Juan Manuel Casares, director da Evega, novo presidente da DO Ribeiro

O máximo responsable da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia contou co respaldo maioritario do recén constituído pleno do Consello Regulador. O proceso de eleción de presidentes nas denominacións de orixe e indicacións xeográficas prolongarase ata o venres 28 de xullo

Publicidade
Juan Manuel Casares, director da Evega, novo presidente da DO Ribeiro

Integrantes do pleno da denominación de orixe Ribeiro.

Juan Manuel Casares, director da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), con base en Leiro, é o novo presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro. O recén constituído pleno da denominación, que se reuniu hoxe, aprobou o seu nomeamento con 7 votos a favor e ningún en contra. Abstivéronse os dous representantes de Unións Agrarias e o vogal dos colleiteiros.

Juan Manuel Casares.

Juan Manuel Casares.

A intención inicial de Juan Manuel Casares é compatibilizar a dirección da Evega co seu novo cargo como presidente da DO Ribeiro. O nomeamento de Juan Casares publicarase nos próximos días no Diario Oficial de Galicia. Á reunión de constitución do pleno da denominación de orixe Ribeiro acudiu hoxe a directora xeral de Gandería, Belén do Campo, que tamén participou nesta xornada na constitución do pleno da IXP Mel de Galicia.

Tras as eleccións celebradas este mes en 21 consellos reguladores de Galicia, a totalidade dos plenos constituirase no que queda de mes, con previsión de que se elixa presidente e vicepresidente na primeira reunión de cada consello.

Ademais do Ribeiro e Mel de Galicia, xa se constituíron os plenos da DO San Simón da Costa, de Pataca de Galicia, de Pan de Cea, de Grelos de Galicia, de Tarta de Santiago e de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.

Entre os plenos pendentes de constitución, restan, entre outros, o de Ribeira Sacra e Monterrei, que se reunirán o xoves 27 de xullo, e os de Valdeorras e Rías Baixas, que o farán o venres 28 de xullo.

Consello da IXP Mel de Galicia.

Consello da IXP Mel de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información