O sector vitícola prevé unha vendima menor que na pasada campaña

Os danos causados polo mildiu na primavera e o tempo adverso retrasarán a colleita e minguarán a produción. Con todo, é aínda cedo para valoracións definitivas

Publicidade
O sector vitícola prevé unha vendima menor que na pasada campaña

As cinco denominacións de orixe de Galicia enfróntanse a unhas perspectivas de vendima cunha produción menor que no 2015. Por agora, o sector considera que é aínda cedo para facer valoracións fiables da colleita final, pero as primeiras estimacións dos distintos consellos reguladores, adegas e viticultores apuntan a baixadas que alomenos rondarán o 20 por cento.

Os danos causados polo mildiu na primavera e o tempo adverso, con temporais en maio-xuño e excesivo calor agora no verán, son os factores que se apuntan como causantes da reducción da produción e do retraso da vendima.

As organizacións agrarias cuestionan que o presidente do Consello Regulador do Ribeiro pronosticara unha vendima similar á do 2015

“Está moi claro que a produción vai ser menor que no 2015 porque todos os viticultores tivemos máis ou menos perdas na primavera, pero é moi cedo para facer unha valoración. Se baixan as temperaturas e chove algo, a maduración da uva mellorará. Hai que agardar alomenos ata a última semana de agosto para facer unha valoración sensata”, considera Bernardo Estévez, viticultor do Ribeiro e responsable do sector do viño no Sindicato Labrego Galego (SLG).

Polémica no Ribeiro
Entre as primeiras estimacións sobre a vendima dos consellos reguladores, chamou a atención do sector estes días a opinión do presidente do Consello Regulador do Ribeiro, Felicísimo Pereira, que en declaracións a La Región pronosticou unha vendima para o Ribeiro similar á do 2015. Eses pronósticos suscitaron unha furibunda nota de prensa de Unións Agrarias na que lle reclama a súa dimisión.

“Se o que se quere é amparar a entrada de uva de fóra ou facer campaña para que baixen os prezos, vaise por mal camiño” (José Ramón González, Unións)

O responsable do sector vitícola de Unións Agrarias, José Ramón González, estima que a redución da produción no Ribeiro rondará o 20-30%, segundo os cálculos que manexan viticultores e adegas. “Este ano o mildiu causou moitos problemas na primavera e agora temos unha seca no verán que tamén está a perxudicar a campaña”, valora.

“Non entendemos a que veñen as declaracións do presidente do Consello Regulador dicindo que a produción do 2016 será igual que a do ano anterior. Se o que quere é amparar a entrada de uva de fóra ou facer campaña para que non suban os prezos da uva, vai por mal camiño. En calquera caso, para nós está claro que ten que irse”, sentencia José Ramón González.

As declaracións de Pereira tamén extrañaron no Sindicato Labrego. Bernardo Estévez apunta que xa hai adegas do Ribeiro que están a buscar uvas, coa perspectiva de pagala a mellores prezos que o ano pasado ante a escasez: “A uva de calidade vai mellorar prezo porque non hai o volume doutros anos”, suliña.

“Xa hai adegas do Ribeiro que están a buscar uva coa perspectiva de pagala a mellores prezos que o ano pasado” (Bernardo Estévez, SLG)

Por parte de Unións Agrarias, faise un chamamento para establecer mesas de negociación entre viticultores e adegas. “Dados os custos de produción que houbo este ano, no que se rexistrou un aumento dos tratamentos, nós calculamos que o prezo da uva non debería de baixar dos 75 céntimos nas variedades autorizadas e de 1,15 nas preferentes. En calquera caso, pola nosa parte estariamos a favor de asinar contratos plurianuais, renunciando a especular este ano coa uva con garantías de estabilidade para próximos anos”, sostén González.

Previsións estatais
A organización agraria COAG trasladou tamén onte previsións de como está a marchar a campaña vitícola a nivel de toda España. Desde a perspectiva de COAG, a produción a nivel estatal será similar ou inferior á do 2015. “Ó comezo da campaña, houbo un aumento do número de racimos por cepa que deu lugar a previsións optimistas en exceso, pero tras este verán seco, a maduración vai retrasada e verificouse un descenso no peso medio do racimo, o que dará lugar ó mantemento e mesmo redución da produción do ano anterior, sobre todo nos secanos”.

COAG pide prudencia, á espera de que avance máis a campaña, pero agarda unha produción de “excelente calidade”, sempre que o tempo acompañe na vendima.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información