“Os premios ao noso Godello confirman que a calidade é o futuro para os viños de Valdeorras”

Marta Sertaje Nogueira é a responsable de exportacións de Adega A Coroa, a máis premiada no que vai de ano na Denominación de Orixe Valdeorras co seu godello A Coroa colleita 2016. Cóntanos os segredos desta adega que xa exporta o 50% da súa produción.

Publicidade
“Os premios ao noso Godello confirman que a calidade é o futuro para os viños de Valdeorras”

Marta Sertaje Nogueira, responsable de exportación de Adega A Coroa

A Coroa Godello 2016 vai camiño de se converter nun dos viños galegos máis premiados deste ano, tanto a nivel nacional como internacional. Este viño monovarietal da variedade raíña da Denominación de Orixe Valdeorras ven de ser premiado coa Medalla de Ouro no concurso internacional Mundus Vini de Alemaña e co Bacchus de Ouro 2017 nos Premios Bacchus de España.

“Os premios refrendan que a nosa aposta pola calidade é un acerto e tamén debería ser a estratexia de futuro para a Denominación de Orixe Valdeorras”, asegura Marta Sertaje Nogueira , a responsable de exportacións de Adega A Coroa, unha explotación familiar que emprega a 9 persoas de forma directa e que tamén dende o ano 2014 está amparada polo selo de Galicia Calidade.

Marta Sertaje Nogueira cóntanos os segredos desta adega que xa exporta o 50% da súa produción e que fixo da aposta pola calidade o seu sinal de identidade.

O voso A Coroa Godello 2016 está a colleitar premios en concursos nacionais e internacionais. ¿Cal é a clave deste éxito?
A nosa forma de traballar é a mesma e as variacións son pola diferente climatoloxía do ano. Neste sentido, e a pesar de que o 2016 foi un ano meteorolóxicamente complicado, aos expertos e ao público en xeral gustoulles o noso viño no que poñemos todo o noso esmero. Para nós é un orgullo e refrenda que a nosa filosofía de apostar pola calidade máis que pola cantidade é a correcta.

Neste sentido, sodes a única adega da DO. Valdeorras que limita a súa produción por debaixo do máximo permitido polo Consello Regulador. ¿Por qué renunciades a acadar a máxima produción?
No ano 2010 o Consello Regulador aprobou incluír os viños certificados por produción controlada. Así, se o Consello Regulador permite agora mesmo recoller ata 12.500 kg de Godello por hectárea, as adegas que estamos certificadas en produción controlada o máximo permitido son 8.000 kilos por hectárea de viñedo. Fomos a primeira adega que empezamos con produción controlada en Valdeorras e seguimos sendo a única acollida.

Para nós foi unha aposta pola calidade. Temos un viñedo relativamente novo, cunha media de 30 anos, e como a nosa filosofía foi obter calidade, optamos por ter menos produción para lograr os mellores acios, o que se traslada ao viño, e tamén axuda a prolongar a lonxevidade das cepas e a mellorar o seu estado sanitario.

Ao longo destes anos fostes ampliando o voso catálogo de viños. ¿Cales tedes neste momento no mercado?
En total comercializamos unhas 90.000 botellas ao ano das que 75.000 son de A Coroa, un coupage das uvas de Godello das nosas parcelas, outras 8.000 son de A Coroa Lías; de 200 Cestos, un godello procedente dunha parcela da subzona do Bibei, elaboramos unhas 6.000 botellas; e tamén ofertamos un tinto, Ladeira Vella, procedente de cepas centenarias de Garnacha tintoreira, do que sacamos ao mercado unhas 1.500 botellas.

Dende o ano 2002, cando inauguramos a adega, ata o ano 2009 estivemos cunha soa marca, A Coroa, e pola propia demanda dos clientes fomos ampliando o noso catálogo.

Sodes tamén unha das adegas da Denominación de Orixe Valdeorras que máis vende no exterior. ¿Cales son as claves para acertar na internacionalización dos viños nunha adega pequena como esta?
Agora mesmo vendemos un 50% fóra de España, sobre todo a Estados Unidos e Porto Rico, e logo en Europa a Holanda, Reino Unido, Alemaña ou Dinamarca, entre outros.

Dende hai tres ou catro anos vemos que Valdeorras e a variedade Godello están de moda. Apostouse dende un principio por facer as cousas ben e elaborar viños de calidade e estamos empezando a recoller os froitos.

“Logramos situar os nosos viños nun nicho de mercado medio alto grazas á aposta pola calidade”

A clave para a exportación son traballo, facer investimentos e ter continuidade. A base parte de coidar a viña e estar pendente dela cada día porque o viño faise na viña. Na nosa adega, temos 4 persoas que están no campo todos os días e iso é moi importante para que as cepas estean en boas condicións e podamos lograr os mellores acios.

Actualmente contades cunhas 16 hectáreas en produción. ¿Tedes previsto seguir incrementando a superficie de viñedo?
Logramos situar os nosos viños nun nicho de mercado de nivel medio alto no que tivemos que loitar moito, porque os comezos, cando a variedade Godello non era moi coñecida, foron difíciles.

A nosa filosofía segue sendo apostar pola calidade, e o camiño percorrido ata o de agora demostra que foi un acerto. Por iso, de momento imos seguir como ata agora con producións controladas e apostando por lograr as mellores uvas.

Sodes unha adega que tamén está a apostar polo enoturismo, que xa representa unha parte importante das vosas vendas…
Recibimos visitas e formamos parte tanto da Ruta dos Viños de Valdeorras como do tren turístico do Inorde, posto en marcha pola Deputación de Ourense. Gústanos recibir visitas porque, a parte de termos unha adega con historia e unha arquitectura única na zona que paga a pena visitar, vemos que o boca a boca da xente que nos visita é a mellor publicidade.

É dicir, comprobamos que as visitas á adega son unha forma moi importante de promoción e axudan a que se fale ben dos nosos viños. Temos venda directa na adega e tamén a través da nosa páxina web. Tamén enviamos moito viño a particulares que nos fan pedidos por teléfono ou correo electrónico. Desta forma, a venda directa na adega vai medrando ano a ano e agora xa representa arredor dun 15% das nosas vendas.

Estades acollidos ao selo de Galicia Calidade. ¿Que vos aporta?
No ano 2014 decidimos solicitar estar certificados por Galicia Calidade porque aporta un plus e dálle un valor engadido aos nosos viños. A marca Galicia vende fóra e asóciase a calidade e ademais Galicia Calidade fai unha labor de promoción exterior que é moi útil para adegas pequenas e medianas.

¿E como vedes o futuro da Denominación de Orixe Valdeorras?
Creo que o futuro da Denominación de Orixe é seguir apostando pola calidade, non pola cantidade, e polas variedades autóctonas, de forma que se recoñeza o Godello e o Mencía de Valdeorras por seren viños diferenciados e asociados á calidade. Iso é o que fixo que cada vez máis sexan as adegas tanto galegas como de fóra interesadas en investir nesta comarca.

A Coroa, unha adega do século XVIII situada sobre un castro romano

A adega A Coroa foi construída cara o ano 1750 por unha familia da Rúa que elaboraba viño para comercializar. O emprazamento chamábase A Coroa, debido ao castro romao sobre o que se situou e que dominaba o val da Rúa. Tras unha etapa de abandono os actuais propietarios, Ángel López e Roberto Fernández, mercaron a propiedade no ano 1999 coa idea de reconstruír a antiga adega e empezar a elaborar viño de novo. Foi un proceso de reconstrución utilizando materiais tradicionais da zona como a pizarra e a madeira de castiñeiro, e que respectou a arquitectura orixinal, incluída unha espectacular cava subterránea que permanece intacta.

No ano 2002 inauguráronse as instalacións coa filosofía dende o principio de elaborar un viño de calidade apostando pola produción propia e pola variedade autóctona Godello. “Temos 20 hectáreas das que 16 están en produción, repartidas en 9 parcelas na comarca de Valdeorras e iso permítenos aproveitar diferentes tipos de solos e de microclimas”, explica Marta Sertaje.

“Temos 9 viñedos repartidos polas distintas subzonas da DO para aproveitar os diferentes microclimas e solos”

Así, as parcelas varían entre as situadas na subzona do río Sil, onde predominan os solos pizarrosos, mentres que na subzona do Bibei os solos son graníticos e con máis altitude, o que permite elaborar uns viños diferentes, máis minerais, e con acidez máis marcada debido á maior altitude. Nesa subzona, en Lentellais, no concello do Bolo, unha zona granítica, foi onde a adega A Coroa adquiriu hai catro anos una viñedo de 1,5 hectáreas. Nunha parte, na finca denominada 200 Cestos, por ser esa a produción que daba, elaboran este viño de pago a partir de cepas de godello con entre 60 e 70 anos, mentres que outra parte da parcela son socalcos abandonados que recuperaron e replantaron.

Tamén contan cunha parcela, O Rasedo, con cepas centenarias de Garnacha Tintoreira e da que elaboran unhas 1.400 botellas do seu “A Coroa Ladeira Vella”, un viño único cunha importante estrutura e 14 graos de alcohol.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información