O Consello Regulador da DO Ribeira Sacra logra a acreditación ENAC

Publicidade
O Consello Regulador da DO Ribeira Sacra logra a acreditación ENAC

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra acaba de recibir, por parte da Entidade Nacional de Acreditación (Enac), a súa acreditación como organismo certificador dos viños desta denominación conforme á Norma ISO 17065. Con esta xa son tres os consellos reguladores vitivinícolas galegos que acadan esta acreditación, pois xa a conseguiron anteriormente os de Rías Baixas e Monterrei, e están traballando para a súa consecución os de Valdeorras e Ribeiro.

Ademais súmanse tamén a outros consellos reguladores non vitivinícolas que xa a teñen tales como os das IXP Ternera Gallega, IXP Pataca de Galicia, IXP Mel de Galicia e o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica. As restantes denominacións de orixe e indicacións xeográficas levan a cabo a certificación dos seus produtos a través do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal), ente dependente da Consellería do Medio Rural.

A acreditación conforme á norma UNE-EN ISO/IEC 17065 avala que a entidade á que se lle outorga ten a competencia técnica necesaria para certificar con total garantía de obxectividade e imparcialidade os seus produtos durante todo o seu proceso de elaboración. É dicir, no caso dos viños, dende a recollida da uva ata a elaboración do viño nas distintas adegas inscritas, o que avala a calidade do produto e a trazabilidade no seu proceso de fabricación. Esta acreditación, con recoñecemento internacional, outorga aos viños certificados mellores perspectivas de cara a súa exportación.

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra comezou no ano 2014 o desenvolvemento do seu Manual de Calidade acorde cos requisitos da Norma Internacional UNE-EN ISO/IEC 17065 ata que lle foi concedida a acreditación a principios deste mes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información