“O futuro dos tintos galegos está nos plurivarietais con castes minoritarias”

“Xico” de Mandín é un viticultor da Denominación de Orixe Monterrei que aposta pola potenciación das variedades autóctonas minoritarias e por unha viticultura en equilibrio co medioambiente. Os seus “Couto Mixto Tinto” e “Couto Mixto Branco” superan os 90 puntos na prestixiosa lista “The Wine Advocate” de Robert Parker.

Publicidade
“O futuro dos tintos galegos está nos plurivarietais con castes minoritarias”

Xico de Mandín nas súas viñas

“Xico” de Mandín é un viticultor da Denominación de Orixe Monterrei que aposta pola potenciación das variedades autóctonas minoritarias e por unha viticultura en equilibrio co medioambiente. Os seus “Couto Mixto Tinto” e “Couto Mixto Branco” superan os 90 puntos na prestixiosa lista “The Wine Advocate” de Robert Parker.

Os seus viñedos localízanse na “raia” que separa as aldeas de Mandín, do lado galego, e Lamadarcos, na beira portuguesa, nos antigos “pobos promiscuos” entre España e Portugal. Unha terra de clima extremo e coa maior riqueza de variedades minoritarias de Galicia que “Xico” transmite a través dos seus viños rústicos, auténticos e orixinais, como o seu autor.

¿Como te iniciaches na viticultura?
A miña teima foi traballar nas viñas porque crieime cos meus avós e a viticultura era e é un modo de vida aquí, na aldea de Mandín. Marchei un tempo á emigración a Suíza pero a terra chamou por min e volvín. Empecei traballando as miñas propias viñas, á marxe das do meu pai, e tiven que ir formándome pola miña conta.

A nivel profesional empecei coa adega no ano 2006 pero xa levaba dende o 1997 elaborando viño para unha tasca que teño no pobo de Mandín. No 2006 decidín deixar o furancho e dedicarme por completo ao que me apaixona: elaborar viño apostando polo respecto á terra e á natureza. Penso que tamén temos que ser legais coa natureza.

Teño catro viñedos cunha superficie conxunta de 4 hectáreas: Montiño da Pereira, A Cañada, Pousadoiro e a Touxigueira, cada un con características diferentes. O terreo é de xisto nunhas e granítico xabreguento noutras, con moi pouca profundidade de solo, con baixos rendementos, unha orientación sur e unhas vistas excelentes desde as que se contempla todo o val de Chaves.

Os meus comezos na viticultura profesional foron tardíos en boa medida polos enormes atrasos burocráticos da concentración parcelaria, que nesta zona tardou case 14 anos. De feito, empezou no ano 2000 e só puiden empezar a realizar as plantacións no ano 2014. Son polo tanto viñedos novos, e espero ir incrementando a produción nos próximos anos.

Que tipos de viños elaboras?
Fago dous tipos de viños na adega dos meus pais: un viño tradicional para vender a granel, neste caso para vender en cartóns de 15 litros. Trátase dun viño de mesa que fago para encargas e tamén para a tasca. E por outra parte, elaboro dous viños baixo a Denominación de Orixe Monterrei: Couto Mixto tinto e Couto Mixto Branco.

 “Non debemos ir á simplificación dunha ou dúas variedades autóctonas por DO”

O proceso de elaboración é moi sinxelo, porque o fundamental é a uva: os acios séguense pisando coa canga nun lagar de pedra e logo pasan a depósitos de aceiro inoxidable, onde fermentan con lévedos autóctonos. O meu próximo obxectivo é substituír o inox por cubas de madeira de castiñeiro vello.

Os teus viñedos semellan case un banco de variedades autóctonas pola gran diversidade que reúnen….
En variedades brancas teño a Dona Branca, que é a raíña por excelencia de Monterrei, e Verdello, cun 50% de cada unha. En tinto quixen recoller todo o enorme potencial de variedades autóctonas minoritarias que había pola comarca: Tinta Femia, Bastardo que é o Merenzao de Valdeorras, o Caíño da Terra ou Zamarrica, o Tinto Serodio, Verdello Tinto, Mencía, Sousón, Brancellao, Caiño Tinto e, evidentemente, a Araúxa, chamada noutras partes Tempranillo. Teño un crisol de variedades e quérolles a todas.

Pero sen dúbida, as máis importantes para min son o Bastardo, Caíño da Terra e Tinta Amarela ou Trincadeira.

O val de Monterrei tiña un mostrario de variedades propias moi amplo, pero coas reestruturacións dos viñedos perdeuse moita desa variedade. É algo que estou recuperando porque considero que non debemos ir á simplificación de unhas ou dúas variedades, senón que tiñamos que apostar, sobre todo nos viños tintos galegos, polos plurivarietais.

No meu caso, doulle moita importancia ao Bartardo, unha variedade propia que lle dá forza, carácter e moito grao aos viños do sur de Galicia. E logo equilíbroo con variedades lle dean máis acidez, máis chispa, como o Sousón.

Os teus son dos viños galegos mellor valorados por Robert Parker ¿Costa ser profeta na túa terra?
Vendo sobre 3.000 garrafas de tinto e unhas 4.000 de branco, ademais do que comercializo a granel. Hai un crecente interese polos meus viños en Alemaña, Estados Unidos e Inglaterra. De feito, penso que hai máis interese polos meus viños fóra que en Galicia e no Estado. Penso que se debe a que son viños moi persoais e limitados e iso funciona mellor no mercado europeo que no español. En xeral, a miña experiencia é que hai máis interese polos viños galegos fóra de España que aquí no Estado.

“Detecto máis interese polos viños galegos no estranxeiro que no resto de España”

Como definirías os teus viños?
Intento facer un viño onde a cepa sexa case salvaxe. Ás cepas habería que facerlles ver que teñen que producir pouco e cheirar a flora e o tipo de solo que hai arredor. Á viña hai que facerlle ver que ten arborado, que ten bichos, paxaros, insectos, outras plantas e iso penso que ao final acaba en resultados positivos. Considero que os terreos e a flora acaban marcando os viños e dándolles unha sutiliza que os diferencia.

O respecto ao medioambiente forma parte tamén da túa identidade como viticultor…
Traballo coas plantas que temos arredor para fortalecer ás videiras e desta forma afrontar mellor as enfermidades. Non é só que non estea gastando diñeiro en químicos e en adubos, senón que estou abaratando custos grazas a que teño a farmacia na propia natureza. E os resultados acompañan. O meu punto de vista é que se a uva vai en condicións sás, sen residuos, de aí vai saír algo bo.

Para fortalecer ás videiras utilizo maceracións e preparados hidroalcohólicos de xarxa, consolda, salgueiro ou milfollas. Grazas tamén á climatoloxía que temos nesta zona, con moi poucas precipitacións e humidade ambiente, nunca dei ata o de agora máis de tres mans de cobre por tempada contra o mildeu.

Ademais, procuro traballar a fertilidade do solo con herba e sementando nabos para fixar nitróxeno, airear o solo e aportar materia orgánica. Deixo unha capa de herba e cando compite coa cepa pola humidade ségoa ou paso uns ganchos para romper o solo e que entre mellor o aire e auga. Sempre procuro que quede unha capa superficial de materia orgánica que evite a evaporación da humidade no verán e protexa o solo.

“Nos plurivarietais de castes autóctonas minoritarias é onde está a saída dos viños galegos tintos”

Coa túa experiencia, ¿Que lle aconsellarías á xente nova que se incorpora á viticultura?
Temos un potencial varietal enorme que temos que aproveitar e non ir enganados a unha soa variedade por cada Denominación de Orixe. Eu aconsellaríalles que primeiro fixeran acopio do material de castes autóctonas minoritarias que se está perdendo e que miren a posibilidade de facer viños diferenciados a partir da enorme riqueza varietal que temos.

Temos que levar ao mercado outros de sabores novos destas variedades nosas que a xente ten que probar. E penso que nos plurivarietais de castes autóctonas minoritarias é onde está a saída dos viños galegos tintos, porque dos brancos xa hai moitos e bos.

2 ideas sobre ““O futuro dos tintos galegos está nos plurivarietais con castes minoritarias”

  1. Manel Perez

    Boas Tardes.
    Gustariame recibir información dos viños.
    Moitas Grazas.
    Manel Perez
    660582539

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información