“O consumidor do mundo non quere viños elaborados a partir de uvas tratadas con produtos químicos”

Entrevista a Quim Vila, propietario dunha das viñotecas máis importantes de Europa e gran coñecedor do mundo do viño. Estivo en Santiago para clausurar os cursos do Instituto Galego do Viño.

Publicidade
“O consumidor do mundo non quere viños elaborados a partir de uvas tratadas con produtos químicos”

Quim Vila

Quim Vila é propietario de Vila Viniteca, unha das distribuidoras de viños máis importantes de Europa, e un dos mellores coñecedores das tendencias do mercado do viño a nivel mundial.

Dende a súa viñoteca do barrio do Born de Barcelona, onde poden encontrarse 7.500 referencias, exporta a todo o mundo. Onte pronunciou en Santiago de Compostela a conferencia de clausura da entrega de diplomas do II Curso Profesional de Sumiller e do I Curso de Especialización de Barman que impartiu o Instituto Galego doViño.

Como ves a situación da viticultura e dos viños galegos?
Vexo unha situación prometedora despois duns anos de moitas dificultades económicas. Por unha parte, porque a crise fixo que todos fagamos mellor as cousas e, por outra parte, porque hai unha proliferación de novas e pequenas adegas que están a apostar por facer cousas singulares, por facer viños de terroir, dunha parcela en concreto.

E creo que ese é o futuro do viño de Galicia: redescubrir os centos de puntos máxicos, de terreos especiais e poñelos en valor. E para valorizalos hai que saír de Galicia e ir ao resto de España e ao estranxeiro, dar a coñecer eses viños aos sumilleres dos mellores restaurantes. Isto custa diñeiro e traballo, pero é a acción de futuro para facer que estes viños collan valor.

Xa non podemos quedar con etiquetas como ponme un albariño, un godello ou un Ribeiro. O consumidor trascende a Denominación de Orixe e o que pide agora é o viño dun lugar, dunha paraxe e diferenza un elaborador doutro.

Pero isto require un esforzo de mercadotecnia e publicidade que non todas as adegas poden facer….
A publicidade é comprar unhas zapatillas e patear e viaxar. Hoxe os avións son baratos e non temos escusa para non viaxar a un país afastado. Isto é traballo e traballo. Non hai que pensar en publicidade para un pequeno elaborador en revistas, radios ou televisións. Non, hai que ir onde están os grandes distribuidores de viños do mundo, os mellores sumilleres e darlles a probar o teu viño sabendo que tes un produto diferente e especial. Esta é a única forma.

“O viticultor ten que facer publicidade do seu viño, coller o avión e ir vendelo ao estranxeiro”

Pensemos en Francia, onde hai máis de 30.000 adegas, mentres que en España non chegamos a 5.000. Toda esa xente facendo promoción dos seus viños polo mundo é o que nos falta en España. Que todos os pequenos adegueiros saian a promover os seus viños, non só as grandes marcas e adegas, porque se non acábase dando unha visión dunha zona a través das grandes marcas. Porque ás veces estas grandes adegas utilizan como argumento de venda o prezo atractivo. E isto é unha lousa que pesa na Denominación, porque cando os pequenos produtores queren saír a vender xa se etiquetou o produto desa zona nun prezo e nunha gran marca.

Falaches das limitacións das Denominacións de Orixe. Non obstante, en Galicia son 5 e son as que permitiron desenvolver un modelo vitivinícola baseado nos viños de calidade….
As Denominacións de Orixe son moi boas pero non para todo o mundo. Creo que un ten que saber que ten que facer e a onde quere chegar. E hai corsés que ao mellor non son adecuados.

Creo que as Denominacións de Orixe se teñen que actualizar e centrarse máis nos viños das aldeas, das paraxes, como se fai en Borgoña, en Alsacia, no Barolo…onde hai uns viños dun outeiro que valen un prezo e doutro outeiro que valen outro.

 “As Denominacións de Orixe teñen que centrarse nos viños de lugares concretos, e pagar as uvas de forma diferente”

Por que en Rías Baixas ou en Ribeira Sacra non se pode pagar máis o viño duns outeiros, dunhas abas que o doutras? Por que non se potencia na etiqueta que o viño vén de tal pobo ou de tal paraxe?

INGAVI_diplomas_01_standar

Entrega de diplomas do INGAVI

A moitas grandes adegas isto non lles interesa porque obrígaas a pagar máis a certos provedores de uva, pero creo que é o futuro. É dicir, que haxa uns superviños que axuden a vender de arriba para abaixo e non facer ao revés, dicindo que temos uns viños de moi boa relación calidade-prezo. A min o prezo-calidade non me gusta, o que me gusta é o prezo-pracer, dicir que temos uns viños superlativos e a partir destes viños empezar a vender o de abaixo.

Na túa conferencia tamén subliñaches que o consumidor cada vez esixe máis viños que respecten o medioambiente….
Isto xa é imprescindible. Aquí en Galicia os viticultores téñeno que mirar porque xa non vale realizar tantos tratamentos antifúnxicos con produtos químicos…Seguro que hai zonas nas que é difícil pola climatoloxía, pero hai que traballar a viña como se merece para que o home sexa o menos intervencionista posible.

 “A ecoloxía e a biodinámica xa son unha realidade: é o que demanda o consumidor”

É dicir, o consumidor do mundo non quere viños elaborados a partir de uvas tratadas con produtos químicos. E isto cada vez vai ir a máis. Hai moitos que teñen que cambiar o concepto de producir uva para elaborar un viño especial.

A ecoloxía e a biodinámica xa están aquí. E tamén reducir as doses de sulfurosos nos viños…etc. É algo que xa está a demandar o gran cliente internacional.

Dos viños galegos que probaches nos últimos meses,  cales te sorprenderon máis?
Hai unha zona entre Ribeira Sacra e Valdeorras, creo que de alí van saír grandes viños galegos. Seguramente temos na cabeza RíasBaixas, que foi a pioneira e fixo un gran labor de promoción, pero creo que nos últimos anos saíron grandes viños desa zona lindante entre a DO Valdeorras e a DO Ribeira Sacra.

Sorpréndenme os viños da zona entre Valdeorras e Ribeira Sacra, e os que están a facer novos elaboradores do Ribeiro

Tamén me sorprenderon os viños dunha zona que historicamente non tiña moito prestixio como Ribeiro. Non obstante, nos últimos anos están a saír novos elaboradores que están a facer viños apaixonantes. Isto demostra que en calquera zona histórica se poden facer grandes viños.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información