Os expertos reclaman á Xunta mellorar a predición do mildeu a nivel de zona

Así se puxo de manifesto na xornada “Estratexias de control do mildeu na vide”, organizada pola Evega e celebrada recentemente en Sober. Presentan novos produtos para a loita contra este fungo.

Publicidade
Os expertos reclaman á Xunta mellorar a predición do mildeu a nivel de zona

Ponenetes da xornada “Estratexias de control do mildeu na vide”, organizada pola Evega e celebrada recentemente en Sober

O mildeu é a principal enfermidade que afecta os viñedos en Galicia e supón un auténtico reto para manter unha viticultura sustentable económica e medioambientalmente. Este fungo, chegado a Galicia a finais do século XIX desde Norteamérica, é un quebradeiro de cabeza para os viticultores de zonas húmidas como Galicia, e explica descensos da colleita de máis dun 50% dun ano para outro.

Neste sentido, diversos expertos reunidos o pasado día 6 en Sober, Lugo, dentro das primeiras xornadas técnicas sobre “Estratexias de control do mildeu na vide” defenderon a necesidade de que a Xunta poña medios para mellorar os niveis de predición de aparición da enfermidade a nivel de zona. Unha fitopatoloxía que este ano apareceu case cun mes de adianto respecto das datas habituais.

Actualmente a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, realiza avisos fitosanitarios para a Denominación de Orixe Rías Baixas, e a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) realízaos, ademais de para Rías Baixas, para as denominacións de orixe Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei e Valdeorras. O problema é que estas predicións, baseadas fundamentalmente en datos de temperatura, humidade e estado fenolóxico, son xenéricas, sen concretar a nivel de subzona, algo clave dada a gran variación entre os diferentes microclimas dunha mesma Denominación de Orixe. É dicir, entre a ribeira de Chantada e a ribeira de Amandi hai grandes diferenzas climáticas.

 Este ano o mildeu apareceu cun mes de adianto

A este respecto, Pedro Mansilla, xefe do Servizo de Fitopatoloxía da Estación do Areeiro e o maior experto de España en estudo de mildeu en viñedo, sinalou que “o futuro está nos modelos de predición, pero para que sexan efectivos necesitamos contar con datos durante bastantes anos e habería que facelo para cada zona para que funcionasen ben”.

E é que unha vez superado o antigo modelo de predición do mildeu coñecido como dos tres deces (lonxitude do gromo de 10 cm ou superior, caída dunha choiva de 10 mm mínimo en entre 24 e 48 horas e temperatura media superior a 10ºC), “o futuro está nos modelos de previsión”, destacou Pedro Mansilla. Fundamentalmente son tres: o EPI, baseado no estado potencial de infección; o PECOR, ou de previsión de contaminación ou infección primaria e o POM, ou de previsión do óptimo de maduración de oosporas, que é o que actualmente emprega a Estación do Areeiro.

“En Bordeus, por exemplo, teñen datos de maduración de oosporas de mildeu desde hai 40 anos. Ademais de dispoñer de datos de varios anos, en Galicia estes modelos habería que desenvolvelos en cada zona”, subliñou Mansilla.

Escasa efectividade da loita biolóxica contra o mildeu así como dos bioestimulantes naturais

Pola súa banda, Ana Díez Navajas, investigadora en Neiker-Tecnalia relatou a experiencia do Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agraria unha viña de ensaio na costa guipuscoana mediante técnicas de control biolóxico.

O control biolóxico, baseado na introdución dun antagonista (insecto, outra bacteria…etc) que reduza a cantidade de inóculo de mildeu non deu ata agora resultados efectivos. “Nestes momentos non hai ningún antogonista comercial contra o mildeu, polo que debemos seguir tendo moi en conta as condicións ambientais e seguir realizando un control químico e unhas boas prácticas culturais para previr a aparición de mildeu”, concluíu Ana Díez Navajas.

O mesmo ocurrre cos produtos naturais bioestimulantes. Así, Pedro Mansilla lembrou que segundo un estudo realizado na Estación do Areeiro para ver os seus posibles efectos no control do fungo “algúns non funcionaron nada e outros máis ou menos”.

Novos produtos na loita co mildeu en viñedo

Por outra banda, nestas xornadas organizadas pola Evega presentáronse tres produtos innovadores na loita contra o mildeu en viñedo.

En concreto, Juan Jesús León Pozas, técnico de Agrinova Science S.A presentou Botrysec, un produto a base de silicio cun riqueza do 98%, que se adhire á folla da vide impedindo a proliferación de fungos e bacterias, a pesar do ambiente húmido. Este produto crea unha película sobre o cultivo que reduce drasticamente tanto a humidade ambiente como as posibles condensacións a nivel foliar.

“Ademais, a planta absorbe parte do silicio, reforzando a absorción de nutrientes, e trátase dun produto que non presenta residuos”, destacou o técnico de Agrinova Science. A dose é de 5 a 7 gramos por litro de auga e en épocas de alta incidencia de mildeu pódese aplicar con outros fitosanitarios.

Pola súa banda, José Ramón Gallego Boquete, técnico de Basf, presentou o novo funxicida preventivo da multinacional alemá: Enervin Top, que combina Metiram con Initium, elaborado a partir de Ametoctradina, un novo composto químico.

“Este novo funxicida actúa sobre a respiración celular do fungo de mildeu, coa vantaxe de que non presentan resistencias cruzadas e cun novo modo de acción mediante minúsculos cristais que van liberando os principios activos sobre a epiderme da folla de vide”, explicou José Ramón Gallego.

Enervin Top presentarase comercialmente en envases de 1 e de 5 litros. Pódese aplicar desde o desborre ata o envero, cunha boa acción sobre o acio, e unha dose recomendada de 2,5 litros por hectárea. Recoméndase un máximo de 3 tratamentos por campaña e o seu prazo de seguridade é de 35 días.

Por último, Christophe Desvals, técnico de Belchim Crop Protection, presentou Mildicut, un funxicida sistémico de acción preventiva que “garante -subliñou- 14 días de protección real e que tamén actúa sobre a membrana mitocondrial do fungo de mildeu”. A dose recomendada é de entre 3,5 e 4,5 litros por hectárea para tratar, preferentemente, en floración.

Desvals destacou tamén que a súa compañía lanzará proximamente ao mercado español Valis F, un funxicida de acción curativa e erradicante, con resistencia ao lavado, para aplicar desde floración ata peche de acio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información