“O viño español pode quedar fóra do mercado se non aposta por variedades de vide resistentes a mildiu e oídio”

Entrevista a Félix Cabello Sáenz de Santa María, director do Departamento de Investigación Agraria do IMIDRA da Comunidade de Madrid. Recentemente participou nas xornadas da EVEGA sobre “Novas perspectivas no control do oídio e do black rot no viñedo”

“O viño español pode quedar fóra do mercado se non aposta por variedades de vide resistentes a mildiu e oídio”

Félix Cabello Sáenz de Santa María, director do Departamento de Investigación Agraria do IMIDRA

“O viño español pode quedarse fóra do mercado se non aposta por variedades híbridas resistentes a enfermidades fúnxicas, ou se non potencia as variedades autóctonas resistentes para cada rexión”.

Quen afirma isto é Félix Cabello Sáenz de Santa María, director do Departamento de Investigación Agraria do Instituto Madrileño de Investigación y Desarrollo Rural, Agrario y Alimentario (IMIDRA) da Comunidade de Madrid. Recentemente participou nas xornadas da EVEGA sobre “Novas perspectivas no control do oídio e do black rot no viñedo”, onde advertiu que en países como Alemaña, Austria, Italia, Suíza ou Francia xa están a traballar con variedades de vide resistentes a enfermidades fúnxicas (mildeu, oídio, botrite..etc) que requiren 0 tratamentos fitosanitarios.

Como podemos reducir o uso de tratamentos fitosanitarios no viñedo en España?
O primeiro é facer unha selección de variedades o máis resistentes posibles dentro das variedades tradicionais e autóctonas que temos. A continuación, deberiamos facer bos tratamentos preventivos, con produtos non sistémicos, tratando de evitar que se xeren resistencias dos fungos aos fitosanitarios. E se non hai máis remedio, recorreriamos ao uso de funxicidas sistémicos cando a situación sexa complicada, tratando de aplicar os menos posibles.

Cales serían as variedades máis resistentes ás enfermidades fúnxicas?
As máis resistentes ao odio e ao mildiu en variedades brancas son Loureira, Parellada e a Quirat, esta última de orixe Balear. Entre as tintas, as que presentan maior resistencia ás enfermidades fúnxicas son o Carrasquín e Pedral, variedades galegas; Ondarrabi Beltza, do País Vasco; a Pampolat Girat, de novo de Beleares. Como se pode observar, as variedades máis resistentes son ou ben da costa mediterránea ou da costa atlántica.

Con estas variedades de vide resistentes a mildiu e oídio pódense elaborar bos viños, especialmente en tinto a Ondarrabi e a Carrasquín, aínda que sexan pouco produtivas; ou con Loureira que é moi aromática e resistente a mildiu e oídio, aínda que os seus viños son algo oxidativos.

Estamos a aproveitar a nosa riqueza de variedades de vide?
España é o quinto país en diversidade de variedades viníferas do mundo, tras Italia, Portugal, Grecia e Croacia, e somos o primeiro país produtor de viño do mundo. Temos 239 variedades de vide rexistradas a nivel nacional. Porén, soamente a superficie de cultivo de 8 variedades autóctonas representa máis do 80% da superficie nacional. É dicir, non confiamos no noso e preferimos traer variedades de fóra como Cabernet, Syrah ou Petit Verdot antes que explotar o noso patrimonio plantando as nosas variedades propias.

É certo que se trata de variedades menos produtivas, pero se con elas fas un bo viño ecolóxico, con cor e que está rico poderalo vender máis caro. É dicir, no canto de vender a uva a 1,20 euros o quilo, pódela vender a 2 euros e co prezo e o menor gasto en fitosanitarios compensas o descenso de produción.

 “A frase de que o mildiu vencerase polo uso de variedades híbridas e non polo cobre, está de plena actualidade”

Falas de que o mildiu e o odio combateranse de forma máis efectiva por variedades híbridas que co uso de fitosanitarios. Explícate…
É unha frase que dixo Georges Couderc en 1911, no sentido de que a filoxera foi vencida con variedades americanas e non con sulfuro de carbono, e o mildiu será vencido no curto ou longo prazo mediante o uso de variedades híbridas que o resistan e non polo uso de cobre ou doutros produtos fitosanitarios. Esta frase está de plena actualidade e de feito un século despois púxoa de moda o movemento PIWI.

En que consiste este movemento?
Vén do alemán e significa variedade de vide resistente a enfermidades fúnxicas. Trátase dunha asociación que apoia o intercambio de información entre institutos de investigación, viticultores e adegas para introducir variedades de vide resistentes a fungos en zonas onde estes atacan moito, como Alemaña, Suíza ou Norte de Italia. De feito, estas variedades híbridas recoñecéronse no norte de Suíza, en Alemaña, no Trentino e no Tirol de Italia, en Austria e nalgunhas zonas de Francia. É dicir, nas zonas de clima atlántico e están a permitir cultivar uva con 0 tratamentos fitosanitarios no viñedo.

Por que consideras que pode ser unha ameaza para a viticultura  española?
Porque se fan un cruzamento por exemplo de Albariño con variedade americana, que logo retrocruzan con Albariño cinco veces, o que saia non será albariño, será outra cousa. Pero poranlle Albariño Natur ou o que sexa e a xente non o distinguirá. Estarán a producir un Albariño sen tratamentos fitosanitarios, practicamente ecolóxico, que non é Albariño pero que sacará proveito do renome e do traballo que se fixo co albariño.

Vexamos a fondo este exemplo: Albariño no ano 1981 e segundo o Rexistro Vitícola do Ministerio de Agricultura ocupaba unha superficie de 220 hectáreas en toda España, sobre todo en Pontevedra, con 202. No ano 2016 a superficie de Albariño en España era case de 6000 hectáreas, das que 5.691 cultívanse en Galicia. Con isto quero dicir agora que se trata dunha variedade famosa pero que hai 30 anos apenas tiña importancia; esta conseguiuse grazas ao esforzo de viticultores e adegueiros facendo ben as cousas desde o punto de vista técnico e comercial. Sen embargo, se en Alemaña ou Suíza cruzan Albariño con catalán ou outro tipo de Vitis americana e sacan un “Albariño” resistente a mildiu e oídio van producir un viño distinto, con menores custos de produción, pero tratándose de situarse no mercado co nome da nosa variedade de tradicional, supondo así unha grave ameaza no mercado.

 “En Alemaña ou en Italia xa están a elaborar viños con variedades híbridas usando 0% de fitosanitarios”

E en España, ¿Que estamos a facer ou que deberiamos empezar a facer para afrontar os cambios que se aveciñan?
É unha decisión de alta política científica e agraria. Só se están realizando cruzamentos de variedades españolas con híbridos para lograr vides resistentes a nivel privado nunha adega catalá, que está a cruzar Xarello, Macabeu e Parellada con variedades resistentes. E o IMIDA, (Instituto Murciano de Investigación e Desenvolvemento Agrícola), que está a cruzar Monastrell con variedades resistentes. Isto é o que está a se facer oficialmente en España en hibridacións. Non hai nada máis.

Creo que deberiamos traballar en España de forma coordinada e en bloque para acordar que imos facer para que a nosa viticultura sexa competitiva na segunda metade do século XXI, e decidir se imos ir a variedades híbridas como están a facer en Italia, Alemaña ou Austria ou non. Tanto España como Portugal somos os únicos grandes produtores de viño que non o estamos facendo.

“O viño español pode quedar fose do mercado se non aposta por variedades de vide resistentes a mildiu e oídio”

Do contrario, quedariámonos fóra do mercado. Pero se o facemos é posible que en 10 ou 15 anos se podan perder as variedades tradicionais españolas e a forma de elaborar o viño como o entendemos actualmente.

É posible que ambos os mercados poidan pervivir durante un tempo. É dicir, por unha banda unha viticultura tradicional, con procesos de selección clonal como método de mellora dentro de cada variedade ou potenciando o cultivo de variedades minoritarias máis adaptadas ao medio ambiente e ao cambio climático. Xunto a unha viticultura moi competitiva con prezos de produtos moi baixos pero sen historia nin tradición.

Na túa opinión, ¿Cales serán as tendencias da viticultura en Europa na segunda metade deste século?
Sen ningunha dúbida os viños ecolóxicos están a medrar a pasos axigantados. Por exemplo, na Comunidade de Madrid en 1996 había 5,2 ha de viñedo en ecolóxico e agora xa estamos en 499,8 ha.

En toda España agora mesmo xa hai 106.719 ha de viñedo ecolóxico, das cales a maioría, 59.337 ha, están en Castela A Mancha, seguida por Cataluña, con 13.851, Murcia con 12.360 e Valencia con 10.355 hectáreas. En Galicia hai só 89 ha de viñedo en ecolóxico. Hai máis superficie de viñedo ecolóxico no Levante quizais porque é o que demanda o consumidor europeo.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información