“O gran reto de Galicia é facer ver á sociedade que se pode vivir moi ben do agro”

Entrevista a Juan Vázquez Gancedo, director xeral de Adegas Martín Códax, todo un referente no cooperativismo galego. Defende que “para vender fóra de España temos que ir cunha marca de Viños de Galicia”

Publicidade
“O gran reto de Galicia é facer ver á sociedade que se pode vivir moi ben do agro”

Juan Vázquez Gancedo, director xeral de Adegas Martín Códax

Juan Vázquez Gancedo, licenciado en Ciencias Empresariais e director xeral de Adegas Martín Códax desde 1995, é tamén viticultor e socio de Viticultores Martín Códax. Compaxina a dirección da adega con outros importantes postos no sector agroalimentario como o de presidente do Clúster Alimentario de Galicia, patrón experto do Observatorio Español do Mercado do Viño, vogal da Xunta Directiva da Plataforma Tecnolóxica do Viño e vogal do Consello Regulador Rías Baixas.

Recentemente Enofusión, o Congreso Internacional do Viño, que se celebrou do 28 ao 30 de xaneiro a súa novena edición en Madridfusión, outorgoulle o Premio D. Luís Hidalgo á Traxectoria e á Innovación “por levar á cooperativa galega aos máis altos estándares de calidade, así como polo seu continuo labor en I+D+I e o seu constante apoio a proxectos de ámbito cultural”.

Falamos con el do presente e do futuro dunha cooperativa e dun sector que lle apaixona desde hai 24 anos.

O xurado de Enofusión, o Congreso Internacional do Viño, que ven de celebrarse en Madrid outorgouche o Premio D. Luís Hidalgo á Traxectoria e á Innovación. Como recibes este recoñecemento?
Moi satisfeito xa que é un orgullo para toda a equipa de Martín Códax, porque, como cooperativista e viticultor que son temos un espírito colaborativo. Por iso, cando recollín o premio estaba emocionado porque estaba a representar a todo un equipo.

O meu mérito é ter a sorte de estar no momento axeitado e no lugar oportuno. Este é un ecosistema de ilusión que estaba aquí en 1995 cando cheguei a Cambados: había un viñedo en proceso de reconversión e transformación, recuperando a vitis vinífera da variedade Albariño que se conservara no mosteiro de Armenteira.

 “Creo que unha clave do proxecto de Martín Códax foi rodearnos dos mellores”

Martín Códax é hoxe una das grandes cooperativas vitivinícolas galegas e o seu nome é coñecido a nivel internacional. Pero ¿como era esta adega e a contorna cando chegaches a Cambados?
A adega Martin Códax nace no ano 1986 e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas créase no 1988. No ano 1995 cando cheguei a Cambados para traballar na cooperativa certificabamos uns 500.000 quilos e en toda o D.O. Rías Baixas uns 3 millóns de quilos. Na última campaña a DO certificou máis de 38 millóns de quilos, dos que uns 7 millóns corresponderon a Martín Códax e ás súas adegas.

Sen embargo, daquelas estabamos nos momentos iniciais do D.O. Rías Baixas pero xa se estaba recoñecendo o albariño como un dos mellores brancos varietais do mundo. E é que co noso clima e coa influencia das rías parece que non hai outro lugar no mundo onde o albariño se exprese como é nas Rías Baixas.

¿Que che sorprendeu máis dos que atopaches ao chegares a Martín Códax e ao Salnés, berce do D.O. Rías Baixas?
Para min, que viña de Lugo todo isto era novo e marabilloso. Atopeime co mar, o clima, coas persoas da cooperativa, que foron pioneiras no movemento cooperativo no Salnés.

Tiven a sorte de apaixonarme co que me atopei, até o punto de que un urbanita coma min ilusioneime con ser viticultor e plantar o meu viñedo no ano 2001. Conseguín arrendar 6 hectáreas á igrexa e plantei o meu viñedo, e así entendín moito mellor os socios viticultores, que se senten orgullosos de que despois de todo o seu esforzo o seu viño chegue aos mercados e ás mellores mesas do mundo.

Creo que unha clave do proxecto de Martín Códax foi rodearnos dos mellores, combinando a sabedoría de Luciano Amoedo, un enólogo con 11 xeracións por detrás elaborando viño albariño no Salnés, ou de Katia Álvarez, que tiña unha grande traxectoria profesional traballando en adegas de Chile, A Rioxa..etc e supuxo un aire fresco de innovación.

A investigación para Martín Códax foi tamén clave porque daquela non había estudos científicos. Foi así como empezamos cos primeiros proxectos de innovación, como o Zenit Demeter, para comprobar a influencia do cambio climático na viticultura e poder adaptarnos. Decidimos traballar coa hipótese de que si que temos cambio climático, con maior temperatura e menor disposición de auga, para xestionar mellor os nosos viñedos.

“A nosa gran meta é a sustentabilidade do viñedo e adaptarnos ao cambio climático”

E para contar con datos científicos sobre como inflúe o sistema de poda e de condución na produción das distintas variedades de vide, e na nosa contorna, puxemos en marcha Pé Redondo, o noso viñedo experimental de 12 hectáreas localizadas no concello de Meis. Alí podemos atopar todos os sistemas de condución do mundo, materiais, cubertas vexetais, marcos de plantación, portaenxertos…etc. E iso levounos a colaborar cos centros de investigación e a abrirnos a como están a traballar en viticultura no resto do mundo.

Foi así como concluímos que o gran reto para nós, do mesmo xeito que noutras partes, é a sustentabilidade do viñedo, é o que nos ten obsesionados. Queremos que os viñedos dos nosos socios queden para os seus fillos en iguais ou mellores condicións.

En Galicia existiron moitas cooperativas no sector do viño pero poucas alcanzaron os logros de Martín Códax. ¿Cales foron as claves para que esta cooperativa lograse o éxito?
O lugar era propicio, o momento era adecuado e o que tiñamos ao redor era unha marabilla. Non existiría proxecto Martín Códax se non houbese uns viticultores que apostaron decididamente por esta cooperativa e non existise unha Denominación de Orixe Rías Baixas.

Pero tamén era o momento oportuno, porque o consello reitor da cooperativa Martin Códax estaba formado por socios viticultores, pero moitos deles eran tamén empresarios, académicos, profesores de instituto e universitarios..etc. Os empresarios tiñan visión empresarial e impulsaron a profesionalización e foi así como contrataron aos primeiros enólogos, comerciais, xerentes…etc. E por suposto, foi clave contar cun plan estratéxico.

Dese grupo heteroxéneo veu tamén o nome da cooperativa, dun trobador galego do século XII como Martín Códax, un nome cunha historia detrás e un relato que nos vinculaba á poesía, á música e a tradición galega. Todo ese relato impregna a nosa estratexia de promoción, que vira ao redor da música e á literatura.

“Queremos fomentar a creación de riqueza e emprego no rural, na nosa contorna”

O obxectivo da cooperativa sempre foi claro: que a adega sexa unha ferramenta para que os nosos socios viticultores poidan vivir dunha forma digna e durante moitas xeracións, producindo uva e elaborando viño de forma sustentable.

Ademais, a responsabilidade social corporativa coa nosa contorna social e comarcal e co medio ambiente forma parte do noso ADN. Así, fomos os primeiros en asinar contratos homologados para darlle estabilidade aos nosos veciños e desde o 2006 mercamos uva a outros viticultores da comarca. Queremos fomentar a creación de riqueza e emprego no rural, na nosa contorna. Non somos adegueiros que queremos enriquecernos e vender a adega o día de mañá.

¿En que cifras se sitúa neste momento a cooperativa?
Martín Códax conta con 270 socios cooperativos, todos viticultores da comarca do Salnés. Pero hai que ter en conta que algúns dos socios son comunidades de bens de varios familiares, polo que socios directos son ao redor dunhas 400 familias viticultoras, que de media creceron nos últimos anos e cultivan unhas 400 hectáreas de viñedo, onde se producen uns 4 millóns de quilos de uva. Temos viticultores con viñedos de 4 ferrados e 8 plantas. A nosa grandeza é xestionar o minifundio e elaborar viños diferenciados a partir da suma de todas esas pequenas 2.320 parcelas que temos.

Obsesiónanos a xestión desa diversidade e por iso investimos en I+D para clasificar os distintos viñedos, de como varía a produción e o tipo de uva segundo a orientación, se están a altura do mar ou no monte Castrove…etc.

É certo que este minifundio é unha debilidade en canto a maiores custos de produción pero podemos achegar valor para elaborar viños máis diferenciados e de maior valor.

Outra vía de crecemento da cooperativa é a compra de uva a colaboradores da comarca e os nosos viñedos propios, que nos permiten medrar, baixar custos de produción e, sobre todo, permítennos investigar.

“Saír ao mercado cun portafolio de viños elaborados con varias uvas autóctonas galegas fainos máis grandes”

Ademais, estes viñedos propios leváronnos a crear unha empresa de servizos agrarios que nos permite non só cultivar os nosos viñedos propios senón tamén os de socios que non poden realizar traballos na viña.

A día de hoxe, Martín Códax elabora en Rías Baixas uns 7 millóns de botellas e procesamos uns 7 millóns de quilos, tanto da nosa cooperativa como de Adegas Galegas e Pazo da Almuíña, dúas adegas que adquirimos. Tamén contamos con viñedos na DO. Monterrei e compramos uva no D.O. Bierzo.

Na DO. Rías Baixas contamos como viñedos propios cunhas 100 hectáreas no Salnés e no Condado. No Salnés contamos con Agro de Tremoedo, Pé Redondo e Pazo do Monte, que suman unhas 30 ha en total. En Adegas Galegas suman outras 30 hectáreas no Rosal e no Condado e Pazo da Almuíña suma outras 30 hectáreas.

Os vosos viñedos na DO. Monterrei son innovadores en moitos sentidos. ¿Que vos levou a apostar polo godello?
Foi unha aposta pola diversificación, aproveitando que xa temos unha rede comercial establecida por todo o mundo e un equipo técnico excelente tanto en viñedo como en adega.

Desta forma fixémonos a pregunta de se debiamos diversificar e empezar a apostar tamén polo godello. E démonos conta de que saír ao mercado cun portfolio de viños elaborados con varias uvas autóctonas galegas fainos máis grandes.

En Monterrei temos unha parcela de 100 hectáreas en Vilardevós, de cuxas uvas elaboramos o noso godello Mara Martín. Este viñedo, que plantamos hai uns 8 anos, é un novo concepto para Galicia, xa que nos permite realizar vendima mecanizada, fertirrigación, análise da parcela con cámaras termográficas..etc. Neste momento estamos preto das 80 ha plantadas nunha peza e con previsión de chegar axiña a 100 ha. Trátase dun terreo que alugamos a través do Banco de Terras de Galicia, nunhas leiras con xestas arbóreas que antes eran pasto do lume e que agora son unha fonte de riqueza e de emprego.

“En Monterrei esperamos chegar este ano ás 100 hectáreas de viñedo plantadas”

Ademais das uvas propias desta finca, o Mara Martín tamén se elabora con uvas da cooperativa Terras do Cigarrón. Onde imos procuramos buscar socios locais e entendémonos moi ben con esta cooperativa socia de Monterrei. Eles teñen uvas no val e nós a 600 metros, polo que temos un contraste idóneo entre o alcol e a maior madurez da uva do val e a frescura e maior acidez da da nosa finca, dando como resultado un godello moi equilibrado.

En Mara Martín empezamos con 40.000 botellas e neste momento chegamos a preto de 1 millón de botellas, e non nos chegan. O godello é unha variedade moi apreciada, sobre todo na exportación.

“Para vender fóra de España temos que ir cunha marca de Viños de Galicia”

¿As adegas galegas deben apostar pola diversificación varietal nos seus viños?
Non coñezo ningunha gran zona vinícola do mundo que sexa famosa por unha soa uva ou por unha soa denominación. Por exemplo, a Borgoña é unha suma de moitas Denominacións de Orixe diferentes pero que van co mesmo paraugas. Ese é o reto de Galicia.

É dicir, cando a un xefe de compras de viños dunha cadea do Reino Unido ou de Estados Unidos preséntaslle un varietal vaino pór na sección de varios, e aí vai competir cunha chea de varietais de todo o mundo. Pero se vas con viños de varias variedades propias de Galicia vas conseguir unha propia categoría de viños de Galicia.

Non estou a falar dunha DO Galicia, cada unha que manteña a súa identidade, e cada subzona dentro das DO, porque esa diversidade fainos ricos. Pero para ir fóra de España temos que ir con categorías importantes, como Viños de Galicia, para pórllo fácil ao consumidor. Cómprenos máis altura de miras.

¿Cales son os retos da cooperativa Martín Códax para o futuro?
Debemos aproveitar as novas tecnoloxías para extraer o mellor da uva. Fomos dos primeiros en facer produción integrada, facemos a menor intervención no viñedo e na uva. E grazas ao aceiro inoxidable, ao coidado da viña, a ter estacións meteorolóxicas..etc, reducimos o número de tratamentos. Incorporamos tamén o obxectivo de reducir todos os anos a nosa pegada de carbono, de forma medible…etc.

En Galicia antes dos anos 80 todos sabemos como eran os seus viños e o cambio que supuxo a tecnoloxía, coa chegada do aceiro inoxidable, dos controis de temperatura, dos filtros..etc. Grazas a todo iso os viños galegos hoxe son valorados en todo o mundo. Poñamos en valor a tecnoloxía e o traballo de investigación que se realiza en Galicia aplicado ao viño para extraer o mellor da nosa terra.

Temos que seguir traballando nunha viticultura máis sustentable e para iso estamos a asociarnos en diversos proxectos de investigación con adegas de países punteiros na materia como Francia ou Portugal. O obxectivo número uno no noso plan estratéxico é a sustentabilidade.

O último estudo do Foro Económico de Galicia sobre o sector vitivinícola galego advertía de que o envellecemento dos viticultores e o minifundio condicionan o seu futuro. ¿Compartides estas conclusións?
Antes da crise, fai uns 15 anos viamos que había unha fuxida da xente nova do rural, cara á construción ..etc, e moitos eran fillos dos nosos socios. De feito, doíame cando máis dun dicíame: “Eu traballei para que a miña filla non traballe na viña, quero que traballe nun banco e que vista traxe”. Inculcarámoslle aos nosos fillos que a felicidade estaba en gañar moito diñeiro en pouco tempo e non se dignificou o traballo no campo, non lles inculcamos os valores de que o que facemos é digno, é fermoso e é rendible.

 “O gran reto en Galicia é facer ver que se pode vivir moi ben no campo”

Porén, a crise deunos unha lección e eses mesmos socios viñan despois a pedir traballo na adega para o seu fillo. Pero eu dicíalles: “O traballo para que o teu fillo teña unha vida digna telo en casa, tes un tractor, viñedo, e mesmo invernadoiros de horta”. Así a crise provocou que se rexuvenecese a idade media dos socios de Martin Códax. Como exemplo, o noso presidente era profesor e abandonouno todo pola viticultura e hoxe leva unha vida digna e satisfactoria. E tamén contamos con viticultores e viticultoras novas.

O gran reto en Galicia é facer ver que se pode vivir moi ben no campo.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información