O Sindicato Labrego pronostica unhas perdas superiores ó 30% nos viñedos de Valdeorras

A organización agraria asegura que o mildeu causou este ano un serio impacto na denominación. Pide que haxa seguros agrarias que cubran as enfermidades fúnxicas

Publicidade
O Sindicato Labrego pronostica unhas perdas superiores ó 30% nos viñedos de Valdeorras

Viñedo con mildeu. / Imaxe: Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

Este ano, os viñedos da comarca de Valdeorras experimentaron unha infección masiva de mildeu, segundo o Sindicato Labrego. A organización agraria sinala que por motivos meteorolóxicos, na denominación de orixe de Valdeorras é menos frecuente que noutras zonas a presenza desta enfermidade fúnxica. “Pero neste 2018 déronse as condicións climatolóxicas ideais para o desenvolvemento do fungo: primavera con intensas e continuas choivas, temperaturas en xuño que non superaron os 30° e floración tardía e moi irregular, que non deixou desenvolver os acios por rotura da flor”, valora o Sindicato Labrego Galego (SLG).

A organización agraria calcula que as perdas este ano poderían estar entre o 30 e o 40%, segundo estima o vogal do SLG na denominación de orixe Valdeorras, Antonio García, quen destaca que as intensas choivas levaron a que parte dos tratamentos fitosanitarios non fosen efectivos porque a folla quedaba lavada antes de que os produtos fosen efectivos.

Sen cobertura nos seguros agrarios

Desde a óptica do Sindicato Labrego, o problema agrávase porque o mildeu non ten cobertura de seguros agrarios en Galicia, xa que as compañías consideran que “a fraude sería moi sinxela, chegando con deixar as viñas sen tratar”, segundo as respostas que recibiu o SLG.

Para o Sindicato Labrego Galego, esta actitude das aseguradoras é totalmente rexeitable, xa que ademais de deixar sen cobertura as parcelas, criminalizan ao sector augurando prácticas fraudulentas que, en caso de darse, “serían moi doadas de detectar porque se pode saber se unha vide recibiu os tratamentos necesarios para evitar a enfermidade ou non”, considera a organización.

O SLG demanda que o mildeu sexa unha praga subvencionable e asegurable, “como xa o é noutras comunidades do Estado (Andalucía, Castela A Mancha, Estremadura, Illas Baleares, Madrid, Murcia e Valencia)”, afirma. “Tódalas Administracións lávanse as mans e deixan ao sector vitícola desamparado: as aseguradoras por non cubrir os riscos dos nosos viñedos, e a Consellería de Medio Rural porque sempre se escuda nos seguros para non apoiar as viñas damnificadas”, valora a organización agraria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información