“No Ribeiro estamos a darlle máis valor ao viticultor, e iso debe traducirse nos prezos da uva”

Entrevista a Juan Manuel Casares Gándara, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro. Explica os principais cambios que están a realizar na Denominación de Orixe máis antiga de Galicia e avanza unha previsión de colleita moi boa nesta vendima, tamén con mellores prezos para os viticultores

Publicidade
“No Ribeiro estamos a darlle máis valor ao viticultor, e iso debe traducirse nos prezos da uva”

Juan Manuel Casares Gándara, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro

Juan Manuel Casares Gándara acaba de cumprir 2 anos como presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, a DO máis antiga de Galicia. No ecuador do seu mandato comenta as principais transformacións que realizaron e avanza os cambios que teñen previsto realizar nos vindeiros meses.

Levas dous anos á fronte do C.R.D.O. Ribeiro ¿Que balance global fas deste período?
Coido que en termos globais o balance é moi positivo tanto a nivel persoal como profesional. Estamos a colocar ao Ribeiro no camiño da excelencia.

Repasando os obxectivos que me marcara como presidente podo comprobar como o 75% están cumpridos ou a piques de facerse unha realidade. Falo da mellora da organización interna do Consello Regulador; da xestión eficiente dos seus recursos; da posta en valor da comarca como un territorio que representa moito máis que viño e da potenciación intelixente da política de promoción. Outros obxectivos como a obtención da acreditación pola ENAC atópase nun momento de agarda polos resultados, pero eu intúo que poden ser satisfactorios.

“Do que me sinto máis orgulloso é de que estamos a revalorizar a figura do viticultor

Aínda así, o obxectivo do que me sinto máis orgulloso é de que estamos a revalorizar paseniño a figura do viticultor a través das medidas encamiñadas a conseguir que vexan recompensado o seu esforzo nuns prezos máis razoables. O incremento dos controis previos nos viñedos; o esforzo económico nun operativo inspector de vendima eficiente e a actualización do noso rexistro vitícola, debéranse traducir nunha mellora dos prezos da uva, ou cando menos con esa finalidade traballamos.

Unha das medidas máis salientables que puxestes en marcha foi a campaña para perseguir a fraude co uso do nome Ribeiro en viños turbios, moitos deles nin sequera envasados no territorio da DO ¿Cal é a magnitude deste problema? ¿Que resultados nos podes avanzar desta iniciativa?
Teño que apuntar que esta medida encádrase noutra moito máis global que persigue o cumprimento das funcións dun Consello Regulador como garante da orixe e calidade do produto e a defensa da súa marca. Hoxe en día a potencia comercial da marca Ribeiro non só se basea na calidade que representa senón tamén na seguridade que transmite.

Son xa unha ducia os casos de fraudes no uso do noso nome que temos detectado e informado pero este número aumenta todos os días grazas á colaboración de todos. Ata o de agora conseguimos que algúns deles rectificaran pero doutros aínda non temos resposta.

 “Teño intención de poñer en marcha un programa de controis presenciais nos puntos de venda para evitar fraudes coa marca Ribeiro”

É a miña intención poñer en marcha un programa de controis presenciais nos puntos de venda dentro das posibilidades económicas que temos. Tamén quero procurar a implicación das administracións (ICA, Consumo, Saúde Pública, etc.) para coordinarnos en accións inspectoras e, se for o caso, sancionadora
.
Unha das figuras diferenciadoras do Ribeiro son os colleiteiros ¿Fai falta diferenciar aínda máis as súas producións por parte do Consello Regulador?
O colleiteiro constitúe unha figura senlleira e tradicional do Ribeiro. É un elemento máis da peculiariedade desta Denominación de Orixe en comparanza con outras entidades de Galicia e de España. Cuantitativamente constitúen un grupo numeroso dentro do global das adegas inscritas no Consello Regulador do Ribeiro, aínda que o seu peso produtivo é proporcionalmente moito máis pequeno polas características especiais que deben cumprir.

Independentemente das miñas conviccións persoais de corte galeguista e tradicionalista, como presidente entendo que, máis alá da súa condición ou volume de produción, todas as adegas do Ribeiro son iguais e todas son tratadas atendendo ás mesmas regras. Dentro dun campo de xogo con regras iguais e coñecidas, cada quen ten que buscar comercialmente como diferenciarse.

Unha vez iniciada a vendima, ¿Que previsións de produción e calidade tedes para este ano no Consello Regulador?
Sempre fuxín de dar cifras estimativas e seguirei nesa mesma senda; prefiro ser dono dos meus silencios que reo das miñas verbas. Aínda así, avanzarei este ano agardamos unha moi boa colleita.

“Este ano agardamos unha colleita excelente e deberan mellorarse os prezos da uva”

Falar de Ribeiro e falar de calidade é referirse sempre a verbas sinónimas e este ano non vai ser distinto neste sentido. A calidade tanto sanitaria coma organoléptica da uva que está a entrar nas adegas é excelente.

¿En que prezos se está movendo a uva este ano no Ribeiro?
Como xa dixen, o incremento dos controis previos nos viñedos; o esforzo económico nun operativo inspector de vendima eficiente e a actualización do noso rexistro vitícola, deberan traducirse nunha mellora dos prezos da uva.

Evidentemente esta é a forma en que o Consello Regulador pode mellorar a vida das persoas, neste caso os viticultores, a través de implementar todas as medidas que eviten calquera tentativa de praxe pouco ortodoxa e que solidariamente favorezan o aumento dos ingresos que obteñen os produtores. Para min é unha cuestión de xustiza social que se resume en dar a cada quen o que lle corresponde.

Precisamente, ante as boas previsións de colleita, autorizastes dende o Consello Regulador un incremento do 25% nos rendementos máximos autorizados de quilos de uva por hectárea. ¿En que límites se situarán en concreto este ao para as distintas castes amparadas?
No noso prego de condicións establécese que en determinadas casos e atendendo ás características climatolóxicas, entre outras, dunha colleita, os rendementos establecidos para as distintas variedades poden ser incrementados ata un 25%.

No pleno do CRDO Ribeiro entendeuse que este ano, despois doutros dous anteriores cuantitativamente nefastos, e diante da moi boa colleita que se albiscaba, tecnicamente era pertinente e necesario aplicar esta medida.

Esta medida era unha das demandadas por organizacións como Unións Agrarias, que sen embargo a considera insuficiente para evitar a fraude, e pide outras como a posta en marcha dun rexistro público de contratos de compravenda de uva da vendima, ou que dende os Consellos Reguladores, unha vez rematada a vendima, se certifique unha aprobación de colleita en todas as denominacións de orixe ligando a este dato a posterior expedición de contraetiquetas. ¿Como valora estas propostas e por que non poñen en marcha?
Os axentes sociais, representados nos sindicatos agrarios como poden ser Unións Agrarias, están a desenvolver un papel fundamental durante este período. Teñen unha maior participación na vida diaria do Consello e están abertos a procurar os consensos necesarios para marcar o futuro desta comarca vitivinícola histórica, sen renunciar aos seus postulados e á súa función social. Isto é algo que quero agradecer de antemán como presidente do Consello Regulador.

Eu teño que dicir que no CRDO Ribeiro toda proposta é analizada, debatida e sometida ao veredicto do sistema democrático en que se basea o funcionamento do seu pleno. Agora ben, hai que apuntar tamén que un Consello Regulador ten unhas funcións determinadas e unhas limitacións legais concretas, aínda que poida servir de interlocutor coas entidades que posúen outras. No tocante ás nosas funcións, como xa repetín, implementamos todas as medidas necesarias para facer inspección e control e, consecuentemente, sermos garantía de orixe e calidade dun produto senlleiro que se chama Ribeiro.

“Actualizamos un rexistro vitícola que xa tiña 25 anos de antigüidade”

¿Que garantías se ofrecen no Ribeiro para evitar a entrada de uva foránea ou de que o excedente de uva fóra do límite autorizado se venda a baixo prezo? ¿En que habería que mellorar?
O noso maior aval é o paquete de medidas que deseñamos con éxito o ano pasado e que estamos a mellorar colleita a colleita no seu desenvolvemento. Así, a actualización dun rexistro vitícola que contaba con 25 anos de antigüidade; un plan de inspección en viñedo previos á vendima cun protocolo de estimación de rendementos aplicado a 150 explotacións este ano; a información polo miúdo ao viticultor sobre as cantidades máximas de uva por variedades que pode entregar; o cambio no modelo e formato da tarxeta do viticultor e finalmente un operativo de vendima con 24 persoas. Este é o noso aval de cumprimento e a mellor garantía de seguridade para un consumidor cando aposta por un Ribeiro.

A este respecto, a Consellería de Medio Rural ven de presentar un novo plan para evitar a fraude nesta vendima. ¿Como o valora?
A Consellería do Medio Rural puxo á nosa disposición 5 controladores que reforzan as tarefas de control do operativo de vendima propio do Consello Regulador do Ribeiro.

Asemade, como todos os anos, estamos coordinados coas forzas e corpos de seguridade do Estado quen desenvolven labores de control na rede viaria. Insisto, isto non é unha novidade senón algo que se leva facendo dende hai anos.

¿Algo máis que queiras engadir?
Gustaríame salientar que outra das novidades que estamos a desenvolver é un traballo conxunto coa outra pata do banco do Ribeiro: a Ruta do viño do Ribeiro. Adoito dicir que o Ribeiro é moito máis que viño e isto tradúcese na praxe nunha promoción da comarca vitivinícola histórica de Galicia aproveitando todos os recursos que ten, uns tanxíbeis como o termalismo, a paisaxe e o patrimonio arquitectónico ligado ao viño máis importante da Península.

Mais tamén hai outros intanxíbeis como son as tradicións e a nosa rica historia. Estes son os alicerces nos que se apoia a marca que estamos a lanzar ao mercado enoturístico “O camiño do viño” en colaboración coa Deputación Provincial de Ourense e o Xeodestino O Ribeiro-Carballiño.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información