O black rot esténdese nos viñedos de Pontevedra

Publicidade
O black rot esténdese nos viñedos de Pontevedra

Black Rot en viñedo. Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) vén de detectar na supervisión de fincas da provincia de Pontevedra realizada esta semana un aumento de infección por Black Rot en case todas as viñas visitadas, polo que recomenda que se manteña a vixilancia sobre todo de cara ás chuvias previstas para os vindeiros días. Ao mesmo tempo, o persoal técnico observou os primeiros síntomas de Oidio en follas, mentres as manchas por Mildio -o fungo que máis problemas estaba dando sobre todo no Salnés-, parecen controladas despois do tratamento realizado.

A responsable dos avisos fitosanitarios da EFA, Rosa Pérez, indica que “é fundamental confirmar a situación particular de cada finca antes de iniciar os tratamentos -porque pode haber diferencias mesmo locais- e ter en conta que as aportacións da EFA son só referencia ou orientación”.

Necesidade de controlar a herba nos viñedos

En canto ao Mildio nas viñas, a EFA subliña que só se atopou algunha mancha nova moi esporádica en fincas con exceso de vexetación, polo que incide unha vez máis na necesidade de non descoidar as rozas periódicas fundamentais para a sanidade das viñas.

De cara aos vindeiros días a situación climatolóxica non favorece o desenvolvemento do fungo polas baixas temperaturas nocturnas: “Coa maioría das viñas dentro do período de protección do tratamento anterior, de cumprirse estas previsións non debería haber problemas, pero aínda así haberá que ser constantes na revisión das plantas e intervir no caso de que aparezan novos síntomas ou zonas de avance nas manchas existentes”, destaca Pérez.

No relativo ao Oídio, ao non terse realizado tratamentos xa se atoparon plantas cos primeiros síntomas en folla na finca de Areeiro, mais a presenza de micelio do patóxeno é moi feble e de momento non se prevé tratar. No resto de viñas da rede, que este ano inclúen máis variedades tintas cos anos anteriores ao incorporar a IXP Ribeiras do Morrazo, non se observou síntoma algún.

Por outra banda, se na semana anterior se atoparon os primeiros síntomas de Black Rot en Areeiro e en dúas parcelas do Condado, na revisión actual observáronse na práctica totalidade de fincas visitadas, o que non sucedera nunca ata agora nos anos que a EFA leva emitindo información fitosanitaria. “Ben é certo que soamente se observa esta sintomatoloxía de forma moi puntual e restrinxida na maioría de casos a unha mancha por folla, pero obríganos a recomendar que se incremente a vixilancia, máis considerando as choivas previstas”, di Pérez.

Outros cultivos

Outros dos consellos da EFA relativos a outros cultivos son a non conveniencia de aplicación de tratamentos no kiwi polas bacterioses, posto que xa se observou floración nalgunhas plantas das fincas máis adiantadas.

Tamén se detectou o aumento da incidencia da lepra nas froiteiras de óso, e de moscas brancas nos gromos dos cítricos, tendo varias consultas de particulares sobre o tema. Advírtese da importancia de comprobar a súa presenza e tratar para evitar a instalación de fungos sobre a melaza (unha especie de azucre) que segregan.

En canto ao buxo, aínda non se capturou ningún adulto de Cydalima perspectalis nas tres trampas instaladas, nin sequera na situada nunha localización máis cálida, non se observaron eirugas, e tampouco se recibiron tantas consultas coma nas semanas anteriores.

No evónimo e nas roseiras observáronse novos ataques do fungo do Oídio en varias sebes da provincia, así como de desfoliadores desde hai xa unhas dúas semanas, con erosións e pequenos orificios debidos á actividade alimenticia de adultos e larvas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información