Os galegos beben menos viño, mentres sobe o consumo en Cataluña e Andalucía

Así se desprende dun informe do Observatorio Español do Mercado do Viño (OeMV). O gasto medio en viño nos fogares galegos caeu un 10% en 2015, mentres que no conxunto de España subiu un 1,5%

Publicidade
Os galegos beben menos viño, mentres sobe o consumo en Cataluña e Andalucía

Túnel do viño organizado pola D.O. Rías Baixas

O consumo de viño en Galicia segue retrocedendo tanto polo descenso da poboación como polo cambio de hábitos de consumo nas novas xeracións. O gasto medio en viño nos fogares galegos entre outubro de 2014 e outubro de 2015 caeu un 10% en 2015, mentres que no conxunto de España subiu un 1,5%

É o que se desprende do informe que acaba de facer público o Observatorio Español do Mercado do Viño (OeMV), realizado a partir dos datos do último panel de consumo alimentario do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio (Magrama) con datos ata outubro de 2015, os últimos dispoñibles.

Estremadura, Cataluña e o País Vasco, onde máis sobe o gasto en viño

O informe constata unha lixeira recuperación no consumo de viño nos fogares españois, tras moitos meses de baixadas consecutivas. Así, o gasto medio aumentou entre outubro de 2014 e outubro de 2015 un 0,6% en volume e un 1,5% en valor.

Con todo, as diferenzas entre Comunidades Autónomas son notables, con baixadas moi importantes no diñeiro que gastan os fogares na compra de viño en Galicia (-10,1%), Cantabria (-18,6%), Asturias (-16,6%) ou Navarra (-14,7%). Pola contra, onde máis subiu o gasto foi en Estremadura (14,7%), País Vasco (11,1%), Cataluña (11,1%) e Murcia (9,5%).

Se se analizan o gasto per cápita en consumo de viño, as Comunidades nas que máis se gasta son País Vasco (41,5 euros ao ano), Baleares (35,8 €) e Cataluña (32,1 €). Nas que menos: Castela A Mancha (10,4 €) , A Rioxa (11,5 €) e Estremadura (12,9 €) En canto a Galicia, sitúase como a quinta con máis gasto por persoa: 24,7 euros ao ano.

Os galegos baixan un 11% o consumo de viño ata os 9 litros por ano

Se analizamos os datos do Magrama por volume de viño consumido, arroxan que ata outubro de 2015 o consumo interanual en Galicia caera un 11% ata os 9 litros por habitante e ano, unha tendencia que contrasta coa do conxunto de España onde subiu un 0,6%.

Onde máis subiu o consumo de viño nos fogares, en canto a número de litros, foi en Andalucía (11,4%), Murcia (10,5%) e Castela e León (8,8%). Pola contra, onde máis baixou foi na Rioxa (-26,3%), Asturias (-15,7%), Navarra (-15,8%) e Galicia (-11,0%).

CONSUMO_VIÑO_FOGARES_CCAA_2015

Cataluña, Andalucía, Madrid e Valencia, os maiores mercados para o sector do viño

Por último, os datos do panel de consumo nos fogares do Magrama confirman unha tendencia das últimas décadas: o peso económico e a poboación concéntranse cada vez máis no Levante, Sur e Madrid, e por tanto tamén o consumo de viño.

Desta forma, e por esta orde, as comunidades autónomas onde máis viño se consume ao ano son Cataluña (94,8 millóns de litros), Andalucía (63,4), Madrid (48,6) e Valencia (34,6 millóns de litros entre outubro de 2014 e outubro de 2015). Galicia sitúase en sexta posición, con 24,5 millóns de litros.

E en canto a valor ou gasto dos fogares en compra de viño ao ano, de novo repítese o mesmo ráking: Cataluña (235,2 millóns de euros), Andalucía (150), Madrid (123,7) e Valencia (95,3 millóns de euros). Galicia sitúase de novo en sexta posición, con 67,5 millóns de euros.

Descarga aquí o informe completo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información