Os produtores afectados polas xeadas están convocados a unha gran mobilización este martes en Ourense

A Consellería do Medio Rural achega 1,4 millóns de euros para a replantación de viñedos, con prioridade para os afectados polas xeadas. Unións Agrarias chama a participar na mobilización convocada mañá martes en Ourense ante o que considera “falta de axudas aos produtores”.

Publicidade
Os produtores afectados polas xeadas están convocados a unha gran mobilización este martes en Ourense

Manifestación o pasado día 13 no Ribeiro.

A Consellería do Medio Rural achegará esta ano 1,4 millóns de euros para a replantación de viñedos, con prioridade para os afectados polas xeadas.

Mentres tanto, o sindicato Unións Agrarias chama a participar na mobilización convocada mañá martes en Ourense ante o que considera “falta de axudas aos produtores”, non só viticultores, senón tamén para os produtores de castaña e os apicultores, que viron como as xeadas os deixaron prácticamente sen colleita.

A Consellería do Medio Rural avaliou este luns no Consello Agrario galego os danos producidos polas xeadas nos viñedos e do paquete de medidas posto en marcha dende a Xunta para palialos. Entre as novidades, a conselleira Ángeles Vázquez adiantou que a administración publicará nos vindeiros días unha orde de subvencións por importe de 1,4 millóns de euros para axudar á replantación daquelas vides danadas.

Trátase, en todo caso, da habitual orde de reconversión e reestruturación do viñedo que cada ano convoca a Xunta de Galicia, pero coa novidade de que este ano terán “prioridade un” aquelas zonas danadas por fenómenos meteorolóxicos adversos como as xeadas, unha circunstancia que será valorada con maior puntuación á hora de avaliar os proxectos presentados.

Dende a Consellería destacan que “estase a actuar na mesma liña que con outros sectores en dificultades, coma o lácteo”.

Unións chama a unha gran mobilización este martes en Ourense pola falta de axudas

Os compromisos de axudas por parte da Xunta non convencen ás organizacións agrarias que fan un chamamento aos produtores afectados polas xeadas a unha gran manifestación mañá martes, 23 de maio, na cidade de Ourense.

Á mobilización, convocada polo Sindicato Unións Agrarias, están chamados os viticultores, produtores de castaña e apicultores, principalmente da provincia de Ourense, que viron como as xeadas arrasaron gran parte dos viñedos, do cereal de primavera e dos soutos. A manifestación partirá ás 11.00 horas do Pavillón dos Remedios.

Dende o sindicato lembran que as liñas de créditos brandos propostas pola Xunta non son a solución, “xa que serán as entidades bancarias as que teñan a potestade de decidir que explotacións sobreviven e cales se quedan no camiño ao non poder acceder a un crédito por ser insolventes, xa que non teñen colleita na que ampararase”.

Pola contra, dende Unións insisten en que “as axudas son o instrumento legal mais efectivo do que se dispón, (….) senón tamén un mecanismo habitual posto en marcha noutros sectores e mesmo para a viticultura no 2016 na Ribeira Sacra”.

Do mesmo xeito, advirten de que “non basta con propostas de adiar o pago das cotas da Seguridade Social senón a súa condonación efectiva, accións que poden afrontar a Xunta cos Fondos de Compensación previstos nos orzamentos xerais, e que que acadan os 60 millóns de euros”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información