“Os viños do Bibei son moi diferentes do resto de Valdeorras”

Juan Macías Prieto é un pequeno viticultor de Chandoiro, no concello do Bolo. Cultiva o viñedo tanto para venda de uva como para a elaboración do seu propio viño, que vende baixo a marca “Chan de Ouro”.

Publicidade
“Os viños do Bibei son moi diferentes do resto de Valdeorras”

Juan Macías Prieto nun dos seus viñedos de godello.

Chegamos unha soleada mañá do mes de agosto á aldea de Chandoiro, nas terras altas do Bolo, unha zona que vive un auténtico boom da viticultura nos últimos anos trala chegada de Rafael Palacios, que atopou un entorno único para a elaboración de viño nestes solos graníticos da subzona do Bibei, cun clima mediterráneo e azoutados polo vento.

Son as once pasadas e xa pica o sol nun verán onde a seca non dá tregua nesta zona. Atopamos a Juan Macías Prieto pechando unha finca onde o xabarín entrou a noite pasada a catar as uvas por adiantado. “Sabe onde está a calidade e vai ás de Godello”, bromea este viticultor, un dos poucos que mantén a actividade nesta aldea.

¿Como chegaches ao mundo da viticultura?
É algo que xa me ven de familia, dende pequeno traballaba cos meus pais nas viñas, unhas 3 hectáreas, sobre todo de Garnacha e de Palomino Fino. Eran socios da cooperativa Virxe dos Remedios de Larouco, e case toda a uva ía para a cooperativa.

Empecei profesionalmente na actividade con vinte anos, pero o salto foi sobre todo hai dez anos cando fixen as novas plantacións grazas ás axudas de reestruturación e apostei polas castes autóctonas, sobre todo a Godello, pero tamén a Mencía.

Hoxe en total cultivo unhas 7 hectáreas de viñedo en diversas parcelas da aldea de Chandoiro, no concello do Bolo.

¿Viches claro cando fixeches as novas plantacións que o futuro na DO Valdeorras estaba nas variedades autóctonas?
Efectivamente, e sobre todo na variedade Godello, que creo que é a que ten máis percorrido no futuro. A día de hoxe teño plantadas 2 hectáreas de Godello e 1,5 hectáreas de Mencía, cuns dez anos de antigüidade. E logo dos meus pais e doutros viñedos vellos cultivo 2 hectáreas de Garnacha, que roldan os 50 anos de idade, e algo tamén de Palomino Fino.

As novas plantacións téñoas en espaldeira, o que facilita o traballo de aplicar tratamentos fitosanitarios e mellora o estado sanitario da uva, mentres que as viñas vellas de Garnacha e de Palomino están no sistema tradicional de vaso.

Nos últimos anos parece que se está a revalorizar a Garnacha Vella, unha caste foránea, pero que antes estaba moi estendida porque era máis produtiva…
Estase a revalorizar porque a Garnacha produce unha uva moi compensada, de forma que permite elaborar uns viños con estrutura en boca, moito corpo e acidez moi compensada.

Ademais, cando se trata de cepas vellas a riqueza aromática é maior, e compensa elaborar viño e non vender a uva.

¿Que viños elaboras e onde tes o teu mercado?
Dos meus viñedos aproximadamente o 50% da uva véndoa a adegas da Denominación de Orixe Valdeorras e co 50% restante elaboro os meus propios viños baixo o marcha “Chan de ouro”, en honor a esta aldea.

Son dous monovarietais: Chan de Ouro Godello e Chan de Ouro Mencía, dos que en total elaboro unhas 20.000 botellas que vendo a partes iguais en Galicia e no resto de España, fundamentalmente en Madrid e en Barcelona.

¿En que se diferencian os viños desta subzona do Bolo e do Val do Bibei do resto da D.O. Valdeorras?
Diferénciase en que os viños desta zona son producidos fundamentalmente en solos de tipo granítico, mentres que no resto da D.O predomina a lousa. Pero tamén hai excepcións, e de feito aquí en Chandoiro teño viñedos con solo de area negra, de area branca, de lousa, de barro branco e de arxila roxa.

Ademais, debido á altura, aquí as maduracións son moito máis tardías pero tamén moito máis aromáticas, porque a uva canto máis tarde en madurar máis aromas ten.

 “No Bolo as maduracións son máis tardías e a uva ten máis riqueza de aromas”

Polo demais, nesta zona non sole haber moitos problemas fúnxicos, ao ser parcelas en altitude e ventiladas, e cun máximo de tres tratamentos de cobre é suficiente.

Por todo isto creo que os viños desta subzona do Bibei deberían diferenciarse máis dentro da D.O. Valdeorras. Antes a uva desta zona non era valorada, e creo que é unha mágoa que tivese que vir alguén de fóra, neste caso Rafael Palacios, para apreciala e dar lugar este boom de recuperación da viticultura nesta comarca.

¿Como ves o teu futuro como colleiteiro e o da Denominación de Orixe?
Creo que o futuro de Valdeorras é seguir apostando pola variedade Godello.
Para este ano, nesta zona creo que se vai manter a colleita, pois se ben a xeada afectou a unha parte dos viñedos, no resto a vendima preséntase como moi boa tanto en calidade como en cantidade, aínda que é certo que a uva empeza a murchar e fáltalle líquido debido á seca.

Como viticultor e colleiteiro, centrarei os meus esforzos en dedicar cada vez máis uva a elaborar o meu viño propio, porque as grandes adegas teñen os seus propios viñedos e cada vez dependerán menos dos viticultores. Por iso seguirei plantando, e apostando sobre todo pola variedade Godello. Tamén me gustaría plantar algunha parcela de Merenzao, unha caste autóctona que creo que ten un enorme potencial, tanto para elaborar viños brancos como tintos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información