O mildiu larvado: Prevención e tratamento

O mildiu larvado, que se desenvolve no interior dos bagos do acio, é frecuente neste estadio de desenvolvemento da vide. Este ano está a afectar con especial virulencia. Falamos con algúns técnicos para ver que recomendan.

O mildiu larvado: Prevención e tratamento

Acio con mildeu larvado nalgúns bagos. Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro

O mildiu larvado é unha forma de desenvolvemento deste fungo que se produce cando os bagos dos acios xa pasan de tamaño chícharo, co que a pel da uva impide que o micelio do fungo libere as esporas ao exterior.

Os síntomas, tal e como explica Nuria de Prado Ordás, técnica da Estación de Avisos Agrícolas de Carracedelo (O Bierzo), un centro dependente da Junta de Castela e León, son parecidos aos do black rot: uvas que podrecen, engurran e murchan, adquirindo unha coloración marrón.

As condicións para o desenvolvemento do mildiu larvado son precipitacións ou humidade elevada e entre 10 e 30 graos de temperatura, xusto as condicións meteorolóxicas que se están dando neste mes de xullo atípico.

Joaquín Martínez Rodiño (Adega Martín Códax): “Aparece onde en floración xa houbo problemas de mildiu”

Joaquín Martínez Rodiño é responsable técnico de viticultura e mecanización en Adegas Martín Códax, un referente no sector vitivinícola, e que coida do bo estado da uva en centos de hectáreas de viñedo, tanto propios como dos socios.

O seu diagnóstico sobre o mildiu larvado é claro: “Normalmente o mildiu larvado aparece onde xa houbo incidencia de mildiu, porque en viñas limpas é raro. E este ano detéctase sobre todo en parcelas nas que no mes de maio xa houbo problemas co mildiu en floración e no callado, cara a finais do mes de maio e principios de xuño, debido ás choivas, de forma que o acio non se protexeu correctamente co funxicida e o mildiu entrou”.

Precisamente é ao longo desta semana e da que vén cando máis se prevé que se manifeste o mildiu larvado, sen esporulación. Aínda que entre as parcelas dos socios da cooperativa as perdas son escasas, si que detecta importantes danos por mildiu larvado “nos viñedos nos que se descoidaron á hora de protexelos cun tratamento en floración, porque aí quedou inóculo do fungo e é agora cando se manifesta como mildiu larvado”.

Como recomendacións, o técnico de Adegas Martín Códax , insiste en que “os labores culturais son imprescindibles e complementarias aos tratamentos”. En concreto, recomenda controlar o exceso de vigor para lograr que a vide estea aireada “e o acio solto, para mellorar o seu estado sanitario, evitando que acumule humidade, e facilitando posteriormente a súa vendima”.

“Nas viñas con exceso de vigor, en zonas sombrizas e nas que non se realizan esfollados é onde adoita haber máis problemas. No noso caso tamén facemos poda en verde, unha en brotación, con acios de menos de 20 centímetros, e outra agora, despois do callado e ata o envero, facemos unha segunda poda en verde tamén cun esfollado e desnetado”, explica.

En canto aos tratamentos, a partir de agora aconséllanse tratamentos só con cobre. “Temos previsto realizar un tratamento cara ao 20 deste mes e outro en torno ao 10 de agosto. En torno ao envero xa é máis difícil que afecte o mildiu”, explica Joaquín. Iso si, lembra que para que o tratamento sexa efectivo, teñen que funcionar ben o tres patas: momento de aplicación, produto e forma de aplicación.

Rosa Pérez (Estación de Areeiro): “Hai que tratar cando realmente é necesario”

Rosa Pérez, técnica da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, asegura que as causas do mildiu larvado poden ser varias: “Que non se tratou no momento adecuado, que a maquinaria para aplicalo non estea ben calibrada, co que o funxicida non impregna ben follas e acios, que se aplicase o tratamento en presenza de vento ou que as plantas non estean ben aireadas”.

Respecto disto último, advirte de que “este ano medrou moito a vexetación e por iso é clave realizar esfollados e podas en verde para evitar a retención de humidade nas vides”.

En canto ás recomendacións, a técnica de Areeiro lembra que “neste momento aconséllase aplicar tratamentos penetrantes ou translaminares con cobre, pero débense aplicar cando realmente é necesario, non cando o marca o calendario”. Así, recomenda como criterios á hora de aplicar tratamentos funxicidas “revisar as viñas, fixarse no tempo climatolóxico que houbo e nas previsións, e no sentido común”. “Hai que espaciar os tratamentos con tempo cálido e seco, sen humidade excesiva e sen choivas e néboas. E cando o tempo é húmido e cálido hai que estar máis pendente. Pero a clave é ventilar a viña e a calidade das aplicacións dos funxicidas”, conclúe.

E aínda que recoñece que a partir de agora empeza a decaer a fase de maior risco de mildiu, Rosa Pérez lembra que “o fungo pode atacar a uva ata o envero”.

Francisco Rego: “Co mildiu o viticultor sempre ten que ir por diante”

Por último, Francisco Rego Martínez, técnico xubilado da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), e un referente en viticultura en Galicia, destaca que “como me dixo un día un vello viticultor, co mildiu sempre tes que ir por diante, porque se non estás fodido”.

Neste sentido, Francisco Rego onde máis detecta problemas de mildiu larvado “é naquelas viñas nas que se practica viticultura a tempo parcial, xa que os tratamentos non se aplican moitas veces no momento adecuado, ademais de que a maquinaria que se utiliza, sobre todo sulfatadoras de mochila, non sempre garanten unha correcta distribución do funxicida, aplicándoo tanto en follas como, sobre todo en acio, que é onde máis está a afectar este ano o mildiu”.

Os bagos afectados acaban secando. Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro

Os bagos afectados acaban secando. Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información