Haberá que facer unha segunda vendima en outono debido aos abundantes “rebuscos”

Publicidade
Haberá que facer unha segunda vendima en outono debido aos abundantes “rebuscos”

Vide de albariño con abundantes rebuscos

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de asegurar que, dado que a vendima tradicional este ano vaise adiantar de xeito significativo nalgunhas comarcas, é posible a realización dunha segunda vendima no outono dos acios que medran nos gromos coñecidos como netos (“rebuscos”), e que, en xeral, segundo se comprobou nas visitas ás viñas, son abundantes, están sans en xeral e teñen bo tamaño.

En canto aos patóxenos, dende Areeiro sinalan que a situación das viñas neste momento final é moi boa, e mesmo plantas abandonadas este ano están case libres de síntomas de Mildeu. Con respecto ao Oídio, malia ter habido repetidamente ao longo da campaña condicións que favoreceran o patóxeno, a realidade é que, salvo moi contadas excepcións, apenas houbo presenza no albariño.

No referente á Botrite, desde os últimos días de xullo diminuíu a carga de esporas recollida e en todas as fincas visitadas a ausencia de síntomas deste fungo é practicamente total.

Golpes de sol e enfermidades da madeira

Por outra banda, na última semana as capturas couzas do acio mantivéronse en niveis extremadamente baixos e, do mesmo xeito que a semana anterior, os únicos síntomas de trips estiveron confinados nos gromos terminais da finca de O Salnés. En canto aos ácaros, é de destacar unicamente a presenza de novos síntomas de erinose de verán que continúan a aparecer nos novos crecementos, nun ano en que realmente o seu axente causal, Colomerus vitis, foi o ácaro máis amplamente distribuído nas viñas.

Finalmente, en canto á viña, o aviso sinala que a ausencia de precipitacións destacables continúa favorecendo que aparezan plantas con síntomas de seca, e tamén a elevada luminosidade sobre as caras expostas dos acios está favorecendo a expresión dos golpes de sol. Do mesmo xeito, o clima deste ano favoreceu que se manifesten máis plantas con síntomas de alteracións da madeira, que é preciso marcar nos brazos afectados ou a planta enteira para que estean ben identificadas no momento da poda.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información