Investigadores galegos estudan como adaptar os robots á viña

Publicidade
Investigadores galegos estudan como adaptar os robots á viña

Dron en viñedo.

Un grupo de investigadores e adegas galegas participan nun proxecto a nivel estatal para potenciar o uso dos robots nos viñedos. O proxecto supra-autonómico denominado ‘Aplicacións e uso de robótica no manexo do viñedo’ (Robodronvi) conta coa participación de 16 socios de toda España, entre eles o Grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC, o Departamento de Botánica do Campus Terra da USC, a adega Terras Gauda ou a D.O. Rías Baixas.

O grupo operativo de reflexión estratéxica Robodronvi nace co obxectivo de impulsar a aplicación da robótica (aérea e terrestre) como ferramenta que facilite a toma de decisións operativas nas explotacións vitícolas por parte de viticultores e técnicos. Ademais, con iso preténdese mellorar a competitividade, rendibilidade e sustentabilidade do sector vitivinícola español.

Liderado por Robotnik Automation, que actúa como coordinador deste consorcio, o grupo operativo Robodronvi está integrado por catro adegas de distintas zonas vitícolas españolas (Adegas Matarromera, de Castela-León; Porto Fino-Grupo Luís Caballero, de Andalucía; Viticultores Heroicos Asturianos, do Principado de Asturias, e Adegas Terrras Gauda, de Galicia), dúas empresas vinculadas ao subsector de novas tecnoloxías con aplicación en viticultura (Seresco e a spin-opff da USC 3edata Enxeñaría Ambiental), dous centros de investigación de excelencia pertencentes ao CSIC (Grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia MBG-CSIC e Grupo de Percepción Artifical do Centro de Automática e Robótica-CAR-CSIC) e un grupo de investigadores do Departamento de Botánica da USC con sede no Campus Terra.

O obxectivo é adaptar os robots aos distintos sistemas de viñedo de España

O elenco de socios que conforman este consorcio complétano dúas asociacións (Plataforma Tecnolóxica do Viño e Asociación Galega de Sistemas Intelixentes non tripulados), dúas denominacións de orixe (D.O. Xerez-Xeres-Xherry e D.O. Rías Baixas) e unha peme (Vara e Pulgar), especializada no asesoramento vitícola sobre pragas e enfermidades da vide, que colaboradora co Departamento de Sanidade Vexetal da Xunta de Andalucía.

O traballo deste grupo operativo de reflexión iniciouse cun diagnóstico elaborado por todos os participantes sobre o estado actual das devanditas tecnoloxías. Unha vez posto en común, tomaranse decisións estratéxicas e conxuntas para elaborar un proxecto de innovación cuxa execución, a partir de 2018, permitirá aplicar en campo a robótica terrestre, apoiada en voos de robot aéreos (drones). Estas actuacións pretenden servir de axuda ao viticultor na súa toma de decisións diaria en relación co manexo do viñedo.

Un dos problemas actuais é que os drons son pouco flexibles e moi custosos para empregalos en viñedo

Como resultado deste proxecto, poderanse minimizar os inconvenientes que presenta actualmente o uso destes prototipos de robots para uso terrestre e aéreo en viñedo, entre os que se poden citar a súa escasa flexibilidade, eficiencia e robustez, ademais do seu alto custo operativo. Outros aspectos que busca o proxecto é avaliar a adaptación real destes sistemas robotizados ao viñedo nacional con distintos sistemas de cultivo, así como minimizar o seu impacto ambiental, mellorar a calidade e a sanidade da vendima, e incrementar a rendibilidade da produción nos viñedos nos que se implementen.

O traballo xa desenvolvido ao longo deste ano polo grupo Robodronvi, un consorcio subvencionado polo Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama) e polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), rematará en novembro 2017.

Esta iniciativa finalizará cun proxecto de innovación para facilitar a incorporación destas tecnoloxías altamente innovadoras ao sector vitícola nacional.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información