“O viñedo en parral precisa o dobre de auga que en espaldeira”

Entrevista a Javier José Cancela, doutor de Enxeñería Agroforestal da Escola Politécnica de Lugo e especialista en sistemas de rega. Ven de participar na xornada sobre “Manexo do solo e aforro de custos enerxéticos en agricultura e regadío” organizada pola USC

Publicidade
“O viñedo en parral precisa o dobre de auga que en espaldeira”

Javier Cancela

Javier José Cancela, doutor de Enxeñería Agroforestal da Escola Politécnica de Lugo, está especializado en estudos sobre sistemas de rega, fundamentalmente de viñedo, pero tamén de millo e de lúpulo. Considera que a rega do viñedo en Galicia é necesaria e defende a necesidade de que os sistemas de regadío sexan deseñados e instados por persoal técnico cualificado para adaptalo á variabilidade do solo de cada parcela.

Por que motivo non se instalan sistemas de rega do viñedo en Galicia?
Por que se mantén o tópico de que en Galicia chove e non é necesario e tamén porque se di que baixa a calidade da uva.

Sen embargo, case todas as grandes adegas e as novas plantacións teñen sistemas de rega e asesores para xestionala. Aplícase en momentos puntuais e tamén para aportar adubos para o correcto desenvolvemento da planta e do acio.

Aínda que hai variabilidade en cada parcela, cales serían os momentos idóneos para regar?
A brotación é unha fase crítica e existe a tendencia a considerar que non é necesario regar e non é así, xa que en determinados anos non hai suficiente auga no solo. Non é que sexa obrigatorio regar, pero habería que estar pendentes de coñecer cal é o estado do solo nese momento.

No período do envero tamén a vide ten que ter a súa cantidade de auga no solo e manter unha rega sostida, segundo a climatoloxía, ata uns 15 ou 20 días antes da colleita. E obviamente falamos de cantidades non comparables á Mancha ou á Rioxa: nun ano medio en Galicia abonda con entre 60 e 80 milímetros. É dicir, sería unha rega sostida en entorno a 60 ou 80 días aplicando un milímetro cúbico diario e sempre regando de noite para evitar perdas por evapotranspiración.

“Existe o erro de considerar que na floración non é necesaria a rega”

Non quita isto que nun momento determinado haxa unha seca extrema con temperaturas moi elevadas que requira aplicar cantidades maiores. Todo isto ten que estar controlado, facendo un manexo correcto, aplicando a auga pola noite e nun solo non removido para evitar as enfermidades fúnxicas.

Despois hai diferencias de necesidades hídricas segundo variedades, sistema de condución ou a carga que desexemos.

Fixestes ensaios de rega en viñedos de Rías Baixas con cuberta vexetal e viñedos de Valdeorras con solo case sen cuberta. Que diferencias atopastes?
A presenza dunha cuberta vexetal determina as diferenzas pero sobre todo o sistema de conducción.. No caso da viña do Rosal as cubertas vexetais poden chegar ata 60 centímetros de altura en vides de albariño nun sistema de semiparral. Pola contra en Valdeorras, a variedade era Godello en espaldeira.

E atopamos que o sistema de condución inflúe tanto ou máis no requirimento de auga que a propia cuberta vexetal. É dicir, o semiparral sombrea moita máis superficie, mentres que a espaldeira non; o parral ten mais superficie foliar e maior demanda hídrica.

Na parte inicial, ata a emerxencia das follas o sistema de semiparral presenta uns requirimentos de cantidade de auga que duplican aos da espaldeira: entorno ao 0,6 no semiparral de Albariño fronte ao 0,3 do godello en espaldeira.

As cantidades producidas tamén son maiores: o sistema de semiparral ou parral garante un maior rendemento e con menor superficie que a espaldeira.

Que recomendacións farías para evitar erros na instalación dun sistema de rega en viñedo?
O principal problema é que quen fai as instalacións non é persoal técnico cualificado, senón que se fan por sistema: unha tubaxe de 16, un goteiro por planta ou dous, de dous ou mesmo catro litros hora de caudal..que ao final non é viable porque o solo non é capaz de asimilar esa cantidade de auga. É necesario un cálculo específico para cada caso (onde está a auga, que sistema de bombeo temos, temos enerxía eléctrica ou non…etc).

: “Hai que adaptar o sistema de rega ás variacións dentro da parcela”

E o outro problema é que Galicia se caracteriza por unha variedade moi grande dentro de cada parcela. E cando se fai o deseño do sistema de rega non se fai unha sectorización correcta. É dicir, téndese a regar nunha única ocasión a maior superficie posible, cando se trata xusto do contrario. Non por poñer catro electroválvulas e facer catro partes nun terreo dunha hectárea imos regar máis, senón que imos poder facer un manexo diferenciado, no que se chama viticultura de precisión para adaptarnos á variación do solo.

E outro erro é pensar que sistema de rega só sirve para achegar auga. Tamén serve para aportar nutrientes ao noso viñedo, axudando a compensar os custos da instalación. Se mesturamos o sistema de rega coa aplicación de adubos teríamos unha dobre ferramenta. E mesmo se pode pensar esa mesma instalación con pequenas variantes para a protección antixeadas. E indo máis lonxe tamén se pode utilizar o sistema de rega para a protección fronte a golpes de calor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información