“O mercado descoñece un gran atractivo do Ribeiro, a uva treixadura”

Ferran Centelles, que foi sumiller do restaurante El Bulli durante 13 anos, realizou unha cata a cegas de máis de 70 viños brancos e tintos da denominación. Considera que a calidade media dos seus brancos é das máis elevadas de España

Publicidade
“O mercado descoñece un gran atractivo do Ribeiro, a uva treixadura”

Ferran Centelles, na cata realizada no Consello Regulador.

Un dos catadores máis reputados en España, Ferran Centelles, que foi sumiller durante 13 anos do restaurante El Bulli, visitou por primeira vez a Denominación de Orixe (DO) Ribeiro para coñecer os seus viñedos e adegas e para realizar unha cata a cegas dos seus viños. Tras a cata, Centelles destacou que “a calidade media dos viños brancos do Ribeiro é das máis elevadas de España”. Tamén subliñou o potencial da uva treixadura, unha das variedades autóctonas da DO.

A visita de Ferran Centelles, agora delegado en España da crítica de viños británica Jancis Robinson, tivo o seu punto culminante na cata que se desenvolveu na sede do Consello Regulador da DO Ribeiro, na que puido degustar a cegas máis de 70 viños brancos e tintos. A súa conclusión: “A calidade media dos viños brancos do Ribeiro é unha das máis elevadas de España” -asegurou-. “Hoxe en día, todas as rexións vitícolas do mundo buscan a súa propia singularidade, pero o Ribeiro xa a ten”, destacou en declaracións transmitidas polo Consello Regulador en nota de prensa.

“Todas as rexións vitivinícolas do mundo buscan a súa singularidade, pero o Ribeiro xa a ten” (Ferran Centelles)

Na súa visita polo territorio do Ribeiro e polos seus distintos vales, conformados polos ríos Miño, Avia e Arnoia, Centelles amosouse sorprendido de que na Denominación, ata as adegas consideradas grandes son en realidade “pequenas e singulares”. O crítico tamén considerou dun “valor incalculable” as microadegas habituais na comarca.

En relación ás variedades autóctonas de uva cultivadas na DO, Ferran Centelles subliñou o potencial da treixadura: “O mercado aínda non sabe que un dos grandes atractivos da denominación de orixe Ribeiro é a uva treixadura”, valorou.

Robinson
Desde fai tres anos, Ferran Centelles cata e escribe sobre viños españois para a británica Jancis Robinson. Considerada como unha das persoas máis influintes na escena vitivinícola do mundo, Robinson é Master of Wine, crítica de viños e autora de numerosos libros sobre enoloxía, viticultura e cata de viños desde hai máis de 40 anos. O seu portal de viños é unha referencia mundial de consulta para catadores, distribuidores, restauración, produtores, importadores e consumidor final.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información