“Os romanos xa elixiron Valdeorras para plantar viñedo polas súas condicións especiais”

Entrevista a Vicente Solarat López, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras. Asegura que "en principio, non me seduce continuar como presidente”.

Publicidade
“Os romanos xa elixiron Valdeorras para plantar viñedo polas súas condicións especiais”

Vicente Solarat

José Vicente Solarat López foi nomeado no mes de marzo presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, en substitución de José Luis García Pando que abandonou o cargo ao non contar co apoio da maioría dos membros do pleno.

Transcorrido medio ano do seu nomeamento, Solarat, que subliña que “non son nin adegueiro nin viticultor, pero si un consumidor apaixonado polo mundo do viño”, fai balance dun mandato que insiste é “de transición” ata as novas eleccións previstas para o proximo ano. Asegura que “en principio, non me seduce continuar como presidente do Consello Regulador”.

Levas medio ano no cargo. Como avalías este período?
Houbo de todo. O mellor é que houbo unha boa colleita este ano e que na campaña do ano pasado 2014-2015 subimos a cualificación en case un 20%, sobre todo nas variedades preferentes, principalmente en Godello. E iso nun momento de certa atonía nos mercados é un gran logro.

Vides de dar por finalizada a vendima este fin de semana. Como a valorades dende o Consello Regulador?
Como unha vendima magnífica. A produción foi similar á do ano pasado en cantidade, cun 3% máis de uva, e a calidade e a sanidade da uva é espectacular. Esperemos que cara finais de ano saian os primeiros viños, sobre todo de variedades brancas, da colleita 2015.

Cales son as características diferenciais dos viños de Valdeorras?
Penso que inflúe a tradición vitivinícola de Valdeorras dende a época dos romanos, dende hai máis de dous mil anos, o que acredita que os solos desta comarca e o clima producen uvas distintas e cunha forma de maduración propia. Isto está posibilitando a chegada de grupos que non poden facer este viño noutras zonas.

O peso das variedades autorizadas é cada vez menor. Cara que tipo de plantacións e variedades se está camiñando na D.O. Valdeorras?
Creo que é a primeira vez na historia da DO na que se cualifica máis viño branco que tinto. Iso significa que o mercado reclama a especificidade nosa en brancos, sobre todo en Godello, sen descartar variedades que están resultando sorprendentes como a Garnacha Vella, e a Mencía. E hai un retraemento en Palomino e Alicante, as variedades autorizadas.

Dentro das 47 adegas temos 2 cooperativas e 45 adegas que van dende as que producen 12.000 botellas ata as que producen 300.000. Nas adegas máis do 90% da uva que empregan son variedades preferentes mentres que as autorizadas son máis empregadas polas cooperativas.

Como se están comportando as exportacións na DO Valdeorras?
Estamos exportando a uns 40 países cun peso crecente. Nas preferentes exportamos sobre un 25%, sobre todo en Godello e en Mencía. E o 70% das nosas exportacións concéntranse en Estados Unidos, Reino Unido, Alemaña, países nórdicos e Centroeuropa.

Teño que agradecer a labor feita polo Consello Regulador nos últimos dez anos, que posicionou aos nosos viños nun mercado moi competitivo e aí estamos. De feito, unha das boas novas dos últimos días é que na guía Peñín aparecemos clasificados como terceiros entre todas as DO´s de España, só por detrás de Jerez e Priorat.

“A finais de 2016 esperamos ter a acreditación ENAC”

Para cando lograredes a acreditación ENAC, un obxectivo que provocou polémica no anterior mandato?
Estamos traballando niso. O Consello Regulador presume de ter un prego de condicións moi rigoroso, que nos obriga a ser máis meticulosos no proceso de acreditación. Aínda que o vindeiro ano vai ser atípico, porque están convocadas eleccións ao Consello Regulador, esperemos chegar a finais de 2016 coa acreditación ENAC conseguida, ou polo menos estando a piques de lograla.

É importante conseguila para que o consumidor final teña máis garantías por parte dunha entidade independente como é ENAC.

Tamén estades en negociacións para sumarvos ao selo Galicia Calidade…
Galicia Calidade fíxonos unha proposta pero temos tres dificultades: algunhas adegas xa incluídas no selo Galicia Calidade; tamén temos once adegas cualificadas como de Excelencia Atlántica e ademais as cinco denominacións de viños de Galicia vimos de asinar un convenio co IGAPE para ir coa marca Galicia Calidade a accións de promoción exterior. Todo isto fai complexo chegar a un acordo definitivo polas duplicidades. De todas formas, enviámoslle a Galicia Calidade unhas matizacións neste sentido ao prego para ver se hai posibilidade de encaixalo.

O convenio das cinco Denominacións de orixe vitivinícolas co IGAPE vai significar coordinar esforzos e recursos públicos para a exportación?
Si. Xa imos empezar o próximo ano acudindo conxuntamente a Prowein, a feira do sector vinícola en Alemaña. Espero que isto continúe con accións paralelas de promoción.

En que novos proxectos estades embarcados no Consello Regulador?
Temos que ter en conta  que o próximo ano haberá eleccións ao Consello Regulador e eu son un presidente de transición. A curto prazo non temos máis obxectivos que a certificación ENAC e a modernización informática dos equipos de control de vendima para facer un seguimento máis eficaz.

 “Imos intentar facer unha acción de promoción no mercado norteamericano”

Tamén temos que modificar os pregos de condicións para adaptalos ás novas realidades. E tamén queremos desenvolver as accións de promoción internacional que temos programadas como Prowine ou Alimentaria e é probable que, en función do orzamento e se nos dan axudas para accións de promoción en terceiros países, desenvolvamos algunha acción no mercado norteamericano.

Son varias as voces que propoñen a creación dun gran consello regulador dos viños de Galicia, con máis denominacións de orixe, como unha estratexia para potenciar a imaxe e as exportacións dos viños galegos, optimizando os recursos públicos. Como valoras esta proposta?
Estase intentando. De feito, en Ourense xurdiu unha iniciativa paralela baixo o amparo da Deputación polo que as catro denominacións de orixe da provincia (Valdeorras, Ribeiro, Monterrei e Ribeira Sacra) van constituír un cluster para sumar esforzos para competir no mercado.

“En Ourense imos constituír un clúster as 4 DO´s para sumar esforzos para competir no mercado. É un gran paso”

Ademais, a Deputación rehabilitará un espazo no corazón da cidade de Ourense para actuar como unha oficina de turismo real na que estean presentes as catro DO´s vitivinícolas e o resto de produtos agroalimentarios ourensáns con recoñecemento de calidade. E o visitante non só poderá coñecer e degustar os nosos viños senón tamén mercalos. Neste sentido, penso que neste ano avanzamos máis que en trinta.

Un dos desafíos do sector vitivinícola galego é o relevo xeracional dos viticultores. Como afrontades este reto na Denominación de Orixe Valdeorras?
Estamos a notar unha lixeira incorporación este ano de xente nova á viticultura. En Valdeorras nas variedades preferentes estase pagando un prezo de uva moi razoable: entre 1,10 e 1,15 euros por kilo en Godello e arredor de 0,90 en Mencía.

José Vicente Solarat

José Vicente Solarat

Ademais, hai que salientar a incorporación de polo menos sete grupos adegueiros doutras denominacións de orixe: dende Telmo Rodríguez a Viña Costeira, pasando por Palacios. E atópanse coa dificultade de que non hai grandes parcelas de viñedo que adquirir, o que resulta significativo, xa que aquí as parcelas son pequenas, “segundo saíran as fontes”, como dicimos por aquí.

Se mantemos a fidelidade dos consumidores e podemos ir incrementando a produción anual entre un 3 e un 4%, acompasando á demanda do mercado, e cuns prezos da uva estabilizados, iso vai permitir que a xente moza se incorpore á viticultura.

“En principio, non me seduce continuar como presidente do Consello Regulador”

As eleccións ao Consello Regulador celebraranse o vindeiro ano. Veste con folgos para presentarte?
Hai que coñecer cal é a composición do Consello Regulador unha vez que se celebren eleccións, que liñas de traballo se queren levar a cabo, se hai máis candidatos ou non…Aceptei a responsabilidade de presidente do Consello Regulador pensando que era transitorio. É un posto que esixe tempo e moita dedicación e en principio non me seduce continuar.

Nesta bisbarra somos escasamente 20.000 habitantes e hai 1.600 viticultores e ao redor deles xira moito emprego indirecto. Despois da lousa o viño é polo que máis nos coñecen no mundo.

175 viticultores de Valdeorras foron multados con ata 2.001 euros por entregar máis uva da declarada na vendima de 2014, unhas sancións que consideran desproporcionadas xa que nalgúns casos a cantidade na que se sobrepasaron foi de 100 kilos. Como valora esta situación?
O Consello Regulador o que fixo foi detectar ese exceso e comunicarllo á Consellería do Medio Rural que é a administración con capacidade de sanción, aplicando a Lei da Viña e do Viño. Agora mesmo os expedientes están en nunha segunda fase de contestación aos recursos que presentaron os viticultores e aínda quedaría unha terceira fase de recurso ante a Dirección Xeral de Calidade Alimentaria.

“Moitas das sancións, nas que non houbo vontade de fraude, vanse reducir”

Ao final creo que se vai ponderar e moitas vanse minorar e quedar en sancións leves, próximas á realidade: naqueles casos nos que non houbo unha vontade de fraude vanse reducir pero ao que é defraudador vano sancionar como deber ser. Non pode ser a mesma sanción, por exemplo, para o que se pasou en 70 quilos que o que o fixo en 6.000 kilos. Na Denominación de Orixe Valdeorras presumimos de ser unha das máis rigorosas de España e os pregos de condicións do Consello Regulador están para cumprilos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información