, ladeira e viñedo.

 “Os viños galegos máis premiados tenden a ser de anadas máis vellas”

En xeral, ¿que vos sorprendeu dos caldos que analizastes nesta edición?
En primeiro lugar a gran tendencia cara a viños de anadas máis vellas. No medalleiro Summa Cum Laude (os Grandes Ouros por encima de 92 puntos) desta edición, tan só o 20% dos viños son da colleita 2017, mentres que o 80% restante son de anadas pretéritas (con varios 2010 e algún 2008).

Tamén é sorprendente a gran cantidade de viños de parcela, onde o viñedo é o verdadeiro protagonista. Cando as adegas decídense a embotellar o viño procedente dunha única parcela esta ten que ser excepcional e deben coidar o produto para transmitir esa excepcionalidade ata que chegue ao consumidor final. Aqueles viños cuxo viñedo se antepón ao traballo en adega van gañando moita relevancia ano tras ano.

¿Que viños mereceron a máxima puntuación e que vos levou a situalos no top desta guía?
Sobre todo a diferenciación, case sempre ligada ao viñedo. Os viños cátanse a cegas e non coñecemos as marcas, nin as vinificacións, nin a súa historia, tan só a anada e a zona. Cando na análise sensorial o viño mantén un estilo dentro dos cánones de tipicidade da zona e da anada, pero suma un plus de diferenciación (maior complexidade, intensidade, persistencia, elegancia…) podemos estar ante un Gran Ouro.

¡“O Gran Ouro adoita ser para viños de parcela, de viñedos vellos e de pacientes gardas”

Ao final cando cotexas os resultados é curioso ver como a tendencia de premios moitas veces vanse cara a vinificacións de parcelas moi concretas, viñedos vellos e pacientes gardas.

¿Outros viños que vos sorprenderon moi positivamente aínda que non lograsen as máximas puntuacións?
Sempre é de destacar o gran esforzo que as adegas das I.X.P.s, ou as que están fóra de D.O. por cuestións xeográficas, fan por manter cotas de calidade altas cando non teñen detrás selos tan potentes como Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro ou Valdeorras.

Só o empeño de xente moi ligada á súa terra é capaz de conseguir moi bos viños, aínda que non logren as máximas puntuacións, a pesar do hándicap engadido de non dispor dun potente aval de calidade detrás.

A colleita 2017 foi moi complicada, polas xeadas de primavera no interior de Galicia, aínda que foi histórica en Rías Baixas. ¿Como se notan nos viños que catastes as peculiaridades da anada 2017?
Aínda que poida parecer contraditorio, en moitos casos as xeadas serviron para baixar rendementos aumentando consecuentemente a calidade dos acios finais. O verán foi moi benévolo e a calidade da uva en xeral foi excepcional, con pouca cantidade iso si, pero excepcional.

“Malia ser un mal ano polas xeadas, a collleita de 2017 deu un viños de máis calidade”

Por suposto, o resultado particular de cada viticultor dependerá en gran medida do seu bo facer e de que non tentase “recuperar” parte do volume perdido incluíndo rebrotes tardíos con malas maduracións.

Pero en termos xerais, o nivel cualitativo foi máis alto que outros anos sobre todo no caso dos tintos, onde en Ribeira Sacra, por exemplo, a colleita 2017 alcanzou uns niveis de maduración fenólica que podían lembrar aos do 2015 pero con bocas algo máis cálidas.

¿Poderiádesnos avanzar algo de como se prevén os viños galegos desta vendima 2018?
É difícil de prever polo de agora, os viños aínda están a facerse en adega e non empezarán a mostrar a súa cara máis honesta até abril-maio. En calquera caso, xa puidemos facer algunhas catas de uvas, mostos e viños e creo que se aventuran viños redondos e fáciles, para un consumo agradable desde o primeiro momento, pero sen présa por acabar a colleita.

“A colleita 2018 augura viños redondos e fáciles”

Nalgunhas zonas aventúranse excepcionais por analítica, pero o desenvolvemento organoléptico é impredecible e teremos que seguirlles a pista durante os próximos meses para tratar de ser máis certeiros nos nosos agoiros.

¿Cales son as próximas citas para presentar vosa guía e onde se pode adquirir?
Polo de agora temos a presentación inicial pechada este domingo nun pase privado para Mecenas da guía (+ de 200) cun Túnel do Viño de máis de 150 referencias premiadas. O resto de prazas están aínda por confirmar ao longo do 2019, pero como cada ano desprazarémonos pola xeografía nacional a cidades como Madrid, Cádiz, Bilbao ou Valencia. A guía poderase adquirir en calquera libraría que se lle solicite, no Corte Inglés ou nos Centros Carrefour xa que Arnoia Distribucións encargarase da súa distribución nacional.

¿Algo máis que queirades engadir?
É importante destacar que este proxecto editorial non contén nada de publicidade e que se financia grazas á compra de guías por parte dos mecenas que adquiren os seus exemplares un mes antes de que a guía saia ao mercado.

Grazas ao apoio destes máis de 200 mecenas, cada ano desde fai 7 podemos publicar 2.000 exemplares que veñen esgotando por maio. Sen embargo, este ano xa vendemos máis da metade antes de que sequera saia ao mercado, o cal nos entusiasmou e asegura que haberá Guía de Viños de Galicia por moito tempo.

guia_paadin

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información