O Goberno aproba cambios nas autorizacións de novas plantacións de viñedo

Publicidade
O Goberno aproba cambios nas autorizacións de novas plantacións de viñedo

Plantación de viñedo en Valdeorras

O Consello de Ministros aprobou hoxe, a proposta do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, un Real Decreto que substitúe a norma de xullo de 2017 que regula o potencial de produción vitícola. O novo Real Decreto ten como obxectivo mellorar a aplicación en España do sistema de autorizacións de viñedo que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2016.

As principais novidades deste Real Decreto son consecuencia dos cambios introducidos no sistema de autorizacións, pola modificación da normativa comunitaria que entrou en vigor en xaneiro de 2018. Inclúese así un novo criterio de admisibilidade que esixe que o solicitante non teña superficies de viñedo ilegal ou non autorizadas.

Tamén se establece un límite máximo de 5 hectáreas de superficie admisible por solicitante e engádese a esixencia de ser novo viticultor ao solicitante que cumpra co criterio de prioridade de bo comportamento previo porque non teña viñedo abandonado, plantacións ilegais ou non autorizadas e que non incumprise algún compromiso obrigatorio para a concesión da autorización.

Aplicarase na convocatoria de solicitudes de autorizacións de novas plantacións para 2019

En base á experiencia adquirida na aplicación do sistema e co fin de favorecer o desenvolvemento deste sector, introducíronse outras novidades que melloran o procedemento de concesión de autorizacións de novas plantacións, como cambios nos requisitos e na ponderación das solicitudes.

Por último, este Real Decreto recolle modificacións para adaptar o texto á nova normativa comunitaria e para dar maior claridade na súa aplicación, e actualízanse as variedades de uva de vinificación autorizadas.

A nova norma entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación e será aplicable á convocatoria de solicitudes de autorizacións de novas plantacións para 2019.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información