“Moitos dos grandes viños europeos traballan coa biodinámica”

Entrevista a André Rodrigues Henriques da Silva, enxeñeiro agrónomo da Asociación para o Desenvolvemento da Agricultura Biodinámica e Biolóxica de Portugal.

Publicidade
“Moitos dos grandes viños europeos traballan coa biodinámica”

André Rodrigues Henriques da Silva durante a súa charna en Viño Diversidade

André Rodrigues Henriques da Silva, enxeñeiro agrónomo da Asociación para o Desenvolvemento da Agricultura Biodinámica e Biolóxica de Portugal, é un bo coñecedor da viticultura de Galicia. O pasado mes de novembro interveu un ano máis nas xornadas Viño Diversidade que se celebraron no concello ourensán de Castrelo de Miño, no corazón do Ribeiro. Nestas xornadas, organizadas polo Sindicato Labrego Galego e o Concello de Castrelo, André Rodrigues explicou os detalles da viticultura biodinámica.

¿En que consiste a viticultura biodinámica?
A agricultura Biodinámica podemos cualificala coma unha rama da agricultura Ecolóxica, que non só se fixa na natureza terrestre, tamén ten en conta o resto do Cosmos, estrelas, planetas … e a influencia que estes exercen sobre os cultivos e sobre o home. A viticultura Biodinámica é pois todo aquel sistema que desenvolvemos para o cultivo da vide que ten en conta esas influencias, e que estudou e plasmou en varios libros Rudolf Steiner. Nestes manuais Steiner explica tamén como facer e utilizar unha serie de preparados biodinámicos que el formulou, e que son de gran axuda para o agricultor.

 “Para poder traballar coa Biodinámica hai que partir de ser un bo agricultor ecolóxico”

¿Que diferenzas ten coa viticultura ecolóxica?
Para poder chegar a traballar ca Biodinámica compre ser un bo agricultor ecolóxico; por dicilo dunha forma sinxela , é un paso máis cara adiante na procura dunha agricultura máis independente, máis filosófica, onde non só importan os resultados senón a forma na que se obteñen eses resultados, como de conectados estamos realmente co noso entorno, e cal é o grao de respecto cara a el.

Dende algúns sectores acúsase aos defensores da agricultura biodinámica de non utilizar métodos científicos e empíricos, senón de ser máis ben unha cuestión de fé. ¿Como os rebatería?
A fé ten que ter unha base, canto maior é a base máis podes crer en ti mesmo e no que fas. Iso é valido para calquera faceta da vida, e na agricultura é fundamental. O agricultor biodinámico é unha persoa moi formada, con coñecementos, que experimenta e sobre todo que decide en base a esas experiencias. A día de hoxe moitos estudos de departamentos de investigación das mellores universidades de Alemania e Austria avalan os bos resultados da utilización, por exemplo, dos preparados para axudar á restauración de solos danados por fitofármacos, herbicidas etc.

¿Que lles diría aos que din que a viticultura biodinámica non é rendible económicamente para os viticultores que queren vender o viño a un prezo asequible?
A alimentación, a boa alimentación ten un custe, como calquera outro ámbito da vida. O caro ou barato é sempre relativo, todo depende do que o consumidor considere prioritario: ao mellor eu prefiro comprar 6 botellas de viño de cultivo “convencional” coa súa correspondente dose de glifosato, metalaxil , mancoceb..etc, todos canceríxenos, a un módico prezo. Ou, pola contra, unha botella de viño que cubra os custes do traballo do viticultor que serán x, o xusto, e desfrutareina na miña mesa con total tranquilidade. Coma todo na vida é unha opción, e realmente hai mercados para todo.

¿Cales son as razóns  que frean aos viticultores á hora de incorporarse ao sistema biodinámico?
A Viticultura Biodinámica require moito tempo de probas, moita formación, e sobor de todo ter alguén que te poida orientar e axudar. Recoñezo que non é fácil, pero non é imposíbel.

En Galicia as enfermidades fúnxicas son o principal problema para a viticultura ¿Como se abordan en biodinámico e con que grao de eficacia?
A biodinámica tal e como a esquematizou Steiner, agás a utilización de cola de cabalo e o preparado de Sílice, non contempla tratamentos antifúnxicos como nos os coñecemos. Xa dixen que a biodinámica é un complemento a maiores da viticultura ecolóxica, onde traballamos con xofres, cobres, extraccións hidroalcohólicas…etc.

“No viñedo galego, non é suficiente coa biodinámica, tamén precisamos as ferramentas que utiliza a ecoloxía”

A biodinámica céntrase máis en recrear as condicións idóneas para que os cultivos se desenvolvan da maneira máis natural posible e así fomentar as súas propias defensas. No caso do viñedo galego non é suficiente coas propias defensas, polo que debemos traballar coas ferramentas que nos dá a ecoloxía.

Últimamente tamén está habendo problemas graves coas enfermidades da madeira na viña. ¿Que solucións se aportan dende a agricultura biodinámica?
Moitas das enfermidades da madeira derivan dunhas malas practicas agrarias: moitos abonados, utilización de herbicidas que destrúen a microflora do solo, sustancias sistémicas que modifican o comportamento natural da planta…etc.

Son moitos os factores que o home pon para que iso aconteza, pero a biodinámica está para axudar a rexenerar eses espazos danados. É tan só agricultura, pero boa agricultura.

 “Moitas das enfermidades da madeira derivan de malas prácticas agrarias”

¿Que rasgos diferentes lle aporta a viticultura biodinámica aos viños dende o punto de vista enolóxico?
Non son enólogo, pero o que si sei é que as boas uvas poden facer bos viños e grandes viños, a agricultura biodinámica axuda a sacar o mellor da natureza, o mellor de cada viña, estea onde estea, non existen os milagres.

¿Como está sendo o crecemento da viticultura biodinámica no mundo?
Alemania, Francia ou Australia están a ter un moi bo crecemento. En España e Portugal a crise está a frear de maneira moi notoria todos aqueles proxectos de reconversión de grandes áreas de viñedo convencional a biodinámico. Pero si aparecen cada día pequenos novos proxectos de viticultores que se deciden a mudar o xeito de traballar a viña.

“Moitos dos grandes viños europeos traballan coa biodinámica”

¿Que futuro lle ve en Galicia?
Na Galiza temos un bo grupo de xente que está a experimentar e xa con moitos anos de experiencia no Ribeiro, en Monterrei, en Rias Baixas ou na Ribeira Sacra. Só temos que ver a cantidade de xente que acude ás formacións que se impartiron en Castrelo de Miño.

¿Que demanda hai de viños elaborados en sistema biodinámico?
Non sei se hai moita demanda especifica de viños que poñan biodinámico na etiqueta, pero o que si sei é que hai unha grande demanda de bos viños. E moitos dos grandes viños europeos, aínda que eles nao digan, traballan coa biodinámica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información