Os consellos reguladores das DO Valdeorras e Monterrei piden a declaración de zona catastrófica

Publicidade
Os consellos reguladores das DO Valdeorras e Monterrei piden a declaración de zona catastrófica

Danos pola xeada nos viñedos de Monterrei

Os plenos dos consellos reguladores das denominacións de orixe Monterrei e Valdeorras aprobaron estes días senllas declaracións nas que piden á administración que declare as dúas comarcas como zona catastrófica, ante os graves danos provocados nos viñedos polas xeadas da pasada semana.

Neste sentido, o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, Francisco García, asegurou este martes no pleno convocado a este efecto que “diferentes concellos da zona activaron xa a recollida de firmas para reclamar a declaración de zona catastrófica”. “En resposta ás demandas que nos trasladan desde o sector, imos liderar desde o Consello Regulador esta reclamación. Non só nos imos sumar á petición da declaración de zona catastrófica, senón que abanderaremos a iniciativa na comarca. Para isto, tentaremos acordar primeiramente unha reclamación común con outros consellos reguladores tamén afectados e elevar a nosa petición ao Goberno”.

Axudas directas

Xunto a isto, o Consello Regulador vai reclamar a diferentes administracións axudas directas para que os viticultores lle fagan fronte aos danos orixinados polas xeadas. Desde a Consellería do Medio Rural xa se anunciou a adopción dun plan de choque de medidas. “Nós queremos reclamar celeridade na adopción dese plan de choque e insistiremos para tentar que se poidan ofrecer axudas económicas que cheguen directamente aos viticultores afectados. Polo menos para sufragar os coidados e as medidas correctivas extraordinarias necesarias para favorecer a recuperación da colleita”, afirmou o presidente do Consello Regulador de Valdeorras, quen tamén solicitou axudas para os adegueiros da comarca.

Finalmente, o Pleno aprobou fomentar nos próximos días acciones formativas con expertos que ofrezan charlas informativas e trasladen aos interesados coñecementos precisos sobre como proceder para traballar o terreo tras a xeada e se minimice, deste xeito, o seu impacto negativo sobre as vides. Así, poñerase en marcha unha acción formativa o vindeiro venres, día 5, ás 19.00 horas no cinema da Rúa. Trátase dunha charla que impartirá o especialista Francisco Rego, técnico xubilado da Evega.

A D.O. Monterrei solicitará a declaración de zona catastrófica

Pola súa banda, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei acordou tamén solicitar á Xunta de Galicia a declaración de zona catastrófica no territorio da denominación tras as graves xeadas rexistradas nas últimas xornadas.

O presidente do C.R.D.O. Monterrei indicoulles aos vogais que se reunirá nos próximos días cos alcaldes da comarca de Monterrei para solicitar o seu apoio nesta solicitude á Xunta de Galicia, xa que as extremas condicións meteorolóxicas dos dous últimos días produciron graves e serios danos nos viñedos.

Desde o inicio da D.O. nunca se produciu un accidente meteorolóxico de tal magnitude, que ocasionará non só os visibles danos en parcelas e viñedos, senón tamén un grave prexuízo económico aos viticultores e adegueiros que conforman a denominación. Este prexuízo será tanto a curto como a medio prazo, xa que afectará tanto os postos de traballo directos como indirectos, e provocará perdas de millóns de euros para viticultores, adegueiros e a denominación en xeral.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información