Medra un 16% a certificación de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia

Publicidade
Medra un 16% a certificación de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia

José Antonio Feijoo, presidente do Consello Regulador

O Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia certificou un 16% máis de destilados amparados durante o ano 2018.

De acordo cos datos provisionais presentados hoxe polo organismo, “certificáronse ao redor de 385.000 litros de produto, o que supón un incremento en algo máis de 50.000 litros con respecto ao exercicio anterior”, asegurou o presidente do Consello Regulador, José Antonio Feijoo.

Tamén positiva é a cifra de incremento no número de contraetiquetas expedidas durante 2018. De acordo con Feijoo, “esta é a cifra máis fiable, xa que representa aquelas botellas que as empresas teñen previsto vender, mentres que a certificación de destilados en si pode variar moito dun ano para outro”. Neste caso, o aumento rexistrado foi un 5% con respecto a 2017, pasando das 548.234 contraetiquetas a ao redor de 578.000.

“Estes datos son provisionais, xa que se teñen que realizar as últimas comprobacións dos rexistros”, aclarou o presidente do Consello Regulador, quen se mostrou satisfeito co “crecemento continuado rexistrado na produción das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia nos últimos anos”. “Aínda que non medramos todo o que nos gustaría, o certo é que mantemos un incremento constante no tempo”, subliñou.

Desde o 2011 medrou un 78% a produción certificada

Deste xeito, desde 2011 até 2017 a produción incrementouse un 53,42%, unha porcentaxe que ascende até o 78% se se teñen en conta os datos provisionais de certificación de produto de 2018. Pola súa banda, o número de contraetiquetas expedidas polo Consello Regulador ao longo dos últimos anos tamén rexistraron un notable incremento.

Así, desde 2011 e até 2017, o número de contraetiquetas expedidas polo Consello Regulador rexistrou un incremento total dun 61,2%. Se se toman os datos provisionais de expedición de contraetiquetas do pasado ano 2018, a porcentaxe incrementaríase até o 70%.

O presidente do Consello Regulador destacou que esta tendencia á alza “ratifica un crecente interese polos destilados galegos con selo de calidade e orixe, o que nos permite ser moderadamente optimistas de cara ao futuro. Unha circunstancia á que cabe unir que, paseniño, o sector da hostalaría está a empezar a incorporar os nosos produtos amparados ás súas cartas de destilados, á vez que se está reducindo a comercialización de destilados ilegais”.

Na actualidade, o Consello Regulador conta con máis de 270 empresas inscritas nalgún do seu catro rexistros: produtores de bagazo, destiladores, elaboradores do produto final e comercializadores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información