“O mercado demanda viños frescos e con menos graos: é o momento de Galicia”

Entrevista a Luis Seabra, enólogo e produtor de viños do Douro e de Alvarinho baixo a súa propia marca “Cru”. Asegura que “a tendencia nos últimos anos a elevar a altura das cepas influíu máis na viticultura que o cambio climático”

Publicidade
“O mercado demanda viños frescos e con menos graos: é o momento de Galicia”

Luis Seabra. Foto: Ingavi

Luis Seabra é un dos enólogos e adegueiros máis reputados de Portugal. Dende hai dous anos impulsa o seu propio proxecto baixo a marca “Cru”, tanto da rexión do Douro como de Melgaço e Monçao. “Creo que temos que facer viños que digan de onde ven, máis que da variedade, viños crus e puros”, subliña.

Ven de visitar Santiago de Compostela para impartir un curso sobre a riqueza vitivinícola de Portugal, -o país con máis variedades autóctonas de vide, xunto con España- dentro do Curso Superior de Sumiller Profesional que imparte o Instituto Galego do Viño (INGAVI).

¿En que se poden diferenciar os viños galegos para competir nun mercado globalizado ata certo punto saturado de marcas e de viños de todas as partes do mundo?
Coñezo os viños galegos e penso que están pasando unha fase moi boa, que se debe aproveitar para corrixir aquelas feblezas ou deficiencias que existan no sector.

O mercado global está demandando viños distintos e, sobre todo os consumidores de Estados Unidos, demanda viños con menos graduación alcohólica, máis frescos e máis auténticos. E penso que este é o momento para que Galicia amose os seus viños atlánticos, que responden a esas demandas de viños con carácter e que demostran de onde veñen.

“O mercado demanda viños máis frescos e con menor graduación: é o momento dos viños galegos”

Cada mercado é diferente, pero sempre digo que temos que ser auténticos e diferentes: facer o viño que nos gusta e logo buscar o consumidor ao que lle guste o noso viño.

Para os viños galegos penso que son interesantes todos os países cuns mercados de viño máis desenvolvidos, que buscan viños distintos e que empezan a distanciarse do consumo de viños máis potentes e alcohólicos.

Afirmas que o viño debe reflectir o terroir de onde procede, máis que a variedade….¿A que te refires?
Unha variedade pódela plantar en moitos sitios, pero o único que non che poden quitar e reproducir noutra parte do mundo é a terra, é Galicia neste caso. É dicir, pódese cultivar Alvariño en Australia ou en California, pero o que nunca van poder reproducir é o territorio: as Rías Baixas.

Isto non é unha cuestión menor. En Portugal tamén se produce Alvariño de forma tradicional en Melgaço e Monçao, pero o que os viticultores vendían era a variedade Alvariño e non o terroir onde se producía. Ata agora só Monçao e Melgaço podían utilizar a mención Alvariño nas súas etiquetas pero agora calquera produtor da rexión dos Vinhos Verdes pode utilizala sen distinción.

En que medida debe intervir o enólogo para non alterar o terroir?
Dende o meu punto de vista o enólogo ten que contribuír a elaborar un viño auténtico. Inevitablemente vai haber una influencia humana que fará ese viño algo persoal do enólogo, pero debe facerse influíndo o menos posible na produto do terroir, na uva. Sei que isto é o máis difícil, pero vai ir creando o seu mercado e a súa propia tendencia.

“A tendencia foi a elevar a altura das cepas e iso influíu máis na viticultura que o cambio climático”

Fálase moito da influencia do cambio climático na viticultura, sobre todo no aumento da graduación alcohólica. Sen embargo, ti aseguras que isto débese máis aos cambios na viticultura que ao cambio climático. Explícate…
As técnicas de viticultura, na busca da eficiencia e de máis rendemento, chegaron a ser eficientes de máis, na miña opinión. Penso que hai que adaptar o sistema de poda e de condución á realidade de cada territorio. Nos últimos anos a tendencia xeral foi a elevar a altura das cepas, porque iso supuña máis follas, máis graos e máis consumo de auga pola planta, abandonando sistemas máis tradicionais como o de vaso, e isto levou a aumentar a gradación alcohólica.

A diferencia de España, en Portugal estase a manter prezos de exportación do viño máis altos. Cal é a clave?
Portugal é un país pequeno e con baixas produtividades das viñas. Non podemos competir, por tanto, co viño barato, sería o camiño equivocado. Aínda que temos moito no que mellorar, apostamos pola calidade e pola diferenciación, e penso que iso tamén é a clave para Galicia.

¿Existe o bo e o mal viño ou é unha valoración moi subxectiva?
É algo moi subxectivo. Antes había malos viños por deficiencias na hixiene ou na calidade, pero hoxe é moi difícil atopar un mal viño por eses problemas. Para min hoxe un mal viño sería un viño sen alma, sen carácter, moi técnico. Pola contra, considero que o bo viño é, ante todo, equilibrio.

“Para min o bo viño é, ante todo, equilibrio”

¿Por qué cres que non baixou o consumo de viño en Portugal e si en España?
A verdade é que non sei. En Portugal na década dos 80 houbo un movemento contra o viño, contra o consumo excesivo e a miúdo de viño de mala calidade. As novas xeracións non querían ser como as anteriores que bebían gran cantidade de viño a granel e barato. Contrastaba isto cos tempos da Ditadura onde se dicía que “beber viño era dar de comer a un millón de portugueses”.

Toda esta campaña contribuíu á diminución do consumo de viño e ao aumento da calidade e do prezo do mesmo. Hoxe o consumo de viño en Portugal está estreitamente relacionado coa comida, algo que permite manter un consumo per cápita alto en comparación con España, onde gran cantidade do consumo é de copas en bares.

Hai viticultores que demandan moita máis flexibilidade nas Denominacións de Orixe ¿Que opinas?
Cada caso é diferente. Creo que as denominacións deben protexer as variedades e as prácticas locais, porque este é o legado que lle deixaremos á seguinte xeración. Sen embargo, hai que deixar que os produtores traballen con certa liberdade, porque son eles os que coñecen aos seus clientes.

 “Nas DO´s hai que deixar que os viticultores traballen con certa liberdade, porque eles son os que coñecen aos clientes”

A vida é innovación, e non sempre ten que haber un conflito na relación entre tradición e modernidade. O presente sempre se fai de pasado e de futuro.

Dos viños galegos que ten probado últimamente, ¿cales son os que máis te sorprenderon?
Uii….moitos!! Rías Baixas foi capaz de reinventar o Alvariño en viños de alta calidade; o Ribeiro coñézoo peor, pero amosoume unha gran cantidade de boas sorpresas. Pero o meu corazón está na Ribeira Sacra, dende que fixen viño alí por primeira vez no ano 2008.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información