A IXP Viño de Barbanza e Iria aumenta os rendementos autorizados e incorpora a variedade Merenzao

Publicidade
A IXP Viño de Barbanza e Iria aumenta os rendementos autorizados e incorpora a variedade Merenzao

Productor de viño no Barbanza

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este xoves unha resolución da Consellería do Medio Rural pola que se dá publicidade á solicitude de modificación do prego de condicións da Indicación Xeográfica Protexida de viño de Barbanza e Iria.

Entre os cambios destaca a incorporación da uva merenzao ás variedades tintas. Ademais, tamén aumentará o rendemento máximo por hectárea permitido para as variedades brancas e os límites máximos de dous parámetros analíticos, en concreto a acidez volátil e o contido en anhídrido sulfuroso.

Estas modificacións foron solicitadas polas asociacións de viticultores e elaboradores de viño da IXP e, unha vez analizadas as demandas, decidiuse iniciar o proceso para levalas a cabo. Así, este xoves publícouse a modificación no DOG para que calquera persoa física que ostente un interese lexítimo e resida ou estea establecida no seu territorio, poida presentar alegacións nun prazo de dous meses dende a última publicación, xa que se publicará tamén no Boletín Oficial do Estado.

Así, as causas que motivaron os cambios están relacionadas coa adaptación ao traballo actual. Polo que respecta á inclusión da variedade merenzao, trátase dunha variedade presente na zona aínda que en cantidades pequenas. É unha uva de cultivo tradicional en Galicia e ao tratarse dunha variedade de ciclo curto adáptase ben ao medio natural desta indicación xeográfica, onde madura de maneira axeitada lográndose mostos de gran calidade.

Aumentan ata os 12.000 kilos por hectárea os rendementos máximos para as variedades brancas

En canto ao rendemento por hectárea, pasará de 10.000 a 12.000 kg para as variedades brancas, xa que, segundo destacan dende a Consellería de Medio Rural, “a experiencia dos últimos anos demostra que as parcelas son capaces de proporcionar rendementos superiores aos agora admitidos, sen diminución da calidade do viño obtido”.

No que se refire á acidez volátil e ao contido de sulfuroso, dende a Xunta explican que “no prego de condicións vixente establécense uns límites demasiado restritivos para estes dous parámetros, que deixan fóra produtos con adecuadas características organolépticas e que responden á tipicidade dos viños de Barbanza e Iria”.

“Isto unido a que nos últimos anos se están a comercializar cada vez máis viños desta indicación xeográfica cun maior envellecemento, e que polo tanto están durante moito máis tempo expostos a riscos oxidativos, decidiuse aumentar os máximos establecidos. Deste xeito, os viños con moi boas calidades organolépticas e que cumpren co límite legal máximo para este parámetro, pasarán a estar baixo o amparo da IXP”, conclúen dende a Consellería .

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información