Os arrieiros volven traer a Santiago os bos viños do Ribeiro

Publicidade
Os arrieiros volven traer a Santiago os bos viños do Ribeiro

Esta mañá a Porta de Mazarelos foi o escenario da representación da chegada do arrieiro dende o Ribeiro ata Compostela, unha figura de gran simboloxía para esta denominación de Orixe e que serviu de nexo de unión entre a capital galega e a comarca do Ribeiro.

Coa presentación RUTA DO VIÑO DO RIBEIRO, O CAMIÑO DO VIÑO preténdese trasladar a idea do Ribeiro como unha zona con historia dende os romanos ata hoxe, pasando polas grandes ordes monacais, os fidalgos ou señores da terra e a figura dos arrieiros.

O acto contou coa asistencia do presidente da Asociación Ruta do Viño do Ribeiro e do Consello Regulador da D.O. P. Ribeiro, Juan Manuel Casares, a directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia, Marta Fernández, o Presidente do Cluster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal e Concello de Santiago que nas súas intervencións destacaron o potencial enoturístico do territorio do Ribeiro en particular e de Galicia en xeral.

Segundo Juan Manuel Casares, “O Camiño do Viño ten un simbolismo especial xa que significa en realidade moitos camiños: Tanto as rutas de peregrinos que ían cara Santiago; os camiños que os arrieiros seguían para comercializar o viño Ribeiro por toda Galicia, como a metáfora dunha comarca vitivinícola no seu percorrido pola historia onde chegou a ser, durante moitos séculos, o gran viño de Galicia”.

O certo é que a existencia de granxas vitivinícolas dependentes de ordes eclesiásticas establecidas en Compostela, fixo que un dos destinos principais destes “comerciantes” sexa Santiago. Esta relación comercial Ribeiro – Compostela, tórnase estratéxica para o desenvolvemento económico dos dous territorios fundamentalmente polo comercio do viño do Ribeiro, que tivo repercusións a nivel social e cultural.

Segundo o presidente da Ruta do Viño do Ribeiro, Juan Manuel Casares, con esta campaña de promoción centrada en “O CAMIÑO DO VIÑO” o que se pretende é “Espertar a memoria de Galicia respecto do Ribeiro, un territorio e un viño que durante séculos foron un dos motores económicos da nosa terra, e poñer en valor un rico patrimonio material e inmaterial que nalgún intre debera ser reivindicado.” Asemade apunta que “queremos que cando unha persoa beba un Ribeiro saiba que non só está a consumir un produto de alta calidade, senón que está a degustar séculos de historia e tradicións; o froito dunha paisaxe modelada a través dos séculos.”

Na súa intervención, Cesáreo Pardal, fixo referencia a importancia do enoturismo en Galicia e a firme aposta que dende a institución que preside, se está facendo neste sector. Destacou o esforzo das diferentes rutas do viño por promover os recursos patrimoniais da cultura do viño, do que está acción de hoxe é significativa.

A Ruta do Viño do Ribeiro

A Asociación Ruta do Viño Ribeiro foi creada no ano 2007 coma unha entidade destinada á xestión e promoción dos recursos enoturísticos do territorio co obxecto de que este sector contribúa ao desenvolvemento da comarca. Hoxe en día conta con 52 socios entre os que hai 19 adegas, 7 establecementos de restauración, 11 aloxamentos, balnearios, termas, guía turística e oficinas de turismo.

Conta tamén cunha activa participación pública representada por 9 concellos (Boborás, Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Leiro, Ourense, Ribadavia, San Amaro e Toén) así como o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro que ostenta a presidencia.

Programa de actividades para o ano 2019

Neste contexto, e baixo a marca “O CAMIÑO DO VIÑO”, a Ruta do viño do Ribeiro ven desenvolvendo diversas actividades durante o presente ano que consistiron, entre outras, nunha Campaña promocional nas redes sociais apoiada na edición de folletos e vídeos da Ruta do Viño do Ribeiro, a presentación de hoxe, e cabe destacar que na edición da VIII Xornada de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia, no Ribeiro tivo especial protagonismo o patrimonio cultural e artístico vitivinícola.

Antes de que finalice o ano está previsto a realización dunha misión inversa de xornalistas e escritores especializados de ámbito español para darlle unha dimensión nacional á estratexia, e unhas xornadas históricas sobre a Cultura do Viño en colaboración con AMECHIR (Asociación de Amigos e Amigas do Museo Etnolóxico e do Conxunto Histórico de Ribadavia) tentarán sentar os alicerces históricos e culturais do Ribeiro.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información