Os viños da D.O. Monterrei aumentan un 50% as súas vendas ao exterior

Publicidade
Os viños da D.O. Monterrei aumentan un 50% as súas vendas ao exterior

Os viños da Denominación de Orixe Monterrei aumentaron o pasado ano nun 50% as súas vendas ao exterior, alcanzando os 321.800 litros, o que supón un 19% do total certificado polo Consello Regulador. A facturación das exportacións ascenderon a 1,525 millóns de euros.

Segundo os datos do Consello Regulador, os principais mercados dos viños de Monterrei foron Alemaña, con 113.700 litros, seguido do Reino Unido (66.329), Holanda (52.871), Estados Unidos (20.327) e Dinamarca (14.175). A gran maioría dos viños que se exportaron foron brancos.

O total de produción certificado polo Consello Regulador tamén se incrementou en 2015: un 53%, pasando de 1.109.300 litros en 2014 a 1.693.700 en 2015. Igualmente, o número de contraetiquetas emitidas aumentou un 24% ata alcanzar as 3.037.600.

A D.O. de Monterrei confórmana 24 adegas do val de Monterrei, que abarca os municipios de Verín, Monterrei, Vilardevós, Ríos, Oimbra e Castrelo do Val. Os viñedos desta D.O ocupan un total de 531 hectáreas de territorio nas que traballan 445 viticultores.

Monterrei participa xunto ás demais DO´s galegas na feira Prowein de Alemaña

Precisamente para incrementar as exportacións dos viños galegos, as denominacións de orixe de Galicia participan desde este domingo e ata o día 15 na feira Prowein, que se celebra na cidade alemá de Düsseldorf. No caso dos viños da D.O. Monterrei é a primeira vez que participan nesta prestixiosa feira.

Neste sentido, a máxima responsable da Denominación de Orixe Monterrei, Asunción Rodríguez Zarraquiños, recoñece o atractivo que o mercado alemán ten para os viños da zona. “Alemaña é neste momento o país ao que máis viño exportamos desde nosa D.O, aproximadamente un 6% do total”, asevera. “Con todo, non nos conformamos con esta cantidade e queremos fomentar un maior coñecemento dos nosos brancos e tintos en Alemaña, porque este país é un dos tres maiores importadores de viño do mundo”, engade a presidenta da D.O de Monterrei.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información