A DO Ribeiro autoriza un incremento do 25% dos rendementos ante unha colleita que se prevé “excepcional”

O Consello Regulador aprobou aumentar o rendemento de quilos permitido ante as previsións dunha vendima excepcional. Esta campaña os viticultores da DO deberán actualizar o seu rexistro de viñas para poder entregar uvas

Publicidade
A DO Ribeiro autoriza un incremento do 25% dos rendementos ante unha colleita que se prevé “excepcional”

Vendima na DO. Ribeiro

O Consello Regulador da Denominación de Orixe (DO) Ribeiro celebrou esta mañá un pleno no que acordaron incrementar un 25% o rendemento de quilos de uva por hectárea para esta vendima. A medida chega ante as previsións dunha colleita excepcional na maioría de variedades.

Este pronóstico baséase nos informes técnicos do departamento de control do Consello Regulador, cuxo persoal leva realizando inspeccións de estimación nos viñedos desde os primeiros días de agosto.

Actualización do rexistro de viñas

Ademais, por primeira vez esixirase a todos os viticultores da DO a actualización do seu rexistro de viñas como requisito imprescindible para poder entregar uvas nesta campaña. O Consello Regulador asegura que con esta medida buscan “previr calquera tipo de fraude nas declaracións de entrada de uva e fortalecer os controis na totalidade dos elos da cadea de produción, co fin de asegurar a certificación do produto”.

A nova tarxeta será imprescindible para que o viticultor poida entregar uva nas adegas da DO

Neste sentido, están a entregar unha nova tarxeta de viticultor a aqueles produtores que teñan viñas en produción dentro da DO que fosen actualizadas no rexistro. Tamén emprazan aos viticultores correctamente rexistrados a que pasen pola sede do Consello para recoller o novo modelo de tarxeta xa que ningún produtor poderá entregar uva na adega da Denominación de Orixe se carece do novo cartón.

Asimesmo, no pleno o Consello tamén acordou fixar o 31 de agosto como data de peche definitivo do Rexistro Vitícola ata que finalice a vendima deste ano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información