“O futuro do Ribeiro está nos viños tintos”

Arsenio Paz, fundador de Adegas Vilerma, é un dos artífices do rexurdir dos viños do Ribeiro. No 2017 recibiu o premio Ribeiro a “Unha vida entre vides”. Falamos con el na súa adega en Leiro sobre o Ribeiro e a súa traxectoria

Publicidade
“O futuro do Ribeiro está nos viños tintos”

Arsenio Paz, fundador de Adegas Vilerma

Avogado de profesión, Arsenio Paz nunca esqueceu a súa terra natal de Leiro e o viño Ribeiro que se producía nela sendo cativo. Leva máis de corenta anos vinculado á recuperación dos viñedos nas ladeiras solleiras de Adega Vilerma, unha das dúas grandes paixóns vitais. A súa traxectoria foi recoñecida no 2017 co premio Ribeiro a toda “Unha vida entre vides”. Recíbenos unha tarde chuviosa na súa adega, onde se destila amor pola tradición e polas cousas ben feitas.

Arsenio ¿de onde che ven a ti esta vinculación co mundo dos viños?
Iso tamén mo preguntou eu ás veces porque a miña idea nunca foi esta. Eu sempre estiven vinculado coa zona e co viñedo, porque meu avó e meu pai tiveron vide pero nunca viviron da viticultura. Eu traballaba en Vigo e un día chamoume Eulogio Gómez Franqueira para facer unha xunta de salvación da Cooperativa do Ribeiro e pediume que fora o secretario.

Foi cando comecei a implicarme no Ribeiro para reflotar a cooperativa, que hoxe está recuperada e funcionando moi ben. Ademais, a miña muller quería vivir nunha casa e viñemos ver esta antiga propiedade da familia na Vilerma, que daquela estaba en ruínas e sen accesos.

Daquela, no ano 1975, o viño de Ribeiro era un viño con fama de ácido, turbio e de baixa gradación. Nese viño de Ribeiro xa case non quedaban as variedades antigas que foran substituídas por outras castes de fóra máis produtivas. Sen embargo, eu quixen ver como era aquel viño que se cultivaba aquí anteriormente e que sempre tivera fama.

¿Por que ese interese por recuperar o viño de antes?
Porque viamos que o viño que se estaba a producir naquel momento non era viable. Cando eu estaba na cooperativa de secretario, Javier Vázquez Fidalgo, que era avó dos da adega Casal de Armán, comentoume un día: ‘Hoxe xa ninguén sabe o que é o viño do Ribeiro’. E tiña razón, aquilo era todo un mundo de Palomino. Entón foi cando comezamos a recuperar e a plantar a Treixadura e o Godello.

“Nos anos 70 o Ribeiro era un mar de Palomino, pero eu quería recuperar o auténtico viño de antes”

¿Como conseguistes esas variedades?
Xa non as había entón, polo que só nos quedaba comprar bravos e logo enxertalos. Non foi fácil conseguilas, non había os bos viveiros que hai hoxe en día que chas puideran traer. Así que, buscabámolas onde quedaban cepas vellas. Algunhas tamén viñeron de Arbo, cos que tiñamos relación. Daquela, polo meu traballo como avogado cheguei a plantar aquí kiwi, unha plantación que cultivei tamén durante algúns anos, pero é unha planta que o verán do interior aguantábao moi mal a pesar de que aquí tiñamos auga.

Pouco a pouco a finca foi medrando. Era pouco máis dunha hectárea cando empezamos e fomos incorporando terreo a base de mercar e de falar con moitos propietarios. Hoxe teremos en torno a 7 hectáreas e cunha produción media de arredor de 40 ou 50.000 botellas, contando branco e tinto. Nós producimos o que dá a viña, non mercamos uvas. Nunca foi un proxecto planificado pero a sorte que tiven foi contar sempre cunha xente magnífica traballando aquí: catro persoas fixas e logo algúns máis por temporada.

Naquel momento igual non fostes moi ben comprendidos nin polo Consello Regulador nin polo resto de viticultores por esa idea de apostar polas variedades autóctonas…
Abonda contar unha anécdota para comprender a situación. Cando eu comecei a plantar estas variedades un amigo da familia de toda a vida díxolle a meu pai: ‘Non lle dá vergoña ó seu fillo: ser agricultor é o último que se pode ser na vida’. E el era e fora agricultor toda a súa vida, e un bo agricultor.

Aquí non houbo unha burguesía que se ligara á terra e á agricultura pese a que tiñamos xa a fama do viño, como recoñeceran por exemplo Cervantes que falaba do viño de Ribadavia. Fallamos daquela e seguimos fallando. Sempre recordo unha frase de Ortega y Gasset cando visitou Galicia no 1920 que dicía “Galicia es una tierra muy hermosa habitada por gente vencida”. E hoxe Galicia sigue a ser bastante parecida, sobre todo a Galicia do interior, que é unha gran abandonada cun problema grandísimo como é o minifundio.

 “O Ribeiro sempre foi un viño de mestura e nesta adega seguimos esa tradición”

¿Que variedades traballades?
O Ribeiro sempre foi un viño de mestura e nesta adega seguimos esa tradición. Así, no Vilerma branco a variedade maioritaria é a Treixadura, pero logo temos Albariño, Godello, Loureira, Lado e Torrontés. E no noso tinto a parte maioritaria é o Sousón, pero tamén lle engadimos Brancellao, dous tipos de Caíño, Ferrón e un pouco de Tempranillo.

Eu sempre quixen facer só un viño polo que só elaboramos o Vilerma Tinto e o Vilerma Branco. Vendimamos por separado, segundo vaian madurando por zonas e por variedades e fermentan tamén así por separado. Un dos problemas que nós temos é que as nosas variedades son pouco acedas, en boa medida tamén por estar nunha ladeira soleada, e por iso cómpre ter variedades como o Albariño coas que irlle aportando acidez.

¿En que mercados vendedes o viño?
Fundamentalmente o noso mercado é Galicia e España e de vez en cando sae algo para o estranxeiro.

¿Cal foi a clave para que a xente recoñeza en Vilerma un viño diferenciado?
Nós traballamos a finca como facían os de antes, cos mesmos sistemas, seguindo a tradición que ven de séculos atrás. O Ribeiro fíxose sempre cunha mestura das variedades nosas e propias que son magníficas como o Sousón, o Brancellao, o Caíño… pero sempre mestura.

Ó principio creo que a xente xa non cría moito no Ribeiro, porque se vendía non se sabe o que como se fose Ribeiro, pero hoxe estase recuperando e creo que se fan grandes viños nesta DO.

Por parte do Consello Regulador houbo colaboración na recuperación destas castes autóctonas. Así, no ano 85, como aínda non tiñamos nin terminada unha das adegas coas que funcionamos hoxe e no Consello Regulador pedíronnos se lle cedíamos toda a produción que tiñamos das nosas castes autóctonas, así o fixemos. Eles fixeron vinificacións por separado das variedades e aí fixeron unha cata e foi cando se deron conta do potencial que podía ter o Ribeiro se se facía coas variedades axeitadas. Pero o Ribeiro aínda tardou en responder.

Agora falta que nos deamos conta de que podemos facer os grandes viños tintos. O Ribeiro que eu coñecín de neno o 80% era tinto, era o Ribeiro do Avia.

Como anécdota, hai 2 anos eu estaba en Ourense e chamoume o que fora presidente de Ribera del Duero porque o seu fillo, que era enólogo, quería ver as nosas cepas de Treixadura. Cando quixo probar os nosos viños eu ofrecinlle o tinto, e alí probou de varios anos, e díxome: ‘Ten vostede razón, o futuro do Ribeiro está nos viños tintos’.

Ademais, cando se fixo a Cooperativa de Leiro, que logo foi absorbida pola de Ribadavia, o primeiro enólogo que había era da Rioja e o que lle sorprenderon foron os tintos, pero non soubemos comercializalos.

¿Que produción tedes vós de tintos?
Cando comezamos con isto, eu pensei facer un viño para os amigos, non tiña aspiracións ningunhas e agora o tinto incluso ten máis demanda que o branco. Pero, de tinto elaboramos só unhas 4.000 botellas, sen madeira. Eu son inimigo da madeira no viño. No branco xa nin se me ocorre, pero no tinto tiven a debilidade de probar, pero descubrín que non dá resultado. Nós temos en Galicia unhas variedades moi importantes, que por si solas son capaces de facer uns bos viños, sen necesidade da madeira.

No Ribeiro nesta zona, quizais había a metade de branco e tinto, pero noutras zonas como Cenlle, era todo tinto. De feito, cando se fixo a cooperativa no ano 1952 en Leiro, case todo era tinto; logo cando se creou a cooperativa de Ribadavia, alí había máis branco ca tinto.

Eu nos tintos non lle teño medo a competir con calquera tinto de España, porque esencialmente o Avia foi tinto.

“Podemos facer grandes viños sen necesidade de madeira”

¿Abandonáronse os lugares tradicionais de plantación do viño?
Si, dende logo, pero detrás diso está o minifundio de Galicia e que é un problema con difícil solución. Hai que buscar a fórmula para que se poida poñer en produción a terra que está abandonada.

Eu creo que hai un abandono por parte da Administración. Cando era neno, non había incendios porque os montes estaban limpos. A iso súmaselle o problema que supón o aumento da poboación de xabarín ou que agora no Ribeiro xa estea entrando o corzo a facer estragos nos viñedos. Aínda con todo a terra é agradecida se a traballas ben.

E de todos estes anos de traxectoria, dende o 1975, que foi o máis positivo que lle aportou o mundo do viño?
Dígoo cun certo romanticismo, pero do que estou encantado é de que hoxe no Ribeiro haxa un certo número de adegas que están facendo uns magníficos viños. E se somos serios, formais e cremos no viño e non no diñeiro co que se poida especular, o Ribeiro ten posibilidades, pero hai que traballalo. Nós a produción máis grande que tivemos foi no 2001 que chegamos ás 70.000 botellas e ó ano seguinte só embotellamos 29.000 que foi o que deu a viña.

VILERMA_4

“Se agora volvera atrás plantaría variedades tintas”

¿Que futuro che gustaría para a túa adega?
Eu non quero ampliar nin facer máis viña, pero se agora tivese que plantar, plantaría tinto, sen dúbida ningunha, aínda que sen abandonar os brancos.

Se te tiveses que quedar so con dúas variedades en branco e dúas en tinto, ¿cales escollerías?
En branco quedaríame coa Treixadura, e co Albariño por necesidade porque Treixadura soa non ten acidez e é preciso aportarlla co Albariño. E no tinto posiblemente optase polo Sousón e polo Caíño. Desde logo que a Mencía non, porque nunca foi unha variedade propia do Ribeiro. Pero, o viño é como o cocido, canto máis lle aportes máis gaña.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información