Máis de 200 persoas participan nun túnel do viño do D.O. Monterrei na Coruña

Publicidade
Máis de 200 persoas participan nun túnel do viño do D.O. Monterrei na Coruña

Un instante da xornada organizada pola DO Monterrei na Coruña.

Catadores, distribuidores, hostaleiros, exportadores, blogueiros gastronómicos, alumnos do ‘Obradoiro de viño de Galicia de Oleiros’ e socios do Club de Cata Servino participaron nun túnel do viño organizado pola denominación de orixe (DO) Monterrei na Coruña. Na iniciativa estiveron presentes 42 marcas de viño de 22 adegas embotelladoras incluídas na denominación de Orixe Monterrei.

Durante a actividade, os asistentes, ademais de degustar tintos e brancos de diferentes colleitas, recibiron información sobre as características edafoclimáticas de Monterrei, variedades de uva ou tipoloxías de viños. Ademais, tamén tiveron a oportunidade de presenciar un pequeno relatorio sobre os lagares rupestres da comarca, a zona de Galicia que alberga unha maior concentración destas estruturas.

Nesta iniciativa contouse, por segunda vez consecutiva, coa colaboración de produtos amparados baixo o selo de Galicia Calidade, en concreto de Lácteos Anzuxao e Rianxeira. Galicia Calidade é unha marca de garantía da Xunta de Galicia, que conta na actualidade con máis de 350 produtos de 104 empresas certificadas.

Esta xornada atópase no programa de iniciativas promocionais dos viños de Monterrei, que percorrerán varias cidades españolas nos próximos meses, como Santander, Bilbao, León ou Murcia, entre outras.

As adegas participantes foron Pazos del Rey, Ladairo, Pazo das Tapias, Gargalo, Castro de Lobarzán, Quinta do Buble, José Antonio Da Silva Pereira, José Luis Mateo García (Quinta da Muradella), Crego e Monaguillo, Terras do Cigarrón, Triay Adegas de Oímbra, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Boo-Rivero, Manuel Guerra Justo (Vía Arxéntea), Concepción Paradela Martínez, O Cabildo, José Luis Gómez Ibáñez (Valderello), Pazo de Valdeconde, Tabú, Franco Basalo, Alba Al-Bar (Daniel Fernández) e Trasdovento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información