O Ribeiro presenta un plan estratéxico para “ser referente dos brancos en España”

A D.O máis antiga de Galicia traballa cos obxectivos de internacionalización, innovación e o enoturismo a través das accións fixadas no Plan Estratéxico.

Publicidade
O Ribeiro presenta un plan estratéxico para “ser referente dos brancos en España”

Miguel Ángel Viso, presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeiro.

O C.R.D.O. Ribeiro recibiu o respaldo da Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia ao seu Plan Estratéxico de desenvolvemento e implantación. Este Plan, que foi elaborado ao longo de 2014, reflicte a análise interna e externa das adegas da Denominación de Orixe, coas principais variables do sector vitivinícola “para converter a D.O. Ribeiro na referencia de máxima calidade dos viños brancos de España”.

A aposta pola calidade dos viños da DO Ribeiro, a historia da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia, a estratexia polo impulso da marca e o desenvolvemento dos proxectos de xestión, son os 4 piares que definen o Plan estratéxico que marcará o futuro e as liñas mestras do Consello Regulador, ao cal están adscritas 105 adegas.

Dende a dirección do Consello Regulador aseguran que “o 2015 é o ano de consolidación dun traballo sólido de xestión para coñecer a realidade do sector de primeira man”. Esta D.O. aglutina 6.000 viticultores e vai gañando peso específico no mercado.

Aumentar as vendas e mellorar a calidade e o I+D

Para alcanzar os obxectivos estratéxicos márcanse tres fases no plan. A primeira consiste no incremento dos cash flows pola potenciación das vendas no mercado vocacional galego, nacional e internacional. Explicouse con detalle o plan de apertura do mercado de Puerto Rico grazas ás axudas convocadas polo IGAPE para órganos intermedios.

Adicionalmente presentáronse os proxectos de Suíza e Alemaña, este último de forma conxunta para as Denominacións de Orixe de Galicia por proposta do IGAPE. A segunda fase céntrase no desenvolvemento de proxectos para a mellora da cadea de valor, polo que se planean accións no ámbito da calidade e a aplicación de I+D+i nos procesos produtivos e tecnolóxicos.

Finalmente, na terceira fase consolídase o Plan coa aplicación de proxectos no ámbito da potenciación do turismo experiencial e o enoturismo, xa que os máis de dez séculos de historia monacal xunto coa riqueza románica do Ribeiro permiten idear proxectos de desenvolvemento empresarial no ámbito desta histórica Denominación de Orixe.

O respaldo da Xunta a este Plan Estratéxico plasmouse na reunión mantida o pasado 28 de abril entre o presidente e o xerente do C.R.D.O. Ribeiro, Miguel Ángel Viso e Roberto Goñi, coa conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, e a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa.

A presentación, que tivo lugar nas oficinas da Consellería do Medio Rural e do Mar, en Santiago de Compostela, pretendía deixar constancia do labor que o C.R.D.O. Ribeiro está a desenvolver nestes últimos anos para profesionalizar a xestión en prol do desenvolvemento económico da bisbarra. Neste sentido, xa se está a traballar en proxectos pioneiros impulsados polo propio Consello Regulador que permitan a fixación da poboación no rural e a creación de investimentos empresariais que favorezan o desenvolvemento sostido das adegas.

A conselleira Rosa Quintana, que estará presente na inauguración da 52 Feira do Viño do Ribeiro, comprometeuse a manter novos encontros co C.R.D.O. Ribeiro para coñecer de primeira man todas estas accións e favorecer a canalización destes, conxuntamente con outros organismos da Administración, para acelerar a súa execución.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información