Lista de gañadores dos Premios Magnum do Viño Galego

Publicidade
Lista de gañadores dos Premios Magnum do Viño Galego

Xurxo Rivas, co propietario e sumiller de a Taberna O Secreto, en A Coruña, recolleu este sábado pola tardiña das mans do Alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, o Premio Mágnum ao Mellor Sumiller de Galicia 2019 «por ter convertido o seu local nun punto de peregrinación obrigatorio dentro do mundo do viño», nun acto celebrado na Casa do Concello de Vilagarcía de Arousa e que contou coa presenza da Deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, e de preto de 200 profesionais do mundo do viño.

Como novidade nesta edición incorporouse un novo galardón: o Mágnum ao Mellor Sumiller Revelación, que ven recoñecer a valía dos novos talentos do mundo da sumillería en Galicia e a importancia das novas xeracións de camareiros de viño, cada vez máis e mellor formados. Este recoñecemento, recaeu en Marta Costas Castro, sumiller no restaurante A Tafona, en Santiago de Compostela.

O xurado destes galardóns, que xa alcanzan a súa novena edición, concedeu a Fernando Filgueira, sumiller xubilado do restaurante Bagos de Pontevedra, o Mágnum Honorífico que se lle concede a personaxes senlleiras pola súa aportación decisiva ao eido do viño galego. «Nunha época pre-globalización, cando todo o mundo traballaba coas mesmas grandes adegas comerciais, Filgueira converteu os seus establecementos nun oasis onde podías facer un auténtico exercicio de liberdade, probando cousas diferentes tanto de Galicia como de fóra», comentaba Miguel Anxo Besada, sumiller de A Curva e encargado de entregarlle o trofeo a Filgueira.

Rafael Palacios, premio á mellor adega galega e Xanledo 2016 ao mellor viño

A distinción de Mellor Adega Galega (entendida como colección de viños) foi para Adegas Rafael Palacios, do Bibei, que foi dobremente galardoada ao recibir o seu viño Sorte Antiga 2016 o Mágnum ao Mellor Viño Revelación. O xurado quixo destacar que é «un auténtico referente mundial que desenvolve en Valdeorras un traballo indiscutible, que destila profesionalidade e coñecemento profundo do eido».

Pola súa banda, Xanledo 2016, de Viñedos do Gabián, conseguiu o Premio Mágnum ao mellor Viño Galego. O xurado apuntou que Pepiño, o propietario da adega «conseguiu co seu traballo diario, crecer en finura, elegancia e singularidade, sendo cada vez máis un espello do espírito da súa zona».

De entre os nominados ao Mágnum á Mellor Iniciativa de Enoturismo, Castes – Feira Independente do Viño resultou a seleccionada, «por ser, como o seu nome indica, unha das poucas iniciativas realmente independiente que busca e consigue achegar a cultura do viño a tódolos públicos dando a coñecer na nosa terra a pequenos grandes viticultores».

O premio Mágnum ao Mellor Tratamento do Viño Fora de Galicia, recaeu no restaurante El Capricho, sito en León. «El Capricho complementa a súa selección de carnes cunha fantástica adega rica en tintos que maridan á perfección co seu produto estrela. A súa carta sitúa os viños galegos á altura de grandes anadas e viños internacionais», apostilou o xurado.

Todos eles recibiron unha escultura realizada por Kike Ortega, que seguindo a súa línea creativa de exploración das posibilidades artísticas de materiais a priori non concebidos para a arte, converteu antigos bidóns de aceite en oito representacións rompedoras da clásica botella mágnum.

Toda a información en www.premios-magnum.com

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información