Os segredos de Veiga da Princesa, elixido mellor viño branco de Galicia 2018

O albariño Veiga da Princesa foi premiado este mes como o mellor viño branco de Galicia na XXX Cata dos Viños que organizan os consellos reguladores e a Consellería do Medio Rural. Os propietarios da adega explícannos as claves que os levaron a este éxito

Os segredos de Veiga da Princesa, elixido mellor viño branco de Galicia 2018

Finca Veiga da Princesa, en Crecente, que lle dá nome ao viño

Os viños galegos lograron ser recoñecidos dentro e fóra das nosas fronteiras como sinónimo de calidade. Por iso suscita intriga coñecer como se elabora o mellor viño branco de Galicia.

Cada ano un panel de catadores de recoñecida traxectoria elixe os mellores caldos galegos nas Catas dos Viños de Galicia. E o distinguido neste 2018 como “Mellor Viño Branco” foi o albariño da adega Veiga da Princesa, pertencente ao Grupo Pazo do Mar, unha empresa familiar con adegas tamén no D.O. Monterrei (Pazo das Tapias), e por suposto, na súa orixe, no Ribeiro (Pazo do Mar).

Manuel Méndez, director comercial da adega, explícanos as claves que os levaron a este éxito.

Como xurdiu o albariño Pazo da Princesa?
O primeiro viño desta finca elaborouse no ano 2007, dado que o viñedo Veiga da Princesa foi creado despois da compra de 110 parcelas distintas a 70 diferentes propietarios entre os anos 2002 e 2003. Evidentemente, os primeiros anos foron experimentais buscando a obtención do mellor viño Albariño de Galicia.

A finca atópase situada en Crecente, na parroquia de Albeos, na subzona do Condado do Tea, dentro da Denominación de Orixe Rias Baixas. É o concello máis oriental pertencente a Rias Baixas.

A marca Veiga da Princesa tiñámola rexistrada e evocábanos a un viño delicado e elegante

As uvas para este albariño proceden soamente desa parcela?
As uvas para a elaboración deste viño proveñen única e exclusivamente da nosa finca, pois desta maneira controlamos a calidade desde a cepa ata a botella.

“A localización da leira e a condución en espaldeira permítennos lograr unha uva de gran calidade”

A extensión da mesma é de 18 hectáreas e posúe unhas perfectas condicións de ventilación, orientación solar…. Ademais, como característica principal destacar que a principal diferenza deste viño con respecto a outros Albariños é o sistema de condución da parcela, pois no noso caso é en Espaldeira (90º co chan), sendo os únicos en Rias Baixas que utilizan este sistema para os seus viñedos. Isto proporciónanos uns mostos con máis carga froiteira debido a unha mellor exposición solar, unha mellor ventilación para evitar pragas, reducindo así o numero de tratamentos fitosanitarios aplicados, e en definitiva nuns mostos cunha acidez máis baixa dunha maneira natural.

Como se elabora Veiga da Princesa?
Vendímase en caixas de 15 kg manualmente; nas dúas horas seguintes procésanse na adega;, faise un despalillado previo e introdúcese as uvas nunha prensa pneumática. Posteriormente o mosto fermenta en depósitos de aceiro inoxidable durante un mes aproximadamente e o viño finalmente obtido mantense en contacto con lías finas durante tres meses aproximadamente.

Como se define este viño en cata?
En nariz presente un marcado carácter froiteiro, no rango de froita de óso, albaricoque maduro….. Na boca é un viño amplo, que enche a boca con gran corpo e estrutura, cunha acidez moi ben equilibrada. Volven recordos froiteiros e un toque salino moi típico da variedade Albariño

Onde están os principais mercados de Veiga da Princesa?
A produción deste viño rolda as 150.000 botellas de 75 cl., dependendo das anadas. Os principais mercados do viño están moi repartidos, podemos dicir que se vende en toda España e mesmo en destinos máis exóticos como Australia, Brasil, Xapón, China, USA ou Rusia.

Que supón para vós este galardón ao Mellor Viño Branco de Galicia?
É o premio máis importante para un viño elaborado en Galicia e por tanto é unha honra moi grande conseguir este premio.

Os viñedos están en espaldeira, e non en parra, como é habitual na DO Rías Baixas

Os viñedos están en espaldeira, e non en parra, como é habitual na DO Rías Baixas

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información