Métodos de protección das viñas ante a xeada

As xeadas que hai dúas semanas que arrasaron boa parte dos viñedos galegos poñen en evidencia a necesidade de sistemas de alerta meteorolóxica para os agricultores e de métodos de protección do viñedo. Repasamos os sistemas que se veñen aplicando en Francia nos últimos anos.

Publicidade
Métodos de protección das viñas ante a xeada

Protección dos viñedos mediante candeas, un dos métodos máis utlizados fronte á xeada.

As xeadas tardías que hai dúas semanas arrasaron gran parte do viñedo galego poñen en evidencia un ano máis a necesidade de sistemas eficaces de alerta meteorolóxica que permitan aos viticultores dispoñer de tempo para utilizar algún método de protección do viñedo.

En Francia e Suíza levan anos de adianto na implantación destes sistemas, sendo os máis utilizados a rega por aspersión e as “bougies” ou velas. En Galicia as poucas adegas que teñen algún sistema de protección antixeada son grandes ventiladores, que no caso do instalado no Ribeiro nesta ocasión nin sequera chegou a poñerse en marcha.

A eficacia destes sistema vese limitada pola dureza da xeada, e así se puxo de manifesto en Francia onde os ata -10 °C provocaron que os danos nos viñedos sexan moi cuantiosos, por encima do 50% en zonas como Bordeus. Pero si se mostraron moi útiles para xeadas menos severas, nas que a temperatura non baixe de menos 4 ou menos 5 graos, dando marxe a subir entre dous e tres graos mediante a utilización dalgún destes sistemas de protección directa.

Hai que lembrar que os gromos da vide pódense conxelar -queimar, din os viticultores- a partir de -2 ou -3°C, aínda que en condicións con humidade ambiental inferior ao 60% poden resistir ata menos 4 e mesmo menos 5 graos.

Que métodos de protección contra as xeadas utilizan en Francia e en Suíza?

Realizamos a continuación un repaso polos sistemas de protección directa contra as xeadas en viñedo que estes días volveron poñer de actualidade os medios de comunicación franceses e suízos.

-Os quentadores ou “chaufferettes”: son quentadores colocados entre as filas do viñedo que permiten gañar entre 2 e 3 °C. En moitos casos utilízanse bidóns nos que se queima leña ou as vides da poda, aínda que nos últimos anos tamén se utilizou fuel.
Os quentadores de propano son unha alternativa menos contaminante, menos custosa e máis fácil de automatizar. Son necesarios uns 150 quentadores por hectárea.

-As velas ou “bougies”. Na actualidade moitos viticultores empregan grosas velas de parafina colocadas en botes de latón. É, xunto coa aspersión, a técnica máis utilizada en Francia, co mesmo fin de elevar a temperatura entre 2 e 3 graos.

Os viticultores acenden as velas cando o termómetro descende ata os 0 graos nun día húmido ou os -2,5 graos nun día seco. Utilízase soamente nos viñedos máis expostos ás xeadas debido ao custo desta operación: uns 10 euros por vela e unhas 400 velas por hectárea, que arden durante ao redor de 8 horas.

-A rega por aspersión. Consiste en regar as viñas por aspersión para que os gromos da vide queden atrapados nunha burbulla de auga conxelada, evitando así a auga das paredes celulares dos brotes se conxele. É unha técnica delicada pois é necesario que para que non se queimen estes brotes que o proceso de desconxelación non sexa rápido, polo que os viñedos teñen que seguir sendo regados ata que a temperatura suba por encima dos 0 graos. Outro dos hándicaps deste sistema é o seu custo, xa que esixe un a instalación dun sistema de tubos e aspersores, e por suposto a dispoñibilidade de auga.

-Os ventiladores: co movemento das súas aspas, situadas a uns 11 metros de altura, fan descender o aire quente para que suba a temperatura das viñas en noites de xeada. Un dos poucos instalados en Galicia está na cooperativa do Ribeiro, pero nestas pasadas xeadas non se puxo en funcionamento.

-Os helicópteros: en Francia e en Suíza algúns viticultores contratan helicópteros para que, voando a baixa altitude -menos de 20 metros- axiten o aire encima dos viñedos, axudando así a quentar o aire á altura das cepas. Unha operación de risco debido á escasa visibilidade ao mencer, e tamén custosa, pois o prezo rolda os 200 euros por hectárea en Francia.

Tal e como sinalaban diversos expertos estes días pasados nos medios de comunicación franceses “ningún destes sistemas é perfecto, e case ningún funciona eficazmente cando as temperaturas caen por baixo dos 5 graos”.

Do mesmo xeito que en Galicia, en Francia tamén se fala de que a mellor protección é contratar seguros agrarios -no país galo soamente un 15% dos viticultores teñen póliza- ante uns episodios de fortes xeadas ou vagas de calor que se prevén cada vez máis frecuentes co cambio climático.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información