“Imos duplicar os viñedos para elaborar un tinto de Valdeorras diferenciado”

Amancio López Vázquez é copropietario de Adega Avelina, unha bodega familiar de Vilamartín de Valdeorras que nos próximos dous anos ten previsto plantar unhas 8 hectáreas de viñedo para elaborar un tinto de parcela diferenciado

“Imos duplicar os viñedos para elaborar un tinto de Valdeorras diferenciado”

Amancio López Vázquez, copropietario de Adega Avelina

Adega Avelina é unha bodega familiar de Córgomo, no concello de Vilamartín de Valdeorras, cuxas orixes se remontan a mediados do século XX, cando Avelina, avoa dos actuais propietarios da adega, espertou o interese da familia pola viticultura, nunha das zonas de viñedo máis cotizadas da comarca.

Hoxe son os seus netos, Servando e Amancio, os que dan continuidade a esta tradición familiar…e con moito futuro por escribir. O seu novo proxecto é duplicar a súa superficie de viñedo nos próximos dous anos, pasando das 8 hectáreas coas que contan actualmente a entre 15 e 20 hectáreas, apostando polas variedades tintas para elaborar un viño de parcela diferenciado.

Cóntanolo Amancio López Vázquez, copropietario da adega, e que atopou no viñedo a súa paixón dunha forma casual.

Sodes unha adega familiar cunha historia moi interesante. ¿Cóntanos como naceu?
A orixe está nos meus avós, e especialmente na miña avoa Avelina, que logrou sona en toda a comarca como enxertadora de vides en patróns americanos resistentes á filoxera. Nun principio elaboraban viño, que era fundamentalmente de Garnacha e de Jerez, variedades máis produtivas chegadas de fóra.

Así foi ata os anos 80, cando o meu pai, Agustín, volveu de Suíza e decidiu investir os aforros en comprar viñedos aquí, en Córgomo. Hai que ter en conta que o pouco terreo bo que había para viñedo estaba repartido entre poucas familias e el cando volveu mercou e uniuno ao que herdou, chegando a xuntar 4 hectáreas.

Meu pai tamén empezou a plantar Godello e a arrancar cepa de Jerez e de Garnacha. Vendía o viño a granel, tanto branco como tinto, pero empezou a elaborar mencía e godello por separado e agasallarllo a algúns clientes, que desta forma empezaron a apreciar a súa calidade e comezaron a demandalo.

O seguinte paso importante foi no ano 2000, cando empezamos a embotellar coa nosa propia marca, Casal de Furcos Rocío, tanto branco, de Godello, como tinto de Mencía. O de Rocío é unha homenaxe a Rocío, a miña filla, e o futuro desta adega familiar.

A nosa oferta complétase co Casal de Furcos barrica e con Pradolongo, un viño en honor á película dirixida por Ignacio Vilar e que é unha homenaxe a Valdeorras. O Pradolongo Branco é un godello sobre lías e o seu destino é Francia, e o tinto o seu destino principal é Inglaterra.

 “A viticultura paréceme unha maneira auténtica de vivir”

A túa formación non foi para incorporarte á viticultura. Cóntanos como acabaches continuando a tradición familiar..
Empecei a traballar no viñedo no ano 1998, a raíz dun accidente de tráfico. Eu estudara empresariais e no 1997 tiven un accidente de tráfico, vindo da Coruña, onde traballaba levando a xestión nunha cadea de macrodiscotecas. E nos meses seguintes quedei en Córgomo a recuperarme e empecei co meu pai a ir as viñas e axudarlle a podar e a facer o resto dos traballos. E foi aí onde me namorei deste traballo.

Sei que co viñedo non me vou poñer rico, pero é algo que me gusta, que me dá a liberdade de xestionar o meu tempo. É certo que tes momentos duros, como estes últimos tres anos de inclemencias do tempo. Pero a viticultura paréceme unha maneira auténtica de vivir. Non se explican con palabras os sentimentos de plantar unha vide, ila coidando, lograr as uvas e elaborar o viño. É como criar aos teus fillos.

Ao principio empezamos a producir uva, e logo o de embotellar foi posterior, un pouco para ter un recoñecemento ao que fas. Hoxe temos 8 hectáreas, das que o 70% está plantada con Godello, un 25% con Mencía e un 5% con Garnacha.

Pero o noso obxectivo é chegar nos próximos anos a entre 15 e 19 hectáreas de viñedo. Precisamos esa superficie, é un punto de inflexión para garantir o subministro aos clientes e uns ingresos. Se tes 15 hectáreas, por moi mal que vaia, 50.000 kilogramos de uva ao ano colles, pero coa superficie actual se che ven un ano moi malo, como o ano pasado, colles só 25.000 kilos.

Ademais, contamos coa vantaxe de que as nosas parcelas -Pousadoiro, Puxeiros, Bardaxal ou O Agro- teñen uns tipos de solo moi distintos, máis pizarrosos no alto e máis arxilosos no val. Isto permite que nos anos moi secos no val teñamos colleita e nos anos algo húmidos as parcelas do alto van ter tamén colleita.

¿Que ides plantar nesas 10 hectáreas de novos viñedos?
Temos pensado plantar entre un 50 ou 60% de Mencía do clon 32, un 20 ou 25% de Sousón e o resto Tempranillo. A Mencía achegará acidez e viveza, o Sousón calidade e profundidade de aromas e o Temperanillo esa profundidade e alongamento na vida en botella.

“Imos elaborar tintos de parcela diferenciados”

O clon 32 foi o que mellor resultado nos deu despois de probar con material vexetal procedente da finca experimental da EVEGA en Leiro.

Reducistes o número de botellas que elaborades. Por que motivo?
Nun ano normal andamos polas 80.000 botellas, pero chegamos hai anos a elaborar 200.000 botellas, xa que comprábamos uva e tamén viño. Sen embargo, chegamos á conclusión de que non nos compensaba vender por prezo. Tes que facer un produto diferenciado e que se acompañe dun prezo que che deixe marxe e cunhas garantías de cobro. Posiblemente iremos aumentando, pero aínda que colleitemos 200.000 kilos de uva prefiro vender uva e quedar con esas 80.000 botellas.

En canto ao noso mercado, o Pradolongo vai case todo para a exportación, aínda que debido á mala colleita do ano pasado reducimos a unhas 12.000 botellas. A exportación ven representando entre un 20 e un 25% das nosas vendas; o 40% vendémolo en Galicia e o outro 40% no resto de España.

¿Cara onde queredes orientar o futuro de Adega Avelina con estas novas plantacións?
O que imos facer é intentar elaborar viños de parcela, de pago, e nesa liña van as plantacións que estamos a realizar agora. Primeiro vimos o terreo, a súa orientación, logo eliximos as variedades e despois que a raíz que vaia sexa o máis compatible posible tanto co terreo como coa variedade.

A idea é que toda a uva que saia de alí vaia directamente para elaborar cada viño, sen facer coupage na adega. É dicir, que de cada parcela saia unha partida diferenciada e co seu nome, de forma que se un ano a uva recollida só produce x botellas serán as que saian ao mercado.

Penso que hoxe en día mencías hai moitos, polo que a nosa estratexia é elaborar un tinto diferente e que guste no mercado. Onde podemos competir é na diferenciación, con viños de parcelas pequenas e partidas de botellas limitadas. Fóra de España aprecian esa exclusividade de botellas numeradas e penso que temos que ir a iso, porque non podemos competir coas miles de hectáreas que teñen noutras zonas.

E que lle pedirías ás administracións e ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras?
O que lle pediría á Administración é que nos ofrecese aos profesionais do sector vitícola formación específica para poder exportar, por exemplo con clases de inglés específicas para pechar negocios neste sector, ou de comercio internacional para aprender a negociar con posibles clientes doutros países. Do contrario, seguiremos dependendo de intermediarios que nos levan un parte do valor de cada botella.

No Consello Regulador penso que están a facer un gran traballo, pero creo que aínda deberían ser máis esixentes nos controis, porque iso é o que nos obriga ás adegas e viticultores a estar ao día e a mellorar ano a ano. Porque o control creo que está relacionado coa exclusividade e coa posta en valor dos nosos viños. Neste sentido, lograr a acreditación de ENAC foi o mellor que nos puido pasar en Valdeorras.

“Un gran grupo bodegueiro quixo mercar a bo prezo a nosa adega, pero dixemos que non”

E nos viveiros de planta boto en falta unha labor de asesoramento seria sobre o que mellor vai para cada zona e parcela e garantir as variedades que venden, xa non digo que veñan libres de enfermidades.

Ás adegas familiares de Valdeorras, ¿cáusavos desacougo a entrada na DO de grandes adegas de fóra?
Un dos grupos máis grandes que entrou en Valdeorras incluso nos quixo comprar a nosa adega cunha moi boa oferta. Pero eu e o meu irmán somos aínda novos e inquedos e queremos seguir vinculados a isto, polo que a rexeitamos. Haberá xente á que non lle doa vender, e non teñan unha vinculación con isto, pero nós somos familias de bodegueiros e para nós a terra ten unha historia, o meu avó estivo vivindo disto e eu sígoo facendo. Se es unha empresa non tes ese vínculo emocional.

Neste sentido, os grandes grupos que veñen de fóra cando dan con familias é raro que vendan os seus viñedos. Polo demais, creo que a súa chegada foi positiva, porque permítenos chegar a moitos mercados aos que nós non poderíamos chegar, e aproveitámonos do rebufo deles. Nun principio creo que é positivo que invistan en Valdeorras porque nos poñen no mundo. De feito, hai uns anos en Madrid non sabían o que era godello e hoxe en Munich xa che piden “la Godello”. Ademais, son unha alternativa máis para venderlles uva.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información