“En Valdeorras logramos un viño expectacular coa variedade Brancellao”

Entrevista a José Luis Sánchez Rodríguez, de Adega Alan de Val, pioneira na aposta polas castes minoritarias da Denominación de Orixe Valdeorras. Foron os primeiros en elaborar un viño 100% de Brancellao, o famoso “A Costiña”, e para o próximo ano teñen previsto sacar un monovarietal de Caíño tinto e iniciar unha plantación de Sousón

Publicidade
“En Valdeorras logramos un viño expectacular coa variedade Brancellao”

José Luis Sánchez Rodríguez, de Adega Alan de Val, na finca Costiña, plantada con Brancellao

Alan de Val é unha das adegas emblemáticas da Denominación de Orixe Valdeorras grazas a súa aposta pola diferenciación, en especial polas castes minoritarias galegas como son a Brancellao e o Caíño Tinto, á que próximamente unirán a Sousón.

Fundada na Rúa no ano 1993 polos irmáns Sánchez Rodríguez (Joaquín, Manuel e José Luis) hoxe xestionan unhas 19 hectáreas de viñedo en diferentes concellos da comarca. Xunto aos seus viños máis coñecidos, como o “Alan de Val Godello” e “Alan de Val Mencía”, nos últimos anos foron apostando por viños máis diferenciadas, tanto de parcela, como o “Pedrazais” ou o “Escada”, e tamén polo carácter único que aportan as castes galegas minoritarias. Así, o seu “Costiña”, un monovarietal de Brancellao, é un dos viños galegos máis buscados. Unha liña que pretenden continuar elaborando o próximo ano un viño 100% Caíño tinto e realizando unha plantación de Sousón.

Falamos con José Luis Sánchez Rodríguez, un dos irmáns socios, que nos explica o valor que está a aportar a Alan de Val estas castes galegas minoritarias.

¿Como é a día de hoxe a adega Alan de Val?
Xestionamos preto de 20 hectáreas de viñedo, tanto en propiedade como en aluguer, repartidas en moitas pequenas parcelas. Únicamente elaboramos viño con uva dos nosos viñedos, e situámonos nunha media de 70.000 botellas ao ano, principalmente de “Alan de Val Godello” e “Alan de Val Mencía”.

Esta adega dá emprego a 4 persoas asalariadas a tempo completo, e a dous socios que nos adicamos a tempo completo á viña e á adega.

A maior parte da superficie que temos é de Godello e de Mencía, pero tamén temos moita parcela vella, de leiras pequeniñas de Garnacha, ou parcelas de Godello arrendadas con vides plantadas no ano 1975. Esta riqueza de vides, de solos e de microclimas levounos a elaborar os viños por parcelas, como son” Os Pedrazais” ou “A Costiña”.

Que vos levou a apostar por castes minoritarias no seu momento?
Fomos dos pioneiros en Valdeorras en plantar vides de Godello. De feito, unha viña de Garnacha xa a inxertamos con Godello no ano 1983 e no 1985 plantamos outra finca.

Antes o meu pai producía aquí na Rúa planta para vide, na súa empresa, Viveros Sánchez, que xa viña do meu visavó. E a raíz de dedicarnos a iso tiñamos acceso a estas castes minoritarias que nos traían os viticultores para facer planta. Nós inxertabamos as pugas que nos mandaban os viticultores e sempre nos quedabamos con algunhas (de caiño, de ferrol, lado…), para ir experimentando.

No caso do Brancellao vimos que aquí en Valdeorras producía unhas uvas moi finas. Foi así como o ano 1992 plantamos unhas 150 vides desta caste na chaira da Rúa, pero non acadou o obxectivo porque o lugar non era o axeitado. Iso si, logramos facer un víño rosado excelente pero non era a ubicación que necesitaba: en costa, orientada ao sur, de solo de lousa profunda e descomposta. Con moito traballo logramos reunir unha finca apartir de comprar moitas leiras pequeniñas e foi así como no ano 2000 plantamos uns 6.000 metros de Brancellao nunha ubicación máis axeitada.

As primeiras colleitas, de moi pouca cantidade, enviámolas á Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), pero no ano 2007 logramos sacar ao mercado a primeira nosa colleita 100% de Brancellao baixo o nome de “A Costiña”, como se chama o viñedo.

Vimos que é un viño totalmente distinto e incluso algún entendido do sector nos dixo que ata é complicado envialo a catas porque é un viño moi diferenciado. Ata o 2009 case toda a producción, non máis de 1000 botellas, se destinaba ao Reino Unido, onde tiñamos un mercado moi interesante. Chegábase a vender alí a máis de 100 euros a botella, cando en España se vendía a uns 30 euros. É un viño moi exclusivo.

Agora boa parte da producción do Costiña destínase a Estados Unidos e á Costa do Sol, sobre todo a Málaga. Neste momento, elaboramos unhas 700 botellas; é unha produción limitada que nos dá moitas satisfaccións.

“A botella de Costiña vendémola a 30 euros, pero no Reino Unido chegouse a pagar máis de 100 euros”

Tamén vos animastes a plantar caíño tinto. Por qué esta variedade?
No ano 2013 plantamos unha finca pequena de Caíño no chao da Rúa, nun terreo que dá unha acidez moi boa, e que combina moi ben co viño das ladeiras, que aporta máis grado. Démonos conta que o Caíño é moito máis resistente que o Godello e a Mencía, tanto ás enfermidades fúnxicas como ás inclemencias do tempo.

Pola contra, ao Brancellao atácalle máis o oídio, e precisa máis tratamentos de xofre e máis podas en verde, ese foi o motivo polo que se abandonou o seu cultivo en Galicia. Pero o Caíño témolo plantado en varias fincas e vai moi ben, tanto en ladeiras como no chao. En total temos plantados desta caste cerca de 4000 metros cadrados. E para o ano que ven imos plantar Sousón, probando cunha parcela duns 900 metros.

“Para o ano imos plantar unha pequena parcela con Sousón”

Xa sabemos que o Caíño tinto funciona moi ben e imos probar con outras variedades. Iso si, non sabemos a varidade específica de Caíño que é, teríamos que chamar a Paco Rego para que nos botase unha man.

Co Brancellao chegastes a elaborar un rosado que deu moito que falar…
A primeira colleita propia que sacamos ao mercado foi no ano 1993 e ata o 1996 só quitamos godello e logo empezamos co mencía no 1996. No ano 2006 construímos a nova adega, onde chegamos a elaborar 11 tipos de viños, incluso un rosado de Brancellao, que estaba espectacular. De feito no ano 2013 chegamos a elaborar 1000 litros deste rosado. Sen embargo, despois chegaron varios anos encadenados de xeadas, saraibas e mildeu que nos levou a abandonar esa elaboración.

Do Caiño temos previsto para o ano elaborar un viño 100% desta variedade. Temos que ter máis información sobre como elaboralo, o tipo de barrica idónea…etc.

Como se comporta o Brancellao na parcela?
O Brancellao é unha variedade, que inxertamos nun patrón Richard 110. É unha caste laboriosa, porque ten máis vexetación e vigor que o Godello, polo que tes que ter unha espaldeira preparada.

É a última uva que vendimamos: nun ano normal recollémola entre o 10 e o 14 de outubro. Unha vez que o oídio non lle atacou, o Brancellao é unha uva que se conserva moi sana e é bastante produtiva. De feito, hai que facer poda en verde si ou si, e ademais é unha variedade constante nas producións dun ano para outro.

Como ten tanto vigor, vai mellor plantala en terreos pobres. Nós témola na Costiña, que é un terreo con pouca profundidade e con poucos nutrientes e sen embargo adáptase ben. Ademais, é unha variedade que na nosa parcela ten moi bo equilibrio entre alcohol e acidez.

Como definirías o Costiña 100% Brancellao?
A Costiña en cata é un viño de corte atlántico, cuns toques balsámicos, un viño lixeiro, moi limpo e que se bebe moi ben. O que si comprobamos é que é un viño que se conserva moi ben en garda, de longo percorrido, e de feito temos aberto botellas do 2007 e estaban expectaculares. Ao probalo salta a súa diferencia que lle aporta a caste.

alan de val viñedos valdeorras 9

E no caso do Caíño, que tal se comporta nas vosas fincas en Valdeorras?
O Caíño é unha variedade resistente a case todas as enfermidades e logo produce un viño moi atlántico, moi diferenciado. O ano que o elaboramos só gustoume moito e aquí en Valdeorras mesturado coa Mencía pode proporcionarlle un toque moi singular. En todo caso, a nosa intención é sacar un viño 100% Caíño.

O Brancellao brota vertical pero o Caíño cae por todos os lados, polo que é máis difícil de traballar. No noso caso, plantámolo sobre patrón Richard 110, con moi bos resultados.

Como valorades en Alan de Val a vosa experiencia con castes minoritarias galegas?
Estamos convencidos que o futuro do viño en toda Galicia, non só en Valdeorras, pasa por todas estas castes minoritarias. É o que nos vai permitir seguir diferenciándonos e competir nun mercado tan saturado de marcas.

Algún novo proxecto que teñades en mente con estas castes?
Para o ano que ven imos plantar Sousón, que xa temos algo plantado, pero queremos ver como se comporta esta variedade tinta nos nosos solos e elaborar un viño monovarietal. A priori produce un viño con moito corpo e moita tinta.

A nosa aposta en Alan de Val é polo Caíño, o Sousón e polo Brancellao, o que non implica que non descartemos outras, pero estas tres son de interior, non da costa, e polo tanto compórtanse e adáptanse ben ao clima de Valdeorras. Temos experimentado con outras castes minoritarias como o Lado, Ferrol, Loureira e tamén co Albariño, pero notábase que son de zona de costa, de clima máis húmido e sen tanta variación de temperaturas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información