A IXP de viños Ribeiras do Morrazo xa conta coa aprobación da Comisión Europea

Publicidade
A IXP de viños Ribeiras do Morrazo xa conta coa aprobación da Comisión Europea

Logo da IXP

O Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) publica este mércores a protección da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) de viños “Ribeiras do Morrazo”. A Consellería do Medio Rural avanza que o regulamento que ampara esta IXP entrará en vigor dentro de 20 días e “para entón Ribeiras do Morrazo contará xa con esa protección no ámbito europeo, a todos os efectos”.

A posta en marcha desta IXP comezou no ano 2014 e foi en marzo de 2017 cando a Consellería do Medio Rural activou a protección nacional transitoria, que fixo posible que os viños da colleita do 2017 puideran contar xa coa etiqueta da IXP.

Esta indicación aplícase aos viños dos termos municipais de Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela e Vilaboa, todos eles na provincia de Pontevedra. Son viños brancos e tintos con aromas francos nos que se aprecian as características propias da materia prima da que proceden, con gradacións alcohólicas moderadas, aromas florais e de froitas e cunha boa e equilibrada acidez.

Resulta rechamante que os viños da comarca do Morrazo non se incluísen como unha subzona máis na Denominación de Orixe Rías Baixas, en cuxo centro xeográfico están situados, cando os doutras comarcas máis afastadas, como os das Ribeiras do Ulla, na provincia da Coruña, si que están amparados pola DO Rías Baixas.

Superficie e variedades

A superficie potencialmente produtora de uvas para a IXP Ribeiras do Morrazo estímase que estaría entre 1.000 e 1.500 hectáreas, sendo a variedade de uva máis representativa a albariño. Para a elaboración destes viños tamén son admisibles as variedades brancas caíño branco, godello, loureira, treixadura, branco lexítimo e torrontés; mentres que no caso das tintas son brancellao, caíño tinto, pedral, espadeiro, loureiro tinto, mencía e sousón.

Nesta zona hai 25.414 viticultores, que contan con algo máis de 73.000 parcelas de viñedo, segundo o Rexistro vitícola de Galicia. Estes datos indican que se trata dun territorio cunha viticultura minifundista onde boa parte da produción é para autoconsumo. Con respecto ás instalacións de elaboración, actualmente hai sete adegas nesta área xeográfica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información