“Os viños galegos están entre os mellores do mundo”

Entrevista a Santiago Jordi, presidente da Federación Española de Asociacións de Enólogos (Feae). Estes días participa en Ourense no IX Concurso Internacional Tempranillos ao Mundo e o I Certame Internacional de Viños Brancos Galegos

Publicidade
“Os viños galegos están entre os mellores do mundo”

Santiago Jordi, presidente da Federación Española de Asociacións de Enólogos (Feae)

Importantes profesionais do mundo do viño reúnense estes días na cidade de Ourense dentro do IX Concurso Internacional Tempranillos ao Mundo e o I Certame Internacional de Viños Brancos Galegos, ambos os organizados pola Federación Española de Asociacións de Enólogos (Feae) e a Asociación Galega de Enólogos (Age).

O presidente da Feae, Santiago Jordi, fala nesta entrevista do presente e do futuro dos viños galegos e da profesión de enólogo. Horas antes visitou a Denominación de Orixe Ribeiro, a máis antiga de Galicia, e participou en Ribadavia, xunto a outros 30 prescriptores, na cata de viños de 23 referencias de viños brancos e tintos de 16 adegas.

Como se está desenvolvendo o IX Concurso Internacional Tempranillos ao Mundo e o I Certame Internacional de Viños Brancos Galegos?
De momento a valoración é moi positiva. Comezamos pola cata de viños brancos galegos e o luns coñeceranse as puntuacións, aínda que o xurado de cata xa avanzou que haberán varios viños distinguidos con altas valoracións. A continuación catamos os viños tintos Tempranillos, unha cata que continuará este xoves.

O sector vitivinícola galego deu un importante salto tanto en profesionalización como en comercialización na última década. ¿Que valoración lle merecen os viños galegos?
A vitivinicultura en Galicia, tanto por terroir como polas características propias, e en especial polas súas variedades autóctonas, está no top ten das principais rexións vitivinícolas do mundo.

En Galicia apostouse por recuperar as variedades de vide autóctonas e iso, xunto co respecto polo medio e un clima atlántico que permite que a uva teña unha maduración lenta, fan dela unha rexión perfecta para a viticultura.

 “O consumidor prefire viños frescos, lixeiros e diferenciados”

O mercado cansouse de grandes producións e de viños que son iguais uns a outros e valora máis os viños diferenciados, búscase o terroir, os viños vinculados a un territorio e a unha historia. Si é certo que é necesario avanzar máis en profesionalización e mellora da xestión comercial das adegas. Pero a nivel de calidade e de competitividade, os viños galegos atópanse entre os mellores do mundo.

Cales son as tendencias no consumo a nivel mundial desde o punto de vista da calidade e tipos de viños?
Hai unha preferencia crecente por parte dos consumidores por viños frescos e lixeiros, que mariden ben coas comidas lixeiras, e é unha tendencia que chegou para quedar. Ata non fai moito os máis demandados eran os viños con moita estrutura, corpo e envellecemento en madeira. Eran viños que maridaban ben con pratos máis fortes. Porén, a crise provocou un cambio nas tendencias: agora o consumidor vai máis de picoteo que de restaurante e prefire viños máis lixeiros.

Por outra banda, a xente nova abandonou o consumo de viño por bebidas máis refrescantes e con menos alcol, e creo que é posible enganchala de novo ao consumo con viños máis lixeiros e non tan alcohólicos. E aquí os viños atlánticos como os galegos están moi ben situados de cara ao futuro.

Podería falar dalgún viño galego que lle sorprendera ultimamente?
Máis que falar de adegas ou de viños concretos, diría que me gustan as variedades minoritarias: desde un Mencía da Ribeira Sacra, ata un Treixadura ou un Godello. Galicia ten o luxo de contar con cinco denominacións de orixe moi diferenciadas en canto a clima, terroir e aposta por variedades autóctonas.

Sen embargo, asegura que o sector vitivinícola galega aínda ten materias pendentes, ¿Cales?
Avanzouse moito no que é a enoloxía, cun potencial enolóxico altísimo. Pero hai que mellorar no que é a xestión comercial das adegas, para posionarse ben nos mercados, especialmente no que é a exportación. En definitiva, seguir apostando pola profesionalización.

E a nivel de viticultura, da produción…?
A mellora en viticultura está en entender o medio e en que o enólogo e o responsable de campo traballen conxuntamente para adaptar o cultivo da vide ás condicións particulares da parcela, máxime en Galicia onde contades cunha gran cantidade de microclimas e de terroirs diferentes.

“Todo viño que se venda ao público debería estar certificado por un enólogo”

Polo demais, a tendencia é a reducir os tratamentos, tanto de funxicidas como de herbicidas, para camiñar cara a unha viticultura máis sustentable e adaptada ao medio. O obxectivo é lograr a mellor uva, para así, e non ao revés, lograr o mellor viño.

E en canto á profesión de enólogo, ¿Cal é a situación actual e que reivindican ante a administración?
Como profesionais somos os responsables de que un alimento, o viño, cumpre as condicións sanitarias e alimentarias. Sen embargo, mentres que nos demais alimentos a comercialización ten que estar avalada por un profesional no caso do viño non. Neste sentido, demandamos que, tal e como establece a regulamentación da Unión Europea, a venda do viño deba estar avalada e asinada por un enólogo que certifique que cumpre a lexislación. Trátase dunha competencia das Comunidades Autónomas polo que en España non existe un criterio uniforme e polo xeral non se esixe que para vender viño ao público teña que estar certificado por un enólogo recoñecido oficialmente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información