vinho_podando_parra_01_standar

O viño galego, un sector en auxe pero que precisa xente nova e viñedos máis grandes

O Foro Económico de Galicia presentou este venres un documento de análise do sector, no que consideran necesario un maior tamaño dos viñedos, maior profesionalización, diferenciación dos viños e sinerxía con outros sectores

Maior tamaño das explotacións vitícolas, profesionalización dos viticultores, diferenciación dos viños a través de castes autóctonas e sinerxía con outros sectores como o turismo ou a gastronomía. Estes son a grandes liñas os retos de futuro que para o sector vitivinícola galego debuxa o Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Gen da Universidade de Vigo.

Expertos da entidade presentaron este venres un documento, titulado ”Planificación e proxección do sector vitivinícola de Galicia: realidade, desafíos e retos”, no que analizan a situación actual do sector e o seu futuro.

O documento, asinado por José Francisco Armesto e Patricio Sánchez, este último profesor na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, foi presentado no Concello de Ourense nun acto que contou tamén coa participación de José González, conselleiro de Medio Rural, e Jesús Vázquez, alcalde da cidade.

Un sector en auxe

“O minifundismo empresarial coincidente co dos sectores agrícola e gandeiro galegos: en 2016 case a quinta parte do total de explotacións galegas (18,3%) correspondían a viñedos”, sinalan os expertos do Foro Económico de Galicia.
Así, detallan, “a estrutura empresarial no que atinxe ao número de empregados e facturación concéntrase moi maioritariamente nas micro-empresas, que supoñen catro de cada cinco empresas en canto ao emprego (un 82,6%) e case tres cuartas partes por facturación (un 71,8%)”.

Na análise da realidade do sector, José Francisco Armesto e Patricio Sánchez sinalan como o sector vitivinícola non é alleo aos cambios que se están a producir nos mercados internacionais, como son a negociación da nova política agraria común ou o grao de exposición da industria ao Brexit, tendo en conta que Reino Unido é o segundo mercado das exportacións españolas. Neste senso lembran como as cifras do comercio exterior do viño con denominación de orixe galega amosan como o 20% da colleita de 2016 tivo como destino o mercado internacional.

Os viños galegos con DO véndense a unha media de 4,94 euros o litro fronte aos 3 euros da media de España

“Este feito manifesta que a nivel mundial o do viño (nomeadamente o de calidade) é un mercado que apenas ten padecido a crise económica”, comentan. Ademais, engaden os expertos, o viño galego véndese a prezos superiores aos españois,, e tamén por riba da media de 3 euros o litro dos viños españois con denominacións de orixe.

Neste contexto, José Francisco Armesto e Patricio Sánchez apuntan como os retos que ten que afrontar o sector se poden agrupar en catro grandes áreas, todas elas interrelacionadas.

O primeiro sería a necesidade de aumentar o tamaño das explotacións, “que presentan una superficie media inferior a 0,2 hectáreas, cando no conxunto do estado se sitúa arredor de 1,8 hectáreas”.

“A industria vitivinícola galega debe considerarse un sector estratéxico claro na economía de Galicia”

O segundo sería a profesionalización do sector, “que se reflicte na necesidade de incorporar xente nova á actividade, nunha mellora da dinámica innovadora, e na transformación dos procesos de comercialización e internacionalización”.

O terceiro reto fala de buscar sinerxías con outros sectores como o turismo ou a gastronomía e o último de afondar no modelo de negocio de xeración de valor baseado na diferenciación, a calidade e a singularidade dos viños, destacando neste eido o papel dos consellos reguladores das denominacións de orixe.

“O viño constitúe unha fonte de riqueza, emprego e cohesión territorial, reforzando o carácter identitario dunha rexión. A industria vitivinícola galega debe considerarse un sector estratéxico claro na economía de Galicia, un sector que non deixou de innovar co obxectivo de adaptarse aos rápidos e fondos cambios nos patróns de produción e consumo (que vai en descenso, tendencia que seguirá producíndose de aquí a 2030, segundo as estimacións da Comisión Europea no ámbito da UE)”, comentan por último os autores do estudo.

Descarga aquí o informe completo do Foro Económico de Galicia