Limitar ou non os rendementos dos viñedos nas Denominacións de Orixe: O caso de Rías Baixas

Como cada vendima, e ao igual que noutras denominacións de orixe, algúns viticultores e sindicatos como Unións Agrarias, cuestionan o sistema de control dos rendementos na Denominación de Orixe Rías Baixas. Falamos coas distintas partes...

Limitar ou non os rendementos dos viñedos nas Denominacións de Orixe: O caso de Rías Baixas

Vendimando na DO. Rías Baixas

Como cada vendima na que se prevé unha boa colleita, volve saltar ao debate o sistema de control dos rendementos do viñedo, neste caso na Denominación de Orixe Rías Baixas. Actualmente o límite establecido polo Consello Regulador para toda a DO é dun máximo de 12.000 kilos por hectárea no caso da variedade Albariño.

Se o viticultor ou a adega produce máis tería que destruír esa uva, algo que hai casos nos que non sucede e é comercializada a menor prezo, prexudicando ao conxunto da DO. Falamos coas distintas partes para coñecer as súas posturas.

A primeira persoa coa que falamos é un viticultor que se puxo en contacto con Campo Galego para denunciar o que considera “unha situación inxusta”. Baixo condición do anonimato explica que “conto cunhas 7 hectáreas de viñedo amparadas pola DO Rías Baixas, pero nun ano coma este teño unha produción de 14.000 kilos por hectárea, polo que tería que perder uns 10.000 kilos, baixo o falso argumento do Consello Regulador de que é de mala calidade por exceder a produción”.

Recoñece que “por esa uva de Albariño excedente hai adegas privadas, tanto galegas como foráneas, que me ofrecen comprala en B, a 0,50 ou 0,80 e mesmo a 1 euro o quilo, segundo a necesidade que teña dela”.

Este viticultor recoñece que esta situación “non é fácil, pero creo que non é xusto que se nos impida compensar un ano bo, como este, no que a calidade da uva é excelente, vendendo e aproveitando toda a produción para paliar os anos malos”. “É unha situación que nos afecta a moitos viticultores pero que non se quere cambiar dende o Consello Regulador”, engade.

Consello Regulador: “Vender uva por fóra estando na DO é tirar pedras contra o propio tellado”

Sen embargo, para Ramón Huidobro, secretario do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas estas vendas en B “son denunciables e sancionables”. “Unha DO é un club privado no que un viticultor ou unha adega se adhire libre e voluntariamente, acatando as normas e os límites de produción, e se se vende uva por fóra a menor prezo estase facendo competencia a todos os produtores, tirando cara abaixo os prezos e, en definitiva, tirando pedras contra o propio tellado”, advirte.

Lembra ademais, que os límites de produción en Rías Baixas xa se incrementaron ao longo dos últimos anos, o último no ano 2009 cando subiu en 1.000 kilos por hectárea ao entender que coa maior profesionalización do sector a produción media tamén subira. Desta forma, neste momento os topes de produción están fixados en 12.000 kg por hectárea para a variedade Albariño, a predominante na DO; 10.000 kilos para o Caíño Tinto e 12.500 kilogramos por hectárea para o resto de castes, como Treixadura ou a Loureiro.

Para determinar os rendementos, o Consello Regular envía no mes de xuño a cada viticultor e adega as normas de vendima aprobadas previamente polo Pleno, e xunto a elas a ficha do viticultor, co seu nome e viñas inscritas, xunto ao máximo total de uva que pode producir en función das variedades que ten plantadas. “Na Denominación de Orixe Rías Baixas temos nada menos que unhas 22.000 parcelas de viñedo inscritas, polo facer unha estimación por parcela sería moi difícil. Por tanto, simplificamos calculando para cada viticultor o rendemento máximo global que pode ter, en función da superficie e das castes de vide que ten, polo que xa sabe con antelación a que aterse e facer podas en verde en caso de que vexa que se excede”, explica Ramón Huidobro.

Unha sanción que pode ir ata os 30.000 euros

Ademais, o secretario do Consello Regulador lembra que o regulamento da D.O Rías Baixas “permite a posibilidade de ampliar ata un 25% sobre ese rendementos establecidos, sempre e cando se solicite ao Pleno do Consello Regulador antes do inicio da vendima; é dicir, no mes de agosto como moi tarde”, asegura.

É algo que xa se aprobou na campaña de 2010, cunha ampliación do 7%, e tamén na vendima do ano 2011, desta vez cun incremento excepcional dos rendementos máximos do 11%. Neste sentido, Ramón Huidobro recoñece que “o luns desta semana recibimos un escrito dun representante dos produtores solicitando que se ampliaran os rendementos, pero non o admitimos porque estaba fóra de prazo”. “Do contrario, coa vendima xa empezada, prexudicaría a todos aqueles que si respectaron os límites máximos de produción”, engade.

En canto ás sancións, o secretario do Consello Regulador é claro: “Segundo a Lei da Viña e do Viño 24/2003, cando un viticultor está acollido a unha DO ou a unha IXP as esixencias son maiores e un exceso de rendemento sería unha sanción grave, cunha multa de entre 2.000 e 30.000 euros, segundo a cantidade vendida por riba dos límites”. E para a adega suporía a descalificación de todo o depósito de viño no que entrara mosto desas partidas irregulares, ademais da correspondente sanción.

De 800 sancións no 2011 por exceso de produción a pouco máis de 20 o pasado ano

Por este motivo de excesos de rendemento xa se incoaron expedientes en Rías Baixas. Así, o Consello Regulador remitiu no ano 2010 máis de 200 expedientes á Consellería de Medio Rural, a administración encargada de impoñer as sancións, e uns 800 no ano 2011, pedindo iso que a Xunta aminorara as sancións. “A partir de entón os excesos de rendemento non se volveron dar con esa magnitude e na pasada campaña foron pouco máis de 20 os expedientes que lle enviamos á Xunta”, precisa.

En todo caso, Ramón Huidobro subliña que “a filosofía de limitar os rendementos non é outra que a de garantir a calidade da uva e uns prezos dignos para os viticultores limitando a oferta de uva”. “E iso notouse, porque se no 2014 a uva de Albariño na DO Rías Baixas chegou a pagarse a 0,90 euros o kilo, grazas a que fomos controlando a oferta para acompasala ao incremento da demanda, o prezo foi subindo e o ano pasado chegamos a 1,30 euros o quilo, e este ano xa se fala de que se vai pagar un pouco máis”, destaca o secretario do Consello Regulador.

Neste sentido, advirte de que “vender o excedente de uva por fóra da DO e a menor prezo é denunciable e sancionable, prexudícanos a todos e á larga tamén ao propio viticultor”.

Unións Agrarias: “Hai que cambiar o sistema polo que se establecen os rendementos máximos”

José Ramón González, secretario de Agricultura de Unións Agrarias e representante dos produtores no Consello Regulador da DO. Rías Baixas concorda en que “é denunciable quen venda uva en B estando dentro da DO, porque está rebentando os prezos e prexudicando a todos os viticultores”.

Sen embargo, difire do secretario do Consello Regulador en canto ao sistema polo que se fixan os rendementos máximos pois considera que “establecer o mesmo rendemento por hectárea para toda a DO é inxusto, porque os rendementos varían moito segundo o tipo de terreo, o sistema de condución ou a densidade de plantas, e levámolo dicindo 15 anos”. “Se hai uva en Rías Baixas que queda fóra é porque o mecanismo de control non funciona”, engade.

Neste sentido, propón que “o Consello Regulador realice un estudio estatístico previo á vendima cunha mostraxe ampla para delimitar rendementos por subzonas e contemplar as distintas excepcións que poda haber”.

No que vai de ano as vendas dos viños de Rías Baixas medran un 10,25%

A Denominación de Orixe Rías Baixas incrementou no que vai de ano as súas vendas un 10,25% en relación ao mesmo período de 2017, o que confirma o bo momento que están a vivir os seus viños.

Por outra parte, este fin de semana as adegas acollidas á denominación apuran a recta final da vendima. Ata este venres declaráronse nas 183 adegas inscritas uns 29 millóns de quilos de uva, sobre unha previsión de arredor de 36 millóns de quilos.

Bo estado fitosanitario, cun adecuado equilibrio entre acidez e grao.

En palabras do director técnico do Consello Regulador, Agustín Lago, “a uva presenta un bo estado fitosanitario, cun adecuado equilibrio entre acidez e grao. A vendima está a realizarse de forma gradual e ordenada e, en principio, están a cumprirse as previsións do Informe de Estimación de Colleita 2018, sempre á espera das condicións meteorolóxicas dos próximos días”, engade.

Neste sentido, Lago indica que “a maior incerteza atópase no volume final, xa que esta época foi moi seca. A choiva viría moi ben para gañar volume e mesmo para favorecer a maduración final da uva”, concreta o director técnico do Consello Regulador.

En canto á propia campaña, Agustín Lago explica que “comezou o 8 de setembro, algo antes do previsto, dadas as altas temperaturas rexistradas a principios deste mes”. A recollida iniciouse, como vén sendo habitual, nas subzonas do Rosal e Condado do Tea. A maiores, vendimáronse uvas temperás para a elaboración de espumosos na Ribeira do Ulla. Esta semana xeneralizouse en todo o territorio da Denominación de Orixe.

As primeiras variedades en ser recollidas foron as brancas e, cara a finais desta campaña, darase paso ás tintas.

Apoio de 25 auditores

O Consello Regulador conta para esta campaña co apoio de 25 auditores, que se responsabilizan do seguimento da vendima nas adegas, os viñedos e os transportes. O seu traballo consiste en velar polo adecuado cumprimento dos estándares marcados pola Norma ISO/ IEC 17065 na que o Consello Regulador está certificado pola ENAC.

Dita normativa implica, entre outros aspectos, a certificación da orixe da uva e a trazabilidad do produto. Na actual campaña de vendima están implicadas 183 adegas, 5.293 viticultores, así como 4.045 hectáreas repartidas entre 21.607 parcelas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información