Os adegueiros do Navia dan a probar o viño novo o día 20 en Negueira de Muñiz

A novena edición da Festa do Viño inclúe unha cata dos caldos elaborados este ano, mercado tradicional e moita festa nun evento que multiplica por tres o número de habitantes deste concello situado no límite con Asturias

Publicidade
Os adegueiros do Navia dan a probar o viño novo o día 20 en Negueira de Muñiz

Pasa por ser un dos lugares máis peculiares de Galicia e ten tamén un dos viños máis peculiares e diferentes de todo o país. Por iso a Feira do Viño de Negueira de Muñiz, que este ano se celebra o sábado 20 de abril, tamén é diferente, con bo viño e un agradable ambiente veciñal.

Esta cita que leva celebrándose 9 anos congrega a adegueiros da conca do río Navia, que comparte o veciño concello asturiano de Ibias, onde se dan as mesmas variedades de vides autóctonas que están a ser recuperadas nos últimos anos polos adegueiros da zona e que aportan esa personalidade propia aos viños de Negueira.

Organizada pola Asociación de Bodegueiros da conca do Navia, que agrupa a tres municipios (Negueira de Muñiz, A Fonsagrada e Navia de Suarna) e a 18 colleiteiros, a novena edición da Festa do Viño de Negueira contará cunha cata dos caldos deste ano e degustación gratuita de viño das adegas da zona.

A novidade deste ano será un viño envellecido durante 14 meses en barrica

A novidade na cata deste ano será un viño envellecido durante 14 meses en barrica

Como vén sendo habitual, como preludio á festa do sábado na tarde do venres ás 20:00 horas, na Casa dos Cazadores de Negueira de Muñiz, haberá unha presentación e cata de viños elaborados na comarca. Ademais dos viños elaborados este ano en Negueira polas dúas adegas que embotellan, Adega Panchín, propiedade de Manuel Cancio, un dos pioneiros da profesionalización do sector na zona, e Adega Sidrón, que rexentan os irmáns Rosa e Paco Sanromán, actual presidente da Asociación de Bodegueiros, na cata participarán dúas adegas da veciña localidade de Ibias e un viño de Paderne elaborado tamén con uva blanca lexítima.

A cata, que estará dirixida polos enólogos Luis Padín e Roberto Regal, xuntará a medio cento de persoas. “Válenos para comprobar a evolución que imos tendo ano a ano e para presentar as novidades”, explica Paco Sanromán. Entre as deste ano están un viño feito 100% coa variedade tinto sorodio ou o que Adega Sidrón envellece durante un ano en barrica, baixo o a denominación A Marcada.

Repártense 300 litros de viño de balde entre os asistentes

Ao día seguinte será a feira do viño, que se abrirá ás 12 da mañán co pregón a cargo do xornalista e presetnador de deportes da TVG Terio Carrera. Tamén a esas hora abrirase o Mercado de produtos da zona, con 25 postos e no que se dan cita empresas locais, como a cooperativa local Ribeira do Navia, adicada á produción ecolóxica de froitas e verduras para a elaboración artesá de zumes e conservas vexetais baixo a marca Ribeiregas, así como outros produtores de localidades próximas como A Fonsagrada, Oscos, Lugo ou mesmo de Ponferrada.

Ás 13:30 terá lugar a actuación de Os Pampirolos, da localidade veciña de Grandas de Salime, xa pertencente a Asturias. A partir das dúas da tarde será a degustación gratuita do viño procedente das distintas adegas da zona. Colaboran unha vintena de produtores, tanto profesionais como veciños que fan viño para autoconsumo, aportando cada un 15 litros, que son repartidos de balde entre os asistentes. Logo do xantar, a base de pulpo e churrasco, comezará a festa, a cargo da orquestra Waykas Manily e do acordeonista Francisco.

O rexurdir dun cultivo a piques de desaparecer

Vista do val do Navia desde Negueira, na vertente onde se sitúan as vides

Vista do val do Navia desde Negueira, na vertente onde se sitúan as vides

Os bodegueiros deste pequeno concello que raia con Asturias están a recuperar nos últimos anos a tradición vinícola da zona apostando por variedades autóctonas como a branca lexítima, o verdello tinto e o tinto serodio. O municipio de Negueira de Muñiz atópase situado no extremo oriental da provincia de Lugo, formando unha lingua que penetra en terras da veciña Asturias. Metido nun val e protexido por altas montañas, conta cun microclima propio, de tendencia mediterránea, con veráns calorosos, moi proclives para a produción de viño, e foi este un cultivo moi enraizado neste lugar desde hai séculos.

Os bodegueiros deste concello que raia con Asturias están a recuperar nos últimos anos a tradición vinícola da zona apostando por variedades autóctonas como a branca lexítima, o verdello tinto e o tinto serodio

Sen embargo, a construción na década dos 50 do século pasado do encoro de Grandas de Salime, ademais de dividir á metade as seis parroquias do concello, deixando tres a un lado e tres ao outro do río, incomunicadas por estrada até fai ben pouco e obrigando a boa parte da poboación a emigrar, asentándose unha boa parte dela na zona do Arneiro, na Terra Cha, anegou tamén grande parte da superficie adicada historicamente a vide, nas zonas máis baixas, próximas ao río. Aquilo supuxo abandono, viñedos mergullados e adegas sen uso. Os colleiteiros que quedaron seguiron facendo viño para autoconsumo e vendendo os excedentes en Grandas de Salime e outras poboacións veciñas non produtoras.

Panchín e Dpieiga, as dúas únicas marcas que embotellan

Panchín e Dpieiga son as marcas das dúas únicas adegas que embotellan

Pero nos últimos anos foron xurdindo iniciativas para recuperar esa tradición vitivinícola. Son pequenas producións singulares con grande potencial. Negueira de Muñiz é un concello diferente e esa singularidade tamén se traslada aos seus viños, algo polo que apostaron viticultores coma Manuel Cancio e Paco Sanromán recuperando viñedos centenarios e variedades ancestrais. Esa foi unha das claves neste proceso de rexurdir vitivinícola. Esas variedades autoctonas que se estaban a perder eran a branca lexítima, o verdello tinto e o tinto serodio, que son as que dan a personalidade diferenciada aos viños de Negueira. Comparten estas variedades os produtores do val do Navia cos de Betanzos ou o Barbanza e tamén cos do val do Ibias ou cos de Cangas de Narcea, na veciña Asturias.

Os adegueiros de Negueira apostan claramente pola diferenciación, fóra do gusto estándar e as superproducións de moitas outras zonas produtoras. Hoxe o viño prodúcese entre os 220 e os 320 metros de altitude e tanto Panchín coma Sidrón buscan a profesionalización pero mantendo os métodos e sistemas de produción tradicionais da zona. Sen embargo, os produtores desta zona atópanse cun hándicap importante, a necesidade dunha figura de protección para os seus viños da que carecen neste momento ao non estar dentro de ningunha das Denominacións de Orixe galegas, nin contar cunha IXP, un recoñecimento polo que están a pelexar os adegueiros de Negueira.

De esquerda a dereita, Paco Sanromán, Manuel Cancio, Padín e Regal

De esquerda a dereita, Paco Sanromán, Manuel Cancio, Luis Padín e Roberto Regal

Manuel e Paco decidiron darlle un enfoque comercial e profesional ás súas bodegas familiares, apostando por recuperar a calidade e reducindo a produción que nalgún momento se buscaba nos tempos nos que os produtores de Negueira vendían o viño a granel.

Contan coa axuda do enólogo Roberto Regal e a principal peculiaridade do viño de Negueira, a súa pequena produción, tamén o fai exclusivo. Un cultivo diferente, onde se preservaron cepas moi vellas, cun patrimonio varietal moi interesante, nun marco xeográfico e climático diferente que fai un viño singular e con moito potencial por explotar, o das castes ancestrais do Navia.

Fóra deles dous, que son os únicos que embotellan, segue habendo unha ducia de colleiteiros que elaboran viño para autoconsumo nun lugar onde a tradición manda beber no cacho, unha cunca de madeira para tomar o viño que se ía pasando de man en man como xeito colectivo de beber. O viño era servido ao cacho directamente da barrica ou ben do canado, unha xerra tamén de madeira típica da zona de Negueira coa capacidade histórica de 5,8 litros, que se usaba para medir o viño historicamente.

A localidade triplica a súa poboación

A riqueza da paisaxe (Negueira de Muñiz forma parte da Reserva da  Biosfera do río Eo, Oscos e das Terras de  Burón) e o viño son quizais neste momento dous dos piares do desenvolvemento deste concello de pouco máis de 200 habitantes, o menos poboado de Galicia.

A Festa do Viño, que comezou sendo unha xuntanza de amigos, foi medrando até xuntar hoxe en día a unhas 700 persoas, triplicando polo tanto a poboación habitual do municipio.

Todos os produtores, tanto as dúas adegas que embotellan, coma os que fan viño a granel para autoconsumo ou para vender, estrean para a festa o seu viño novo, que precisa en ocasións aínda despois algo máis de tempo de repouso para dar forma á acidez típica das variedades desta zona.

cartel Festa do Viño de Negueira 2019

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información