O 60 por cento das explotacións vitivinícolas do Ribeiro e Rías Baixas operan de maneira ecoeficiente

Pedro Villanueva Rey analiza na súa tese a sustentabilidade da pesca e a viticultura galega

Publicidade
O 60 por cento das explotacións vitivinícolas do Ribeiro e Rías Baixas operan de maneira ecoeficiente

Emisións de gases de efecto invernadoiro na DO Ribeiro no período 1990-2009

Un 60% das explotacións vitivinícolas das Denominacións de Orixe Ribeiro e Rías Baixas traballan dun xeito ecoeficiente dacordo ás diversas etapas do ciclo de vida, dende a explotación ata o embotellado do viño. O dato despréndese da tese de doutoramento, na Universidade de Santiago, de Pedro Villanueva, que estuda a aplicación da perspectiva do ciclo de vida na análise dos procesos do sector da alimentación en Galicia na procura da ecoeficiencia, en concreto a pesca e a viticultura.

A partir do dato positivo no sector vitivinícola definiu unha guía de boas prácticas para minimizar os impactos ambientais asociados a dita actividade. Ademais, cuantificou as emisións de gases de efecto invernadoiro da DO Ribeiro para o período 1990-2009, combinando as diferentes dinámicas de uso do solo (análise mediante sistemas de información xeográfica) e da análise de ciclo de vida.

Pedro Villanueva defendeu este venres a súa tese ‘From Vineyard to Sea: Application of life cycle assessment to wine and seafood sectors’, que dirixiron Gumersindo Feijoo e María Teresa Moreira, do Grupo de Investigación de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos do Departamento de Enxeñaría Química da USC. O doutorando fixo unha estadía no College of Agriculture and Natural Resources da University of Wyoming (EE.UU), un mérito que sumado á presentación e defensa da tese en inglés lle permitiu atinxir a mención de doutoramento europeo.

Dende setembro de 2015 Villanueva investiga na Fundación Chile, organismo dependente do Goberno chileno que ten como obxectivo a sustentabilidade (especialmente a pegada de carbono) dos produtos alimentarios chilenos cara ás novas tendencias na demanda dos mercados europeo e norteamericano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información