Os presciptores irlandeses apostan polos viños de Rías Baixas

Publicidade
Os presciptores irlandeses apostan polos viños de Rías Baixas

Presciptores irlandeses catando os viños de Rías Baixas

O Pazo de Mugartegui, sede do Consello Regulador da DO. Rías Baixas, recibiu esta mañá a visita dos seis prescriptores irlandeses que participan desde hoxe e ata o mércores nunha misión inversa. Todos eles coincidiron á hora de augurar “un gran futuro” aos viños desta denominación de orixe no seu país.

Os recoñecidos catadores Diarmuid Mac Amhlaidh (profesor de viños da escola de restauración de Dublín, DIT); Morgan Vanderkamer (encargado da sección de viños no wine bar e restaurante Stanley´s, na capital irlandesa); Ian Brosnan (responsable da sección de viños do wine bar e restaurante dublinés Ely) e Nicolas Faujours (catador de Knockranny House Hotel). Completan a delegación irlandesa o responsable do restaurante The Cliff Town House de Dublín, David O´Halloran, e o asistente de dirección de Knockranny House Hotel, Colin Gavin, terán a oportunidade de coñecer as subzonas de Val do Salnés, Condado do Tea e O Rosal durante esta viaxe.

A responsable do departamento de Márketing, Eva Mínguez, foi a encargada de ofrecer unha pequena introdución sobre esta denominación de orixe. A continuación, os seis profesionais irlandeses participaron nunha cata de 26 marcas de viños, a través das cales puideron ver “a ampla variedade de matices” existentes entre eles, indicou a catadora Morgan Vanderkamer.

“Aos irlandeses gústanlles os viños con sabor afroitado e unha acidez suave”

Pola súa banda, o catador e profesor na principal escola universitaria de hostalería de Dublín (Dublin Institute of Technology), Diarmuid Mac Amhlaidh, destacou que os viños de Rías Baixas resultan moi atractivos para os irlandeses, xa que se elaboran “nunha área moi específica e que ten un clima e unhas características moi similares ás do noso país, con moita choiva e unha forte influencia atlántica”. Isto pódese ver reflectido nuns “viños moi frescos e que maridan moi ben non só con mariscos e peixes, senón con outro tipo de gastronomía, como a chinesa ou xaponesa”, indicou.

Estas características resultan atractivas para os consumidores, xa que “gústanlles os viños con sabor afroitado e unha acidez suave”. Aínda que a tendencia xeral é que se consuman Albariños Rías Baixas sen crianza, os seis prescriptores irlandeses cren que estes viños, sobre todo aqueles con unha acidez máis marcada, teñen “potencial para converterse en viños de garda”.

De feito, resultáronlles especialmente interesantes as elaboracións especiais, como os viños de crianza sobre leas, presentadas nesta primeira cata, que se completará con outras nas adegas das tres subzonas mencionadas.

As exportacións a Irlanda creceron case un 200% nun lustro

Irlanda é un mercado exportador que creceu exponencialmente nos últimos anos. De feito, e de acordo cos datos do Consello Regulador, as exportacións entre 2009 e 2014 víronse incrementadas en case un 200%. No primeiro caso, exportáronse un total de 40.735,50 litros, mentres que no segundo, a cifra disparouse ata os 121.191.25, o que denota que o consumo dos viños de Rías Baixas está a estenderse neste país.

Acción promocional en San Sebastián

Por outra banda, a Denominación de Orixe Rías Baixas protagoniza hoxe unha completa xornada en San Sebastián. A cita combina seminarios formativos e un Salón do Viño no que se darán cita un total de 25 adegas e 85 marcas de viño.

Ramón Huidrobo no Basque Culinary Center

Ramón Huidrobo no Basque Culinary Center

Os actos comezaron esta mesma mañá cunha charla que o secretario xeral do Consello Regulador da D.O. Rías Baixas, Ramón Huidobro, impartiu a 50 alumnos do Basque Culinary Center. Nesta sesión, Huidobro realizou unha pequena introdución sobre as características e funcións dunha denominación de orixe como Rías Baixas, á vez que deu unhas pinceladas sobre os labores que se desempeñan desde o Consello Regulador.

Xa pola tarde, entre as 18.00 e as 22.00 horas, terá lugar o Salón do Viño no Hotel María Cristina. Este salón acollerá unha gran diversidade de produtos de Rías Baixas, entre os que se atopan viños con madeira, viños con crianza sobre leas… e mesmo a última incorporación: os espumosos. Está prevista a asistencia a esta cita de máis de 500 profesionais do sector donostiarra a esta cita.

Ademais, 25 alumnos do Basque Culinary, acompañados por un profesor deste prestixioso centro de formación, visitarán esta tarde o Salón do Viño de Rías Baixas para afianzar os seus coñecementos sobre esta denominación de orixe. Pola súa banda, un técnico do Consello Regulador dirixirá unha cata a 40 profesionais das Asociacións de Catadoras de Guipúscoa (ASUGI) e País Vasco.

Terceira visita a San Sebastián

Esta é a terceira ocasión que esta denominación de orixe protagoniza un Salón dos seus viños en San Sebastián. “O País Vasco é un mercado natural para os viños de Rías Baixas, e tamén moi atractivo, porque por todos é sabido que aquí gusta a gastronomía de calidade. E esa é unha característica que nos une a galegos e vascos, e, en xeral, a todo o norte de España. E, como non podería ser doutra forma, esa gastronomía sempre ha de ir acompañada por un viño de calidade”, asegurou o secretario xeral do Consello Regulador, Ramón Huidobro.

 No Norte de España as arcas de Rías Baixas creceron un 18% en 2014 nas canles de alimentación e hostalería

O País Vasco é un mercado consolidado para os viños de Rías Baixas. De feito, segundo os datos do informe Nielsen, o norte de España é punto de referencia para os produtos amparados por esta denominación de orixe. País Vasco atópase dentro Área 6 de Nielsen, xunto con Navarra, Cantabria, A Rioxa, Burgos e Palencia, onde as marcas de Rías Baixas creceron un 18% en 2014 nas canles de alimentación e hostalería.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información